Grupo Municipal RIBEIRA Mª DOMINGA BRION SANMIGUEL, Concelleira-portavoz do grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG), neste Concello, presenta a seguinte moción ante o Pleno Municipal, en relación coa aprobación do deslinde de costas dos Areeiros. EXPOSICIÓN DE MOTIVOS: A Demarcación de Costas de Galicia ven de notificar ao Concello de Ribeira (con data de entrada 7-04-05) e as persoas afectadas a aprobación do deslinde de bens de dominio público-terrestre do tramo de costa duns 1.725 metros de lonxitude, da praia de Aguiño (Ribeira), referencia C.39/19-D de 100 metros a altura dos Areeiros e parte de Aguiño. A aprobación desta liña de servidume de 100 metros representa un claro retroceso con respecto ao anterior deslinde recolleito nos planos que se achegaron ao escrito remitido pola Demarcación de Costas de Galicia ao Concello de Ribeira con data de 11 de abril de 2002, no que en parte se recollía unha servidume de 20 metros, e ao que se presentaron alegacións, tanto por parte dos afectados como do propio Concello para acadar os 20 metros de servidume en toda a zona dos Areeiros, xa que toda ela se considera zona urbana dende antes de 1988. Esta actuación arbitraria da Demarcación de Costas de Galicia, da que hai abondosas mostras da súa falta de criterio no noso Concello, foi feita, ao parecer, en base a un informe negativo da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que amosa un claro descoñecemento da realidade do noso Concello, e unha actitude prepotente ante quen ben a coñece, como é o propio Concello e os afectados e afectadas, aos que este deslinde con 100 metros de servidume lle ocasionará agravios comparativos con respecto a outras zonas ademais de moitos prexuízos, xa que supón un atentado contra a propiedade privada. Polo exposto, o Grupo Municipal do BNG, solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte ACORDO: 1. Que se esgote toda a vía legal e mesmo se recorra a outros organismos como poden ser o Valedor do Pobo, El Defensor del Pueblo, etc. co obxecto de acadar os 20 metros de servidume de costas en todas as zonas urbanas do Concello, nomeadamente na zona dos Areeiros. 2. Que, paralelamente, se fagan as xestións pertinentes, por parte do Alcalde e do Grupo de Goberno, tanto diante da Xunta de Galicia como do Xefe da Demarcación de Costas de Galicia e da propia Ministra de Medio Ambiente co mesmo fin. Ribeira, 15 de abril de 2005 Asdo.: Mª Dominga Brión Sanmiguel SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE RIBEIRA