AS RAÍCES HISTÓRICAS Foron os romanos os que, ao longo das súas campañas de conquista, déronlle nome aos diferentes territorios que caeron baixo o seu dominio. Para denominar á totalidade da Península empregaron o nome de Hispania, termo do que aínda hoxe decoñecemos a súa orixe e do que procede o actual de España. Antes, os gregos denominaron as terras situadas na zona mediterránea co nome de Iberia, denominación que tamén serviría para designar a toda a Península. No caso de Gallaecia, orixe da actual Galicia, os romanos empregaron este nome para referirse a todas as terras situadas ao norte do río Douro, variando o seu límite leste co paso do tempo. 1. Os inicios do poboamento peninsular e as primeiras culturas A disposición do relevo peninsular e insular favorece o desenvolvemento de numerosas culturas coetáneas con escaso contacto entre elas, polo que presentan trazos propios e características que complican o seu estudio e dificultan e establecemento dos elementos comúns dunha época. • Para o coñecemento do proceso de hominización na península ibérica resultan de gran interese os achados de restos fósiles do xacemento de Atapuerca, no que os paleontólogos identifican os restos máis antigos coñecidos en Europa de individuos pertencentes ao primeiro grupo humano que comezou a poboar este continente hai uns 800.000 anos: o homo antecessor. Estes restos corresponden aos antepasados comúns dos sapiens, tanto neanderthales como dos sapiens. Os historiadores sempre trataron de buscar antepasados míticos, pobos ou heroes que, dende terras remotas, virían a poboar a Península. • Os grupos humanos que habitaron inicialmente a Península mantiveron, durante centos de miles de anos, uns modos de vida baseados na caza e na recolección de alimentos e á que os historiadores denominan sociedade paleolítica. En Altamira alcanzaron a culminación da arte prehistórica parietal europea. En Galicia, a escaseza de covas dificulta a localización de lugares de hábitat e son poucas as zonas ben prospectadas; cando isto ocorre, como é o caso dos arredores de Vilalba, atópase indicios da presencia humana, o que indica que o poboamento iríase estendendo cara ao interior a medida que avanza o período paleolítico. • Arredor do 6000 a.C. comezan a detectarse na vertente mediterránea indicios do cambio que supuxo a revolución neolítica. O cultivo da terra e a doma de animais facilitaron o asentamento da poboación, dando lugar aos primeiros poboados estables. Así mesmo, producíronse avances técnicos así como culturais e artísticos. En Galicia, a introducción da agricultura segue presentando moitas dificultades no seu estudio pola falta de vestixios claros. • Durante o neolítico avanzado, nun período no que se comeza a empregar cobre para a fabricación de adornos persoais e útiles e que os prehistoriadores denominan calcolítico (ou idade do cobre) en numerosas áreas peninsulares comezaron a levantarse diferentes construccións feitas con grandes pedras, dando así lugar á aparición da cultura megalítica. A maioría destas construcción son sepulcros. Eran grupos que coñecían a agricultura e a gandería e que mantiñan contactos de tipo comercial a media e longa distancia. En Galicia consérvanse varios miles de construccións megalíticas, especialmente as de finalidade funeraria: antas e mámoas. Ao longo do tempo estas construccións foron evolucionando. Ademáis das antas, consérvase en Galicia algunha pedrafita e, ata hai uns anos, varios círculos líticos. Coincidindo coa fase final do calcolítico e os inicios do bronce estendeuse por gran parte da Península e de Europa un tipo de vasilla, o vaso campaniforme, así chamado pola forma que presenta, e que en Galicia está asociado aos megalitos. • O progresivo desenvolvemento da metalurxia permitiu o coñecemento dunha aliaxe, o bronce, formada por cobre e estaño. Os seu emprego espallouse de maneira irregular por toda a Península 1 dando orixe a unha gran diversidade de culturas durante o período chamado polos prehistoriadores Idade do bronce. En Galicia, á metalurxia do bronce atribúese o maior tesouro en ouro prehistórico galego −o tesouro de Caldas de Reis− así como tamén moitos dos gravados en pedra ao aire libre −os petroglifos− moi abundantes na actual provincia de Pontevedra, e nos que destacan os motivos animais e xeométricos. 2. A chegada de influencias e pobos centroeuropeos e mediterráneos A comezos do primeiro milenio a.C. estendeuse na Península a metalurxia do ferro, fenómeno que ocasionou importantes cambios: • Entre os 1300 e o 800 a.C., no período do bronce final e inicios do ferro, prodúcese a introducción na península ibérica de diferentes elementos culturais procedentes tanto da Europa atlántica como central. Cómpre resaltar no nordeste peninsular a cultura dos campos de urnas, chamada así porque nestas áreas localízanse as urnas cinerarias cerámicas que contiñan as cinzas procedentes da incineración de cadáveres. • Ao longo do primeiro milenio a.C., a costa mediterránea e a do arquipiélago balear foi visitada por pobos procedentes do Mediterráneo oriental, que instalaron nela factorías ou colonias de carácter comercial. Por influxo destes pobos colonizadores e comerciantes, introducíronse nas terras do sur e leste peninsular novas técnicas, novos cultivos, sistemas de escritura e modificacións no sistema social, político e económico. Tamén a eles débense as primeiras descricións escritas sobre os pobos que habitaban na península ibérica. · Os primeiros colonizadores foron os fenicios, fundadores de pequenas colonias no litoral andaluz. O período de maior presencia fenicia na Península foron os séculos VII e VI a.C., decaendo a partir de entón debido ao declive sufrido polas principais cidades fenicias dominadas polos babilonios. O seu principal interese foi o control das rutas do comercio de metais. · Os gregos tamén fundaron colonias de carácter comercial, polo que se instalaron especialmente no litoral catalán e balear. A principal colonia grega na Península foi Emporion, que se converteu nun importante enclave urbano. • Coetánea da presencia fenicia e con múltiples exemplos da súa influencia, desenvolveuse na área de sueste, a florecente cultura indíxena de Tartessos, nome que aparece citado nos textos bíblicos e en escritores gregos. Esta cultura alcanzou un elevado desenvolvemento agrario, artesanal e comercial. • O dominio cartaxinés. Cartago foi unha colonia fenicia fundada por Tiro na costa do actual Túnez. Desde o século VI a.C., os cataxinenses, tamén chamados púnicos, continuaron coa fundación de colonias, o que lles permitiu dominar as rutas comerciais, a costa sur da península ibérica e as illas do Mediterráneo occidental. A partir do 264 a.C., os cartaxinenses enfrontáronse cos romanos en sucesivas guerras. No ano 226 a.C., Roma e Cartago acordaron que o río Ebro delimitaba as respectivas zonas de influencia: Roma ao norte e Cartago ao sur. Sen embargo, o ataque de Aníbal a Sagunto no 219 a.C. provocou a guerra (II guerra púnica) e o posterior envío de tropas romanas á Península, iniciando estes a súa conquista. 3. Os pobos prerromanos e a cultura castrexa Tradicionalmente agrúpanse baixo esta denominación aqueles pobos e culturas que entraron en contacto cos romanos cando estes iniciaron a conquista de Península, podendo diferenciarse tres grandes conxuntos culturais: os pobos iberos na costa mediterránea, os celtas e celtíberos no centro e norte peninsular, e a cultura castrexa no noroeste. Xunto a estes, existiron pobos de menor extensión, caso dos vascóns. • A cultura ibérica reflicte o impacto dos pobos colonizadores, fenicios e gregos, sobre o substrato 2 indíxena. Desenvolveuse, aproximadamente, a partir do 500 a.C., na zona costeira do sur e leste peninsular, penetrando cara ao interior polo val do actual río Ebro. Nos seus poboados vivían hábiles artesáns e agricultores, usaban a moeda e a escritura, e a sociedade estaba xerarquizada, dominando unha aristocracia encabezada polo monarca. • No interior peninsular, habitado por diferentes pobos independentes, desenvolvéronse culturas de tradición céltica e indoeuropea. Nalgunhas zonas, entre o val do Douro e do Ebro, adoptáronse trazos culturais ibéricos, polo que recibiu o nome de celtibérica. Numerosos pobos incluídos nesta área cultural vivían en poboados protexidos por sistemas defensivos, dedicábanse á agricultura e á gandería e tiñan un elevado nivel técnico. • A zona occidental dos Pirineos estivo habitada polos vascóns, un pobo de orixe descoñecida pero asentado no territorio desde o paleolítico. A disposición do relevo, con vales pechados por montañas, contribuíu ao seu illamento, á endogamia e ao mantemento de formas culturais. Trátase dunha lingua prerromana, diferente das indoeuropeas colindantes, da que aínda se discute a súa orixe. • No noroeste peninsular desenvolveuse a cultura castrexa. Nela destaca como elemento máis significatico os castros ou poboados, xeralmente ben defendidos por fortificacións que se localizan tanto en zonas de interior como preto da costa; no seu interior están as construccións domésticas realizadas en pedra e nas que domina a planta redondeada. A súa área cultural comprendía a actual Galicia e o norte de Portugal ata o río Douro e polo leste prolóngase ata o Sella, na actual Asturias. Cronoloxicamente desenvolveuse durante a Idade do Ferro, a partir dun substrato indíxena da época final do Bronce sobre o que actuaron influencias culturais chegadas de centroeuropa, atlánticas e mediterráneas. A cultura castrexa propiamente dita desenvolveuse entre o século VIII a.C. e o I d.C. Tras a conquista romana, os seus trazos clásicos perviven e evolucionan dando lugar á cultura galaico−romana. Os pobos castrexos non formaron unha unidade política, senón que eran grupos máis ou menos homoxéneos e independentes, aliados ou enfrontados entre eles. Non se coñece ben a súa organización social e política, pero debía existir unha certa estratificación detectable, por exemplo, na presencia de xoias empregadas como distintivos de poder. A escasa aparición de armas nas escavacións parecen indicar que non se trataba dunha sociedade en continuo estado de guerra, tal como a presentan os escritos gregos e latinos antigos. Igualmente, sabemos da existencia dun panteón relixioso que debía combinarse con cultos e ritos relacionados con elementos e forzas da natureza. No século XIX, os historiadores galegos destacaron o celtismo como compoñente básico da cultura castrexa e da etnicidade galega. A ROMANIZACIÓN No contexto das guerras púnicas, os romanos desembarcaron na Península, iniciándose un proceso de conquista que foi acompañado da romanización dos novos territorios incorporados ao Imperio. Os cambios son detectables es numerosos aspectos: divulgación do latín e da relixión romana e dos seus ritos, imposición do sistema económico, social e xurídico romano ou a aceptación dos gustos e expresións artísticas romanas e das súas formas arquitectónicas. 1. A Hispania romana • A conquista romana da Península realizouse en catro fases: · 218−206 a.C.: ocupación da franxa mediterránea, incluído o tramo baixo do Ebro e o val do Guadalquivir, e que culminou coa toma de Gades, ocupación que se realizou no marco da II guerra púnica. · 197−177 a.C.: ampliación da área xa dominada cara ao interior peninsular. Nas campañas destacaron as actuacións de Catón e Sempronio Graco. 3 · 154−133 a.C.: importante avance sobre a Meseta e o litoral atlántico. Os romanos venceron aos lusitanos, dirixidos por Viriato, e aos celtíberos que resistían tenazmente en Numancia. · 29−19 a.C.: finalización da conquista co dominio do norte peninsular tras a derrota dos cántabros, astures e galaicos; na campaña participou persoalmente o propio emperador Octavio Augusto. • A organización do territorio: provincias e civitas. Roma estableceu unha serie de unidades político−administrativas para asegurar o control do territorio, o mantemento da paz tanto interna como externa, a explotación das fontes de riqueza, a mellor percepción dos impostos e a administración da xustiza. Estas unidades foron: · As provincias, administradas por un gobernador designado por Roma. En Hispania o seu número variou co paso do tempo: * Desde o 197 a.C. foron dúas: Hispania Ulterior e Hispania Citerior * Desde o 14 a.C., coa reforma de Octavio Augusto, foron tres: Baetica, Lusitania e Tarraconensis * Desde o 297 d.C., con Diocleciano, foron cinco: Baetica, Lusitania, Tarraconensis, Cartaginensis e Gallaecia. Máis adiante, no 385 d.C., creouse a Balearica. · Os conventos eran unidades administrativas de carácter xudicial, de recadación de impostos e de recrutamento de tropas que englobaban a varias civitas. · As civitas eran as unidades básicas do sistema romano. Estaban formadas por un núcleo urbano e un territorio, máis ou menos grande, que estaba baixo o seu control e xurisdicción. Estas civitas podían ter diferentes dereitos e privilexios de acordo co estatuto xurídico polo que se rexían. Entre elas destacan as colonias, e os municipia. • Explotación e desenvolvemento económico. Os romanos aproveitaron os recursos naturais da Península, modificaron a estructura económica das dúas terras e perfeccionaron numerosas técnicas agrarias e de explotación mineira. · O sector agropecuario. A terra dos pobos conquistados pasou a ser propiedade do Estado romano, que se reservou unha parte e repartiu ou arrendou a maioría. Xunto cos pequenos propietarios existían grandes latifundistas. As técnicas agrarias melloraron coa introducción do barbeito e o regadío, así como de novo instrumental como o arado ou a trilla de rodas. · As actividades artesanais e comerciais tiveron un gran desenvolvemento vinculado coa creación de novas cidades e a inclusión da Península nos circuítos de intercambios entre as distintas zonas do Imperio romano. · As actividades mineiras estiveron moi desenvolvidas gracias á existencia de ricos filóns, sobre todo de metais preciosos. As minas foron explotadas directamente polo Estado ou arrendadas a particulares mediante o traballo de man de obra escrava e traballo asalariado de homes libres. · A evolución económica. Os dous primeiros séculos foron de prosperidade e de desenvolvemento urbano e comercial; as cidades aumentaron en tamaño e en número de habitantes e a agricultura, a producción artesanal e o comercio tiveron unha forte expansión. Sen embargo, os séculos III e IV foron de dificultades. Tamén nestes séculos, a decadencia das cidades fixo dos latifundios centros autosuficientes nos que os seus habitantes, asentados en torno á vila ou mansión do gran propietario, realizaban tanto tarefas agrícolas como artesanais e sentíanse protexidos, ante a crecente inseguridade no Imperio, gracias á presencia de grupos armados propios. 4 • As transformacións sociais. O emperador Vespasiano concedeu o dereito de latinidade aos habitantes de Hispania no ano 74, impoñéndose así a estructura social romana fronte ás sociedades xentilicias prerromanas. Os grupos básicos da sociedade romana foron: · As ordes superiores. Constitúen os grupos aristocráticos e superiores da sociedade romana, controlan os cargos públicos e posúen grandes riquezas. · A plebe urbana ou rústica, formada polos artesáns e pequenos comerciantes das cidades e os propietarios de pequenas parcelas e xornaleiros libres. · Os grupos dependentes: escravos, colonos e libertos. Os escravos, desigualmente repartidos por toda a Península, constituíron a principal man de obra en numerosas actividades tanto agrícolas como artesanais e domésticas. Os colonos eran homes libres que mantiñan relación de dependencia ou servidume cos donos da terra arrendada que traballaban. Os libertos eran antigos escravos liberados; algúns deles, polas súas actividades comerciais ou polas funcións que desempeñaron na administración imperial. Posuíron importantes fortunas. • Expansión do cristianismo. A tradición fala da penetración do cristianismo na península ibérica a través da predicación do apóstolo Santiago e de san Pablo. Esta nova relixión chegada de oriente organizábase administrativamente en dióceses dirixidas por un bispo. O seu progreso na Península foi rápido, a pesar das persecucións ordenadas polos emperadores contra os seus seguidores e dos movementos heréticos. Entre as primeiras herexías destacou o priscilianismo. O seu iniciador, Prisciliano, era fillo dunha familia nobre e, tras a súa conversión ao cristianismo, iniciou unha intensa vida de predicador. O éxito da súa predicadión e doutrina deu lugar a este movemento, no que combinaba prácticas ascéticas moi rigorosas con doutrinas gnósticas e maniqueas; os seus seguidores sentíronse atraídos pola práctica das ceremonias relixiosas amenizadas con cánticos, pola renuncia ás formas externas de poder, pola rigorosa disciplina de xaxúns e penitencias, o menosprezo do matrimonio e da estructura xerárquica da Igrexa, así como polo seu marcado autonomismo. Tras a morte do seu fundador, o priscilianismo continuou vivo en Gallaecia, zona na que alcanzara o maior número de adeptos e onde foi considerado como un mártir. O movemento non desaparece ata finais do século VI e a súa influencia marcou os inicios do cristianismo en Galicia. 2. A Gallaecia romana Os romanos deron o nome de Gallaecia ao noroeste peninsular, nome tal vez tomado dun dos pobos que habitaban na zona, os galaicos. A romanización de Gallaecia fíxose máis intensa a partir da finalización da conquista. O proceso de imposición/asimilación da cultura romana foi lento, transformando a cultura castrexa e dando lugar a novas formas cualificadas de galaico−romanas. Os cambios na cultura material castrexa evidencian a asimilación, aínda que convivindo coas formas tradicionais propias. Os cambios de mentalidade son máis difíciles de documentar, pero existen suficientes evidencias da asimilación da civilización romana. • A conquista deste noroeste peninsular interesaba aos romanos por catro razóns básicas: levar o dominio de Roma aos confíns do continente europeo; explotar no seu favor as riquezas mineiras; protexer as terras cerealeiras da Meseta dos constantes ataques dos pobos do norte e noroeste; e o prestixio que os mandos militares podían obter dunha campaña victoriosa. Pero a conquista non resultou doada aos romanos, que tiveron que enviar varias expedicións para someter aos pobos indíxenas entre as que destacan: · A dirixida por Décimo Xuño Bruto, o Galaico 5 · As incursións militares de Publio Craso e Perpenna deron paso á segunda expedición de conquista, dirixida pro Xulio César · A terceira e definitiva expedición de conquista estivo dirixida polo propio emperador Octavio Augusto, no contexto xeral das guerras cántabras • A organización do territorio conquistado sufriu variacións ao longo do tempo. Tras a súa conquista formou parte da Hispania Ulterior e, tras a reorganización do século I, da provincia Tarraconense, pero diferenciado no conxunto da provincia. Posteriormente, Diocleciano crea a provincia de Gallaecia. Para asegurar o control territorial foi fundamental o papel do exército romano. Ademais, numerosos indíxenas entraron a formar parte das tropas auxiliares romanas. Ademais dos cambios administrativos, tranformáronse tamén os asentamentos e foi modificándose o hábitat. Aínda que os romanos deron orde de que os castrexos abandonasen os seus poboados en altura e ocupasen as zonas chairas para poder exercer un mellor control, a arqueoloxía mostra como esta orde foi escasamente cumprida. No territorio da actual Galicia as cidades eran escasa, destacando unicamente a capital do convento lucense, Lucus Augusti, probablemente formada a partir dun campamento militar e que conserva a magnífica muralla iniciada no século III d.C. • A explotación económica foi unha das razóns básicas da conquista romana do noroeste, especialmente das súas riquezas mineiras. Xunto cos metais, os romanos potenciaron o desenvolvemento agrario e algúns dos productos galaicos gozaron de fama no Imperio. Nas zonas costeiras consérvanse abundantes restos relacionados coa salgadura de peixe. Para asegurar o control e potenciar o desenvolvemento económico da zona, os romanos construíron obra públicas de carácter práctico, entre as que destacan as vías principais. Na actual Galicia consérvanse numerosos restos destas construccións. Para falicitar a navegación marítima construíron faros, entre os que se conserva a Torre de Hércules, o máis antigo do mundo en funcionamento. As vías de comunicación e a progresiva circulación monetaria favoreceron o comercio, tanto o de ámbito local como o de longa distancia. • A sociedade galaico−romana mantivo sempre moitos trazos característicos da sociedade castrexa precedente, especialmente entre os grupos populares, un trazo característico das áreas de romanización periférica. A concesión de dereito de cidadanía contribuíu ao achegamento entre as dúas comunidades. • Nos aspectos culturais xogou un papel fundamental na romanización a imposición do latín, que substituíu ás linguas indíxenas. • As manifestacións artísticas conservadas son cualificadas, no seu conxunto, como arte provincial, termo empregado para indicar que se trata dunha arte que, tanto nos temas a representar como nas técnicas empregadas, está máis próxima aos modelos indíxenas que aos clásicos do estilo romano. • As tradicións indíxenas mantivéronse tamén con forza no caso da relixión. Os castrexos mantiveron as súas tradicións relixiosas e o culto ás súas divindades que acabaron pro asimilarse coas romanas. O cristianismo tamén foi introducido en Gallaecia, parece que de forma tardía e lenta, e con maior éxito inicial no medio urbano que no rural. OS REINOS XERMÁNICOS DE HISPANIA 6 Arredor do 375, os hunos chegaron ás estepas do leste da actual Europa procedentes de Asia. O seu avance victorioso provocou unha serie de movementos en cadea nos pobos que vivían preto das fronteiras do Imperio romano. A división interna romana, acompañada dun forte malestar social, favoreceu o avance dos invasores polas terras do Imperio. No 409, os suevos, vándalos e alanos que deambulaban polas Galias, aproveitando os enfrontamentos internos e a falta de tropas, penetraron nas provincias de Hispania e, tras os saqueos iniciais, repartíronse o territorio. Para controlar de novo as provincias de Hispania, os emperadores romanos recorreron aos visigodos, a cambio de terras na Galia. Entre o 415 e o 418, tropas visigodas entraron en Hispania, aniquilaron aos vándalos silingos e aos alanos, e acantoaron aos demais na Gallaecia; despois retornaron ás Galias. A progresiva perda de autoridade dos emperadores sobre as Hispanias fixo que o poder nas cidades fose asumido polas aristocracias locais hispano−romanas, ou que amplas zonas quedanse baixo o dominio dos xefes tribais. 1. O reino dos suevos na Gallaecia Os suevos asentáronse na Gallaecia e fixeron de Brácara Augusta o centro do seu reino. Foi tamén nesta época cando se produciu o asentamento de poboacións célticas procedentes de Britania na zona costeira do norte de Galicia. Integrados no reino suevo, formaron a diócese de Britonia, de tradición céltica, que comprendía máis ben a unha comunidade humana que a un territorio. Da presencia dos bretóns no territorio galego temos poucos datos. No século VI o reino suevo abarcaba os tres conventos clásicos da provincia de Gallaecia e unha parte da Lusitania ata Coimbra. Nesta época, os suevos mantiñan unha convivencia pacífica coa poboación romana facilitada pola súa conversión ao catolicismo. A partir do 572, as relacións cos visigodos deterioráronse e rexurdiron os enfrontamentos. No ano 585 o rei visigodo Leovixildo, penetrou cos seus exércitos na Gallaecia e, tras a toma de Porto e Braga, conquistou o reino suevo, anexionando definitivamente o seu territorio ao reino visigodo. Aínda así, a Gallaecia sueva debeu manter unha certa personalidade diferenciada, pois, nalgúns casos, os reis visigodos encargaron o seu goberno aos seus herdeiros ao trono. 2. O reino dos visigodos Desde o 415, os visigodos, como representantes da autoridade romana, penetraron en varias ocasións en Hispania para manter a orde e someter aos bárbaros reveldes, establecendo guarnicións nalgúns puntos estratéxicos. Sen embargo, o seu principal lugar de asentamento foi nas Galias, na zona de Tolosa, onde estableceron a súa capital. A desaparición do Imperio romano en occidente no 476, fixo que os visigodos quedaran como donos absolutos do sur das Galias e dunha parte de Hispania. Sen embargo, no 507 os visigodos foron derrotados polos francos; expulsados das Galias entraron masivamente en Hispania, asentándose principalmente na zona central, establecendo a súa capital en Toledo. Aínda así, gran parte de Hispania mantívose independente ou autónoma do pode visigodo. Entre o 569 e o 623, realizaron diversas campañas militares que lles deron o dominio da case totalidade das terras peninsulares. Produciuse tamén a paulatina fusión entre godos e hispanorromanos gracias á autorización de contraer matrimonios mixtos e á conversión dos visigodos ao catolicismo con Recaredo no 589. Ao longo de toda a súa existencia, o reino dos visigodos caracterizouse pola inestabilidade política, moi forte en determinados momentos. As guerras civís, as conspiracións e revelións nobiliarias, as disputas internas e os derrocamentos e asasinatos dos reis foron moi frecuentes. Esta inestabilidade estivo favorecida por: • O cargo de rei era electivo. Segundo a tradición goda, a asamblea de homes libres formada polos 7 guerreiros era a que entregaba o poder por aclamación a un xefe; na práctica esa asamblea estaba reservada aos nobres. Tras a conversión ao catolicismo tamén participan os bispos. • A debilidade do poder dos reis e o excesivo poder dos nobres e dos bispos. O rei non conta con medios para poder gobernar e debe apoiarse nos nobres e nos bispos, xa que estes dispoñen da riqueza suficiente para dispor de tropas armadas e facerse respectar no respectivo territorio. No século VII, a nobreza visigoda dividiuse en dous clans políticos familiares que se disputaron o trono. A división interna favoreceu a chegada dos musulmáns. Hispania e Gallaecia 8 9 10 11 Al−Andalus e os reinos cristians 12 13 14 ESPLENDOR DE AL−ANDALUS E FORMACIÓN DOS REINOS CRISTIÁNS Al−Andalus foi o nome que deron os musulmáns ás terras que ocuparon e habitaron na península ibérica entre o 711 e 1492. 1. Conquista e ocupación islámica No 711, tropas bérberes enviadas por Musa, gobernador musulmán do norte de África dependente do califa de Damasco, cruzaron o estreito e desembarcaron na zona de Xibraltar. Os enfrontamentos e divisións internas da nobreza visigoda favoreceron a expansión musulmana. En rápidas campañas, os novos continxentes de árabes e bérberes, conquistaron e ocuparon a meirande parte da Península. Os enfrontamentos foron escasos e moitas cidades e nobres visigodos capitularon e pactaron o seu sometemento; a cambio de pagar determinados impostos aos musulmáns podían conservar as súas 15 propiedades e ter autoridades propias. Os conquistadores musulmáns non formaban un grupo homoxéneo e non ocuparon toda a Península coa mesma intensidade. No reparto das terras uns grupos dos conquistadores saíron máis beneficiados que outros. Os árabes ocuparon fundamentalmente os vales ricos do sur e do leste, mentres que aos bérberes lles tocaron as terras máis pobres da Meseta e do norte. No ano 740 os bérberes, afectados polas malas colleitas e a fame, subleváronse contra os árabes. Como consecuencia da rebelión, os bérberes abandonaron os seus lugares de asentamento inicial desprazándose cara ao sur. Paralelamente, unha importante parte da poboación autóctona de orixe hispano−romana ou visigoda aceptou a nova situación, abandonou o cristianismo e converteuse ao islam; estas xentes recibiron o nome de muladís. Non toda a poboación autóctona se converteu ao islam, senón que moitos mantiveron a súa fe cristiá e os seus costumes tradicionais; estes cristiáns de orixe hispana que continuaron vivindo nos seus lugares pero sometidos aos musulmáns foron chamados mozárabes. Estaban sometidos a unha forte tributación e culturalmente foron adoptando os costumes e a lingua árabe. A súa situación foi debilitándose co paso do tempo; moitos foron emigrando cara ás terras do norte controladas polos reinos cristiáns e outros acabaron asimilándose aos musulmáns ou deportados cara ao norte de África. Desapareceron durante os séculos XII e XIII, froito da persecución dos almorábides e almohades. 2. Emirato e califato de Córdoba Despois da súa conquista, as terras de al−Andalus pasaron a formar parte dos dominios gobernados pola califa de Damasco, caro que exercía a familia árabe dos Omeias. Sen embargo, as litas internas entre os distintos clans ou tribos polo control do poder supremo provocaron, en 750, un cambio na xefatura do mundo musulmán. A familia dos Abasís fíxose co poder. Estes sucesos provocaron a ruptura da unidade política da comunidade musulmana. No 756, Abd al−Rahmán I, un dos poucos superviventes dos Omeias, chegou fuxindo a al−Andalus. Contando co apoio da nobreza árabe local, fíxose co poder en Córdoba, proclamouse emir e declarou a independencia política de al−Andalus. O triunfo da súa acción deu orixe á fundación do emirato de Córdoba. Posteriormente, no ano 929, un dos seus sucesores, Abd al−Rahmán III, autoproclamouse califa ou xefe relixioso dos musulmáns de al−Andalus; nacía así o califato de Córdoba, que se manterá ata o 1031. Tanto o emirato como o califato de Córdoba caracterizáronse por: • Monarquía absoluta e centralizada como sistema de goberno. Tanto o emir coma o califa posuían un poder absoluto. A sucesión no trono era hereditaria dentro da familia real e entre os fillos do monarca, que non tiña que ser necesariamente o primoxénito. Esta falta de precisión fixo que foran frecuentes as disputas familiares sobre a sucesión no trono e que o novo emir ou califa tivera que facer fronte ás conxuras e rebelións de membros do seu propio clan para conservar o poder. • Administración xerarquizada e poderoso exército como bases das accións de goberno. Á cabeza da administración estaban o hachib, ou primeiro ministro, e os gobernadores ou valís das diferentes provincias ou coras nas que se dividía al−Andalus. Os reinos cristiáns sufriron con frecuencia os negativos efectos das expedicións militares de castigo e saqueo (razzias). Todo este sistema administrativo e militar descansaba sobre a existencia de abundantes recursos facendísticos e o cobro de diferentes impostos de carácter territorial e persoal. • Sociedade formada por unha gran variedade de grupos étnicos e relixiosos que mantiñan a súa personalidade diferenciada: os árabes, que constituían a minoría máis rica e poderosa e estaban divididos en clans; os bérberes, que formaban o grupo maioritario dos invasores e dos exércitos; os muladís ou hispanos islamizados que formaban a maior parte da poboación; e os eslavóns, antigos escravos liberados e convertidos ao islam; os xudeus, minoría asentada nas cidades; e os mozárabes 16 ou cristiáns que vivían en al−Andalus. Tamén existiron importantes diferencias sociais e económicas dentro de cada un destes grupos, diferenciándose: os nobres, grupo minoritario que monopolizaba os altos cargos da administración e eran donos de grandes latifundios; os comerciantes e artesáns das cidades; os campesiños que posuían ou traballaban pequenos lotes de terras; e os escravos, que formaban parte do exército ou do servicio doméstico das grandes casas. • Predominio dos lazos tribais e falta de cohesión social, favorecido pola diversidade étnica, relixiosa e económica. Así mesmo, esta diversidade e falta de cohesión facilitaron o frecuente desenvolvemento de revoltas sociais e de rebelións dos poderes locais controlados polas distintas familias nobiliarias. Os conflictos internos máis graves aconteceron a finais do século IX e puxeron en perigo a propia existencia do emirato de Córdoba. • Renacemento das cidades, favorecidas polo asentamento dos invasores nos núcleos urbanos. Convertidas en centros políticos, administrativos e de intercambio, as vellas cidades hispanas incrementaron a súa poboación. As cidades musulmanas posuían un núcleo amurallado, a medina, onde se encontraban os edificios máis importantes. Non existía goberno municipal; para manter a lei e dirimir as disputas estaban os cadís ou xuíces. • Predominio dunha economía comercial baseada na reactivación das actividades artesanais e na mellora das técnicas agrarias. A necesidade de abastecer a crecente poboación urbana estimulou un forte e diversificado desenvolvemento das actividades artesanais e comerciais. Os intercambios quedaban garantidos coa emisión de abundantes moedas de ouro (dinar) e prata (dirhem). • Gran desenvolvemento cultural, científico e artístico apoiado por emires e califas e sustentado no esplendor e desenvolvemento económico. Cómpre sinalar a riqueza e luxo decorativos da mesquita de Córdoba e do palacio de Medina al−Zahra, residencia dos califas. 3. A orixe dos reinos cristiáns Tras a conquista, os musulmáns asentáronse solidamente na meirande parte da Península. Sen embargo, xurdiron unha serie de núcleos de resistencia cristiáns independentes que foron capaces de irse liberando do dominio musulmán e expandirse cara ao sur. • Na zona occidental esta resistencia cristiá xurdiu nas terras montañosas da cordilleira Cantábrica, no territorio de Asturias, e foi posible gracias á actuación da poboación indíxena dirixida por nobres visigodos. A orixe de este núcleo asturiano estivo na batalla de Covadonga protagonizada por Paio e os seus seguidores; o seu triunfo permitiu a formación do reino de Asturias. • Na zona oriental, a situación foi diferente. Os musulmáns ocuparon todo o val do Ebro, asentándose nas cidades existentes desde época romana. A conversión de gran parte da nobreza local e da maioría da poboación indíxena, permitiulles exercer un forte control sobre toda a zona ata os somontes dos Pirineos. A existencia desta cordilleira propiciou a aparición de distintos núcleos de resistencia cristiá. Estes núcleos estiveron impulsados polo reis francos, co obxectivo de ampliar os seus dominios e de impedir as expedicións de saqueo musulmanas. As intervencións dos francos iniciáronse no 778 co intento por parte de Carlomagno de conquistar Zaragoza, intento que fracasou. Sen embargo, en posteriores campañas, conseguiron dominar a zona dos Pirineos creando, en colaboración coa poboación autóctona, unha marca fronteiriza, a Marca Hispánica. A medida que a autoridade dos reis francos carolinxios diminuía, estes condados foron incrementando a súa autonomía política, sendo gobernado por familias nobres locais: · Iñigo Arista proclamou no 816 a independencia do reino de Pamplona. · Aznar Galíndez no 820 declarou a independencia do condado de Aragón. · No caso de Barcelona e o resto dos condados cataláns, o proceso de independencia foi máis complexo. O 17 dominio teórico dos reis francos mantívose ata o 988, cando o conde Borrel II declarou a independencia do condado de Barcelona. 4. O inicio da Reconquista e a loita polo val do Douro No seu enfrontamento cos musulmáns, os reinos cristiáns desenvolveron a idea de Reconquista. Na meirande parte das terras conquistadas, os musulmáns foron expulsados, desenvolvéndose paralelamente un gran proceso de repoboación polos cristiáns. • Na zona astur−cantábrica, despois de Covadonga, os cristiáns do reino de Asturias, a pesar das dificultades, foron consolidando a súa independencia e ampliando as zonas baixo o seu dominio: · Arredor de 755, o rei Afonso I de Asturias, aproveitando a sublevación dos bérberes e a fame que afectou ás poboacións do val do Douro, destruíu as poucas guarnicións musulmanas que había nesa zona. · En 813, no reinado de Afonso II o Casto, tivo lugar en Compostela o descubrimento da tumba que, segundo a tradición, conservaba os restos do apóstolo Santiago; o seu culto contribuíu a acender o espírito cristián da loita. · Durante o século IX, os cristiáns foron, en moitos casos con mozárabes procedentes de al−Andalus, realizando a repoboación do val inferior do Miño e do val do Douro. A ampliación do territorio fixo que xurdisen zonas diferenciadas que, en 910, se transformaron en reinos independentes cando Afonso III repartiu o territorio entre os seus fillos novos reinos de León e de Galicia que se mantiveron separados moi pouco tempo. Para evitar o avance cristián e esixir o pago dos tributos, os musulmáns realizaron numerosas campañas militares contra eles. · A mediados do século X, o crecente poder dos clans nobiliarios fronte aos seus reis provocou a crise de reino de León. A debilidade da monarquía leonesa permitiu que, desde o 950, o conde Fernán González actuase de forma independente no condado de Castela gracias á súa superioridade militar. Nos territorios da zona de Braga constituíuse, a finais de século, o condado de Portugal. • Na zona oriental os avances conquistadores dos cristiáns foron moi débiles, debido á forte presencia musulmana. Sen embargo, no século X, o debilitamento dos musulmáns permitiu que o reino de Pamplona conquistase as terras altas do val do Ebro e que se anexionase o condado de Aragón, aínda que mantendo este a súa personalidade política. Paralelamente, o condado de Barcelona fortifica e repoboa o val do Llobregat. 5. As campañas de Almanzor e a fin do califato de Córdoba A finais do século X, Abu Amir, alcumado Almanzor foi nomeado primeiro ministro de califa Hisham II. Rapidamente se fixo co control absoluto do goberno, apoiándose no exército e eliminando toda oposición. Con Almanzor, o Califato de Córdoba alcanzou o seu máximo poder na Península. Sen embargo, tras a súa morte, en 1002, as tensións entre os distintos grupos étnicos musulmáns provocaron unha longa guerra civil que rematou en 1031 coa desaparición do Califato de Córdoba e a súa fragmentación nun elevado número de pequenos reinos independentes e enfrontados entre si, os chamados reinos taifas. 6. A presencia musulmana en Galicia O territorio galego non foi afectado todo el de igual modo pola presencia musulmana, diferenciándose claramente tres áreas: 18 • A occidental, que non foi conquistada nin ocupada. • A norte, practicamente abandonada polos musulmáns tras a primeira expedición. Esta escasa ou nula presencia musulmana permitiu ao rei asturiano Afonso I incorporar, a partir de 750, estes territorios galegos ao seu reino e iniciar a súa repoboación. • A sur, especialmente a que comprendía o antigo convento romano bracarense, foi a máis afectada. O val inferior do Miño quedou parcialmente despoboado e os musulmáns asentáronse na zona de Braga, Coimbra e Viseu. A política de expansión dos reis asturianos, recuperando as terras tomadas polos musulmáns, ocasionou enfrontamentos entre os dous exércitos en territorio galego. A finais do século IX, a conquista e repoboación das terras entre o baixo Miño e do val do Douro desprazou definitivamente o perigo musulmán de Galicia. 7. Os inicios da repoboación cristiá Paralelamente á conquista de terras aos musulmáns, produciuse a súa repoboación ou ocupación efectiva polas forzas cristiás para habilitalas e explotalas. Sobre estas novas terras, aplicáronse os criterios xurídicos romanos e visigodos de considerar que se trataban de bens sen dono e que, polo tanto, pertencían aos reis cristiáns, quen podía dispor libremente deles para levar a cabo a súa repoboación. A modalidade predominante entre os séculos VIII e XI, foi a presura ou aprisio que permitiu repoboar os vales norteños, parte do val do Miño e do Douro, así como os somontes e vales pirenaicos cataláns. A EXPANSIÓN CRISTIÁ E A FIN DE AL−ANDALUS A fin do califato de Córdoba modificou a correlación de forzas existentes na Península, pasando o predominio aos reinos cristiáns en detrimento dos musulmáns. Desde o 1031 a historia de al−Andalus caracterizouse pola alternancia de períodos de fortes divisións internas con outros de unidade imposta polo dominio e conquista de imperios bérberes formados no norte de África. Estas fortes tensións prexudicaron aos musulmáns, que foron perdendo territorios fronte aos ataques cristiáns. 1. Taifas, parias e reinos cristiáns Xurdidas da fragmentación do Califato de Córdoba, as primeiras taifas foron reinos de pequeno tamaño, dominados polas oligarquías locais ou polos xefes militares das principais cidades de al−Andalus. Enfrontadas entre si, as súas fronteiras foron moi fluctuantes e o seu poder foi cada vez máis débil, quedando incapacitadas para facer unha fronte común ante os ataques cristiáns. Paralelamente, no mundo cristián peninsular tamén se produciron importantes transformacións. A comezos do século XI, Sancho III, o Maior de Navarra, conseguiu ampliar os territorios do reino de Pamplona. Á sua morte o reino foi repartido entre seus fillos con títulos de reis, nacendo así os reinos de Aragón e Castela. Posteriormente, e debido a tensións e loitas internas, repartos e anexións entre os herdeiros, modificouse, entre 1035 e 1076, o mapa político cristiá, distinguíndose tres grandes unidades: • O condado de Barcelona, que controla todo o norte de Cataluña e os condados do sur de Francia. • Os reinos de Aragón e Pamplona, unidos baixo un mesmo rei, pero conservando cada un deles as súas propias institucións e leis. • Os reinos de Castela, León e Galicia tamén unidos baixo un mesmo rei, Afonso VI. As rivalidades mutuas entre as taifas musulmanas, e a súa propia debilidade, fixeron que con frecuencia solicitasen axuda militar dos reinos cristiáns do norte debendo, a cambio, pagar aos cristiáns uns tributos coñecidos co nome de parias. 19 Nesta época, numerosos cabaleiros cristiáns puxéronse ao servicio dos distintos reinos peninsulares buscando incrementar tanto a súa fama como o seu patrimonio. Entre estes cabaleiros destacou Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid campeador, quen realizou numerosas campañas de saqueo e de conquista no val do Ebro e na zona de Valencia. 2. A loita contra os almorábides En 1085, Afonso VI, rei de Castela e León conquista Toledo, e a meirande parte da poboación musulmana abandona a cidade. Atemorizados ante os ataques dos cristiáns, os reis taifas de al−Andalus pediron axuda militar aos almorábides que gobernaban no norte de África. Estes derrotaron aos cristiáns e detiveron o seu avance. Os almorávides, aproveitándose da súa superioridade militar, foron anexionando progresivamente, ata 1110, as diferentes taifas existentes integrando al−Andalus no imperio almorábide. Así mesmo, nas primeiras décadas do século XII, conseguiron numerosas victorias contra os reinos cristiáns; pero non foron capaces de recuperar Toledo. 3. Creación da Coroa de Aragón e independencia de Portugal Nesta época do século XII, en todo o mundo cristián a guerra contra os musulmáns na Península adquire o carácter de cruzada contra o infiel. Este espírito, estimulado pola Igrexa, favoreceu a chegada de numerosos soldados e tropas axudando aos reis cristiáns peninsulares. • Na zona oriental en 1118, Afonso I o Batallador, rei de Aragón e Pamplona, coa axuda de cruzados francos, conquista Zaragoza e ocupa o val medio do Ebro. A morte do rei en 1134 sen descendentes directos provocou un grave problema dinástico que orixinou: · A separación do reino de Pamplona, que volve a ter reis independentes e que comeza a denominarse reino de Navarra. · A creación da Coroa de Aragón, formada en 1137. Foi unha unión dinástica na que o reino de Aragón e o condado de Barcelona estarían sometidos á autoridade dun mesmo rei, pero conservando cada un deles as súas propias leis e institucións diferenciadas. • Tamén na zona occidental se produciron modificacións dinásticas. En 1143, Afonso I Enríquez conseguiu transformar o antigo condado de Portugal en reino independente. Máis adiante, en 1157, outro reparto hereditario ocasionou a separación dos reinos de León e Castela. A mediados do século XII, o dominio almorábide debilitouse debido aos conflictos e rebelións internas. • En 1145, numerosas revoltas en al−Andalus eliminaron o poder almorábide e deron orixe aos segundos reinos taifas. Aproveitándose desta nova fragmentación, os reis cristiáns desenvolveron diferentes campañas que lles permitiron, coa axuda dos cruzados, realizar a ocupación do val do Ebro, do Teixo e do val superior do Guadiana. 4. A loita contra os almohades As primeiras tropas almohades, chamadas polos reis das taifas para facer fronte ao avance cristián, desembarcaron na Península en 1146, controlando rapidamente o val do Guadalquivir. Paulatinamente, foron conquistando o resto das taifas. A finais do século XII controlaban todo o sur e leste da Península, ademais de todo o norte de África (imperio almohade). O seu poder asentouse sobre a forza militar, sen contar con moito apoio popular. 20 Para facer fronte á ameaza dos almohades, os reis cristiáns recorreron principalmente ás Ordes Militares ou corpos militares nos que os seus membros estaban unidos mediante vínculos relixiosos e aos que lles encargaba a defensa dun determinado territorio fronteirizo. O desexo de eliminar o perigo almohade fixo que os reis cristiáns coordinasen os seus esforzos contra eles. Así, en 1212, unha coalición de tropas casteláns, aragonesas, navarras e portuguesas, comandadas polo rei de Castela, derrotou aos almohades nas Navas de Tolosa. Esta derrota debilitou o poder dos almohades. Unha vez máis, as divisións internas deron orixe á creación dos terceiros reinos taifas, gobernados pola aristocracia local ou por xefes militares almohades. A súa vida foi efémera e foron fáciles presa das accións bélicas dos reinos cristiáns. 5. A conquista de Andalucía e Levante En 1230 produciuse a unión definitiva dos reinos de Castela e León, creándose a Coroa de Castela. A derrota dos almohades e a nova división de al−Andalus permitiron aos distintos reinos cristiáns conquistar, nunha serie de rápidas campañas, case todo o sur e o levante peninsular. En moitos casos, estas rápidas conquistas foron seguidas da expulsión da poboación musulmana. Noutros, foron autorizados a permanecer nas súas terras pero sometidos aos novos amos cristiáns; esta poboación musulmana en terras de dominio cristián recibiu o nome de mudéxares. A finais do século XIII, só quedaba en poder dos musulmáns o territorio do reino de Granada. Sen embargo, os conflictos mantivéronse ata mediados do século XIV polo control do estreito de Xibraltar. A partir de 1275, os benimeríns ou marinís, dinastía bérber que gobernaba no norte de África despois da desaparición dos almohades. 6. Cartas de poboamento, doazóns e repartimentos A partir do século X cambia o sistema de repoboamento, pasando a ter maior protagonismo a concesión real das terras a poboar, así como o interese dos propios monarcas en atraer poboación ás vilas ou burgos de nova fundación que dependían directamente da Coroa. • As cartas de poboamento e as cartas forais para a creación ou ocupación de vilas e cidades en zonas despoboadas ou conquistadas aos musulmáns. Para atraer poboadores, estas cartas concedían numerosos privilexios forais á xente que se establecese neses lugares. Estas cartas outorgaban terras, liberaban de taxas e obrigacións feudais, regulamentaban as actividades económicas, así como as penas que se debían impor polos delictos cometidos. Este sistema de repoboación, que se mantivo entre os séculos X e XIII, permitiu a creación e repoboación da meirande parte das vilas e cidades. Tamén foi empregada polos reis, os nobres e os eclesiásticos para repoboar con vilas e cidades aquelas terras baleiras situadas nos seus dominios e lonxe da fronteira cos musulmáns. • As doazóns ás Ordes Militares. No século XII, ante os ataques dos almorábides e almohades, os reis concederon grandes dominios ás Ordes Militares para que os ocupasen e defendesen. Con esta modalidade realizouse a repoboación de extensas zonas. • Os repartimentos eran as concesións de lotes de terras para os repoboadores de acordo coa súa categoría social e militar. Debido á escaseza de poboación repoboadora, este sistema permitiu a creación de grandes latifundios, en mans dos señores laicos e eclesiásticos. 7. A expansión catalano−aragonesa Ademais da conquista dos reinos musulmáns, os condes de Barcelona primeiro e despois os reis da Coroa d 21 Aragón, trataron de incorporar aos seus dominios outras terras situadas fóra do territorio peninsular. Esta expansión tivo dúas fases claramente diferenciadas: • A expansión occitana dos séculos XI e XII. Por medio das relacións familiares ou de obediencia feudal, os condes de Barcelona e os reis da Coroa de Aragón dominaron numerosas terras que teoricamente debían obediencia ao rei de Francia. Esta expansión e dominio rematou en 1213, cando os catalano−aragoneses foron derrotados polas tropas do rei de Francia, perdendo case todas as súas posesións. • A expansión mediterránea dos séculos XIII, XIV e XV. Iniciouse coa ocupación de Mallorca e continuou coa conquista de Sicilia e Malta, Menorca, Sardeña e Nápoles. No caso das terras italianas, para lograr o seu dominio foron necesarias varias campañas. A súa incoporación definitiva á Coroa de Aragón realizouse moito máis tarde. Esta expansión apoiouse na formación e contratación das compañías de almogávares formadas por mercenarios ou homes de guerra que servían por unha soldada ou por unha parte do botín. A comezos do século XIV actuaron en oriente pelexando contra turcos e gregos, saquearon Bizancio e conquistaron os ducados de Atenas e Neopatria, que pasaron a depender brevemente do reino de Sicilia e despois da Coroa de Aragón. 8. O reino nazarí de Granada En 1238 Muhammad ben Nasr fundou a taifa de Granada que logrou manter a súa independencia fronte aos intendos de anexións dos cristiáns. No século XV, as loitas dinásticas polo poder e as revoltas internas debilitaron a taifa de Granada. Paralelamente, a Coroa de Castela foi intervindo e dominando territorios na fronteira. A partir de 1482, os reis Católicos iniciaron a súa conquista, que rematou en 1492, dando así fin a al−Andalus. SOCIEDADE E MONARQUÍA FEUDAL 1. A sociedade feudal A sociedade cristiá medieval foi unha sociedade feudal e estamental, é dicir, unha sociedade xerarquizada na que os individuos que a compoñían estaban ordenados en grupos, estados ou estamentos, de acordo coa función que desenvolvían; nesta sociedade predominaban os lazos de dependencia persoal fronte aos vínculos de carácter público. En consecuencia, os seus membros eran legalmente desiguais: • Os grupos privilexiados eran os nobres e os eclesiásticos. Estes grupos ostentaban a primacía social, posuían honores, títulos e honra, non pagaban tributos, tiñan leis e tribunais especiais e exercían o poder e a xustiza sobre os demais. Eran os señores e entre eles existía unha rede de vínculos de dependencia persoal que os ligaban entre si mediante a prestación de mutuos favores, fundamentalmente axuda militar a cambio de terras e honores. Eran frecuentes os enfrontamentos entre eles polo incremento dos seus patrimonios e rendas ou por controlar o poder político, pero sempre fixeron unha fronte aos demais membros da sociedade. • O grupo dos non privilexidados estaba formado polo resto da poboación. A súa situación e composición variou co paso do tempo: ·Antes do século X estivo composto fundamentalmente polos labradores. A súa situación era moi variada, pois xunto coa presencia de campesiños libres, existían outros que estaban sometidos aos propietarios das terras que cultivaban. Estes recibían o nome de colonos ou servos. · Despois do século X, o desenvolvemento da repoboación, o renacemento urbano e das actividades comerciais produciron modificacións sociais coa aparición de novos grupos. Nas cidades e vilas foron aparecendo e crecendo grupos de menestrais, artesáns e comerciantes; todos eles formaron o grupo dos 22 burgueses. Co paso do tempo, determinadas familias, gracias á riqueza obtida dos negocios ou aos favores outorgados polos servicios prestados aos reis, constituíron o grupo dominante nos núcleos urbanos, controlaron o poder local e conseguiron, ben por concesión real ou ben por matrimonio, títulos nobiliarios de inferior categoría; estas familias formaron o patriciado urbano. Ao longo da época medieval foi moi frecuente que moitos campesiños libres buscasen a protección ou o patrocinio dun nobre, dunha igrexa ou dun mosteiro. Estes vínculos de dependencia coñécense co nome de relacións de encomenda. Na Coroa de Castela, moitas comunidades de campesiños libres encomendáronse individual ou colectivemente a un señor, converténdose deste xeito en homes de benfeitoría. • Tamén existían grupos marxinais, fundamentalmente separados por razóns relixiosas. Así, en moitas partes existían minorías de xudeus. A súa consideración social pasou da tolerancia e protección real a un crecente odio popular, sobre todo a partir do século XIV, que provocou diferentes persecucións e matanzas. Nalgunhas zonas tamén existían minorías de mudéxares. 2. A monarquía feudal • O avance reconquistador e os matrimonios entre as distintas dinastías permitiron, nalgúns casos, a ampliación e unión destes reinos. Nos séculos XII e XIII produciuse unha concentración de reinos e señoríos en mans dun reducido numero de reis. Así, existían: · A Coroa de Castela, formada fundamentalmente pola unión dos reinos de Castela e León e de todos os que dependían deles. En toda a Coroa existían unhas mesmas leis e órganos de goberno comúns. Sen embargo, os señoríos vascos, pola súa situación fronteiriza, gozaron dun réxime especial, posuían privilexios e leis particulares. · A Coroa de Aragón, formada pola confederación do reino de Aragón e o condado de Barcelona aos que se engadirían posteriormente os reinos de Valencia, Mallorca, Sicilia, Sardeña e Nápoles. Cada un destes reinos, aínda tendo o mesmo rei, mantiveron as súas propias leis e institucións separadas dos demais. · Os reinos independentes de Portugal e Navarra. • A estes reinos e coroas os historiadores cualifícanas de monarquías feudais. Caracterízanse por: · Carácter patrimonial e hereditario do reino. O reino considérase propiedade do rei que o recibe e o transmite por herdanza e que pode dividilo entre os seus posibles herdeiros; sen embargo, a partir do século XIII, o reino considerouse patrimonio inalienable que debía ser transmitido íntegro. No caso de non existir herdeiros masculinos, a sucesión pasa ás fillas. · Soberanía real. O rei é o soberano, é dicir o que ten o poder supremo que, segundo a Igrexa, é concedido por Deus. Considérase ao rei como o señor natural do reino; sen embargo, non ten o poder absoluto senón que ten que gobernar e respectar as leis ou privilexios forais do reino. A autoridade do rei seguiu camiños diferentes nas distintas Coroas: * Na coroa de Castela o poder real fortaleceuse paulatinamente, afianzándose a concepción autoritaria do poder rexio. * Na coroa de Aragón predominou a concepción pactista do poder rexio. · Relacións de vasalaxe como base do poder. O poder do rei descansa fundamentalmente nas relacións de vasalaxe que establecía cos nobres e cos eclesiásticos. O rei é o señor supremo dun territorio, a quen todos lle deben obediencia e fidelidade, pero a cambio ten que outorgar aos seus vasalos un beneficio ou feudo. A súa 23 vez, os grandes nobres empregan este tipo de relacións con outros de inferior categoría, formándose así unha pirámide de dependencia que se coñece co nome de pirámide feudal. De acordo con estas obrigacións feudais. · Fragmentación da autoridade e réxime señorial. Se ben o rei ten a autoridade suprema, comparte con nobres e eclesiásticos a capacidade de mandar e xulgar aos habitantes do reino. Estes grupos lograron transformar moitas das súas terras en señoríos. Con esta división da autoridade e da xurisdicción, extensas zonas dos reinos quedaban fóra da autoridade directa dos reis. Dependendo da categoría do posuidor do señorío diferenciábase: * Señorío de reguengo: cando o seu posuidor é o rei * Señorío nobiliario: da nobreza * Señorío eclesiástico e de abadengo: da Igrexa (bispados, mosteiros) Ademais, moitas cidades e vilas tiñan dereitos forais nos que se recoñecían os privilexios que tiñan os seus habitantes, así como os seus propios órganos de goberno, que recibían o nome de concello. • Existencia de Cortes do reino. O crecemento das cidades e o aumento de poder dos seus habitantes deu lugar á aparición das Cortes ou asambleas representativas do reino, aínda que na práctica só formaban parte delas unha minoría privilexiada. As cortes eran convocadas polo rei que solicitaba a súa aprobación para impoñer unha lei ou para recadar os impostos necesarios para financiar a guerra. Nos reinos da Coroa de Aragón, para vixiar o cumprimento do acordado, xurdiron a Generalitat en Cataluña e Valencia e a Deputación Xeral en Aragón. 3. Da ruralización ao desenvolvemento urbano e comercial Ao longo da época medieval, o desenvolvemento económico dos reinos cristiáns evolucionou desde o forte predominio das actividades rurais ao progresivo desenvolvemento das actividades comerciais e artesanais. • Ata o século XI, o desenvolvemento económico dos reinos cristiáns caracterizouse polo predominio das actividades agrícolas e gandeiras e pola ruralización e o escaso desenvolvemento urbano; esta situación contrastaba fortemente co esplendor económico e comercial de al−Andalus · A terra foi a base principal sobre a que se sustentaba tanto a riqueza como o poder · A producción artesanal foi moi reducida e estaba realizada nas zonas rurais. • Entre os séculos XI e XIII produciuse no mundo cristián un importante crecemento de todas as actividades económicas caracterizado por: · Aumento do espacio cultivado e da productividade agraria. A introducción de diferentes progresos técnicos permitiu un aumento da producción agraria que foi seguido dun aumento de poboación e do cultivo de novas terras. · Forte desenvolvemento da gandería. En Castela, a gandería trashumante converteuse na principal actividade agraria. A actividade agraria estaba regulamentada polas mestas que foron reunidas nunha única institución, o Consello da Mesta. · Crecemento urbano e comercial. O aumento da producción agraria e da poboación, así como a protección exercida por reis e señores feudais, estimularon a revitalización das vellas cidades romanas ou a fundación de 24 novos núcleos urbanos. Así mesmo tanto na Coroa de Castela como na Coroa de Aragón floreceu o comercio e foi especialmente protagonista as manufacturas téxtiles. · Establecemento de sistemas monetarios e potenciación das feiras. O incremento das relacións comerciais favoreceu a acuñación e fixación dos sistemas monetarios por parte dos monarcas aragoneses e casteláns. Así mesmo, aparecen os cambiadores e as operacións de crédito; as feiras e mercados increméntanse, contando co apoio e protección dos reis e señores. · Creación de gremios e confrarías. Os artesáns formaron agrupacións por oficios denominadas gremios coa finalidade de regulamentar a producción, os prezos e a calidade dos productos, así como as relacións entre os propios artesáns. Vinculadas aos gremios estaban as confradías, asociacións de carácter relixioso vinculadas aos distintos oficios e aos seus santos protectores. A CRISE DOS SÉCULOS XIV E XV Os séculos XIV e XV estiveron marcados en toda Europa por unha forte crise que afectou a todos os sectores da sociedade. A crise tivo manifestacións diversas nos reinos europeos e peninsulaes pero, en liñas xerais, pódese dicir que tivo un carácter global afectando a todos os grupos sociais. 1. A crise demográfica e a peste negra A partir de finais do século XIII produciuse en todos os reinos europeos un forte descenso da poboación debido ao incremento da mortalidade catastrófica provocada polas fames e as epidemias de peste. Cara a finais do século XIII, a poboación incrementaráse por enriba dos recursos dispoñibles; as terras desgastadas producían cada vez menos e, ademais, as condicións climáticas empeoraron. Producíronse deste xeito malas colleitas e a subalimentación e a fame empezaron a causar estragos; moitos morreron de fame e outros quedaron moi debilitados, favorecendo a propagación das enfermidades e epidemias. Nesta difícil situación, estendeuse por toda Europa en 1348 a peste negra procedente de oriente, provocando unha gran catástrofe demográfica. O retroceso da poboación foi espectacular ao longo do século XIV, pero esta brusca reducción da poboación permitiu aos supervivintes dispor de máis medios para saír adiante; deste modo os reinos peninsulares, agás Cataluña recuperaron as taxas demográficas no século XV. 2. Crise e recuperación económica O descenso de poboación paralizou o crecemento económico e todas as actividades víronse afectadas. En moitos lugares as actividades económicas transformáronse, permitindo pasar da crise á recuperación, proceso que aconteceu con notables diferencias: • Na Coroa de Castela, a recuperación económica estivo asociada á extensión da gandería ovina e ao incremento da producción de la. • Na Coroa de Aragón, a crise e a contracción das actividades económicas, así como a súa recuperación, tivo un desenvolvemento diferente nos distintos reinos. En Cataluña, o auxe comercial e artesanal prolongouse ata comezos do século XV. Sen embargo, a segunda metade do século XV foi de forte caída e crise. Os reinos de Aragón e Valencia, en cambio, lograron recuperarse no século XV centrados na actividade agraria co emprego de numerosa man de obra mudéxar. 3. Crise política e revoltas nobiliarias A crise demográfica e económica tivo un forte impacto sobre os grupos nobiliarios; en xeral, moitos deles viron reducidos os seus ingresos e s súas rendas señoriais. Ante esta situación tiveron que recurrir a diferentes extratexias para manter o seu nivel de renda; ou eundurecer as cargas feudais ou cobrarlles os mosteiros e igrexias por protexelos. 25 As esixencias dos nobres tamén afectaron ás monarquías, sobre as que presionaron para conseguir dos reis novas mercés, rendas e terras. O enfrontamento entre a nobreza e a monarquía orixinou nalgúns momentos graves conflictos internos entre os que destacan: • A guerra civil castelá entre Pedro I e Henrique II de Trastámara (1366−69). O autoritarismo de Pedro I provocou a reacción da alta nobreza, que tomou partido a favor do seu irmán bastardo, Henrique. A guerra adquiriu un carácter internacional enmarcada na guerra dos Cen Anos. O triunfo de Henrique II, tras o asasinato de Pedro I, supuxo a entronización da nova dinastía Trastámara en Castela e o fortalezemento da nobreza gracias ás mercés concedidas polo novo monarca. • A guerra civil en Navarra (1450−61). O conflicto iniciouse tras a morte da raíña Branca enfrontándose o seu fillo Carlos, príncipe de Viana, co seu pai Xoán, rei consorte viúvo que se negaba a renunciar ao título de rei. O seu segundo matrimonio con Xoana Henríquez (do que naceu Fernando, o futuro rei Católico), fixo que perdera legalmente os dereitos sobre Navarra. A morte de Carlos favoreceu os propósitos de Xoán de entronizar en Navarra á súa filla Leonor, abrindo así a posibilidade de intervención de Aragón nos asuntos navarros. • A guerra civil catalana (1462−1472). O conflicto orixinouse pola detención de Carlos, príncipe de Viana, por orde de seu pai, Xoán II de Aragón, que lle disputaba o seu dereito ao trono de Navarra. Ante esta situación, a oligarquía catalana aproveitou a situación para iniciar unha guerra contra o monarca, que pretendía establecer unha monarquía autoritaria. Xoán II contou co apoio da nobreza, parte do campesiñado e artesanado catalán, e o do rei de Francia. A guerra rematou co triunfo de Xoán, aínda que tivo que conceder unha ampla amnistía e respectar as institucións tradicionais. • O enfrontamento da nobreza con Henrique IV de Castela (1465−68). O intento de Henrique IV de fortalecer o seu poder co apoio das cidades suscitou a oposición da alta nobreza. A tensión culminou no apoio prestado pola nobreza a Afonso, irmán do monarca, ao que incluso nomean rei; á morte deste, a nobreza impuxo ao indeciso Henrique que recoñecera como herdeira á súa irmá Sabela en lugar da súa filla Xoana a Beltranexa. 4. Crise e revoltas sociais Nos séculos XIV e XV, o empeoramento xeral das condicións de vida e a explotación señorial crearon un forte malestar entre os grupos non privilexiados, grupos que protagonizaron diferentes revoltas tanto no campo como nas cidades. Ademais do conflicto irmandiño en Galicia, destacan: • A revolta foránea de Mallorca (1450−52). Desde o século XIV, os concellos rurais de illa mantiñan unha forte rivalidade coa oligarquía da cidade de Palma que controlaba o sistema político, administrativo e fiscal. Á protesta dos campesiños sumáronse os artesáns, de modo que o conflicto adquiriu un forte carácter social. Pero a falta de unión entre os sublevados e a violencia con que actuou o exército de Afonso V de Aragón, acabou coa protesta. • O enfrontamento da Busca e a Biga en Barcelona (1450−62). Foi un longo conflicto que enfrontou á sociedade barcelonesa organizada no sindicato da Busca formado por artesáns e pequenos comerciantes, e a oligarquía da Biga que controlaba o goberno da cidade. En 1453, gracias ao apoio real, os da Busca lograron facerse co poder municipal, pero en 1462 a Biga recuperou o control das institucións e reprimiu con dureza aos dirixentes da Busca. Este conflicto agravou a crise entre a oligarquía e a monarquía, enlazándose coa guerra civil e o conflicto remensa. • O conflicto remensa en Cataluña (1462−86). Coincidiu coa guerra civil catalana. Os remensas esixían a súa liberación, pero non a conseguiron ata 1486 cando unha sentencia do rei Fernando o Católico eliminaba os malos usos previa indemnización aos señores. Así mesmo, nos séculos XIV e XV produciuse a ruptura da tolerancia relixiosa cos xudeus. Nos reinos cristiáns peninsulares existí unha relativa tolerancia relixiosa cos musulmáns e os xudeus; sen embargo, a crise xeral e o incremento da violencia acentuou a intolerancia e os xudeus foron acusados de ser os culpables de todos os males. Producíronse diversos progroms (persecucións e matanzas) de xudeus. Para salvar a súa 26 vida, moitos deles convertéronse ao cristianismo pero, na maioría dos casos, seguiron practicando o xudaísmo. A GALICIA MEDIEVAL Amosou características específicas e outras semellantes aos demais reinos peninsulares. 1. Un reino sen rei A conquista musulmana da Península trouxo consigo a desarticulación da vella Gallaecia romana e suevo−visigoda. A escasa presencia musulmana fixo que os reis astures fosen incorporando as terras galaicas ao seu dominio. Esta integración no reino astur realizouse en varias fases: • A Galicia nor−oriental. A primeira incorporación foi realizada, a partir de 750, por Afonso I quen repobou a zona litoral cantábrica e a cidade de Lugo. Co seu sucesor pasou a formar parte do reino astur o val medio do Miño e a zona oriental. Esta inicial integración contou coa oposición dos nobres locais, que se enfrontaron aos monarcas astures e foron derrotados. • A Galicia occidental. Con Afonso II produciuse a anexión da zonda occidental e costeira de Galicia, realizada de forma pacífica. Foi tamén durante o seu reinado cando se descubriu a tumba que supostamente contiña os restos do apóstolo Santiago. • A Galicia meridional e as terras alén do Miño. Realizouse con Ordoño I e Afonso III quen, cos seus condes, conquistaron e repoboaron as terras. Desde o século IX, o termo de Galicia quedou restrinxido para designar ás terras situadas desde o Mondego e o Douro ata o Cantábrico, diferencidadas das terras de Asturias e León. Esta individualización territorial propiciou que, tras a morte de Afonso III no 910, fose creado o reino de Galicia e outorgado en herdanza a un dos seus fillos. Como reino independente, mantívose en varios momentos pero sempre dun modo efémero e como consecuencia dos repartos hereditarios realizados polos monarcas astur−leoneses. Despois disto Galicia nunca volveu a ser reino independente pero, sen embargo, os monarcas posteriores mantiveron a titulación de reis de Galicia entre os títulos cos que encabezan a documentación oficial. Dentro de Galicia, as terras situadas entre o Mondego e o Miño foron progresivamente denominadas co termo de Portugal ata que en 1143, Afonso Henríquez conseguiu ser proclamando rei de Portugal; a separación portuguesa reduciu a Galicia aos límites actuais. 2. Os señores de Galicia En Galicia, a partir da súa integración na monarquía astur, foise establecendo e asentando o réxime feudal e señorial: • Os señores laicos. Entre os séculos VIII e X, en paralelo co avance reconquistador, en Galicia foi surdido unha elite de descendentes da aristocracia local, que polas súas relacións co poder real, fíxose co control político e social do territorio. Así mesmo, conseguiron formar grandes patrimonios territoriais. Esta nobreza condal tivo un forte protagonismo político, en especial a familia dos condes de Présaras e a dos condes de Traba, sendo constantes os sus enfrontamentos cos reis e a súa participación nas disputas dinásticas. A crise social e política do século XIV variou a composición e o protagonismo dos membros da nobreza galega. A vella nobreza condal foi desprazada pola aparición de novas liñaxes, a chamada nobreza dos cabaleiros, que se beneficiou da lita dinástica que enfrontou a Pedro I con Henique de Trastámara. 27 Os constantes problemas dinásticos que afectaron á Coroa de Castela a finais do século XIV e comezos do XV permitiu que estes cabaleiros empregasen a violencia para aumentar os seus patrimonios e rendas. Os Altamira, Lemos, Soutomaior, Moscoso, Sarmiento, Ulloa ou Andrade compiten entre si e dispútanse o dominio sobre terras e castelos, creando un forte malestar social que orixinará as protestas dos irmandiños. • Os señores eclesiásticos. Pola extensión das súas propiedades e a cantidade de rendas que percibían, constrituíron o grupo superior da sociedade galega medieval. Os mosteiros aculularon inmensas riquezas. Realizaban a súa explotación directamente mediante granxas, ou ben indirectamente a través de arrendamentos, denominados foros, aos campesiños, práctica que se xeneralizou a partir do século XIII. O outro grupo importante de señores eclesiásticos foron os bispos. En Galicia existiron cinco sedes episcopais −Santiago, Tui, Ourense, Lugo e Mondoñedo−. Moitos deles levaron un estilo de vida que os diferenciaba pouco da nobreza laica da que procedían. Entre todos os señores eclesiásticos destacou Diego Xelmírez que mantivo boas relacións co Papado de Roma conseguindo, entre outras prerrogativas, a categoría arcebispal para Santiago e o privilexio do Ano Santo. 3. As peregrinacións a Compostela A pouco de ser descuberto o suposto sepulcro de apóstolo Santiago, comezou a organizarse un camiño de peregrinación que acabaría sendo a principal vía cultural que comunicaba a Península coas terras europeas. A afluencia de franceses fixo que fose coñecido como Camiño francés, ou simplemente Camiño de Santiago. A vía marítima foi a seguida polos peregrinos nórdicos e ingleses que desembarcaban na costa galega. A concesión do privilexio do Ano Santo polo Papa Calixto II en 1122 contribuíu poderosamente á extensión do culto a Santiago e ao fomento das peregrinacións, que alcanzaron o seu apoxeo coa chegada de milleiros de persoas nos séculos XIII e XIV. 4. Reactivación da vida urbana Como no resto dos países europeos e peninsulares, a reactivación das actividades económicas fixeron que, a partir do século XII, Galicia experimentase un importante crecemento da súa vida urbana. Este crecemento resulta especialmente apreciable en tres ámbitos: • As sedes episcopais. A maioría dos bispos procuraron desenvolver a cidade na que residían. Foi Santiago a que experimentou a maior transformación, favorecida por ser a meta do Camiño. • O Camiño de Santiago. A intensificación das peregrinacións favoreceu a aparición ou o crecemento de vilas situadas ao longo do seu percorrido. • A costa. A diminución dos saqueos dos normandos e das razzias musulmanas, xunto co aumento do comercio favoreceron a repoboación da costa galega durante a segunda metade do século XII e comezos do XIII. Moitas destas novas vilas foron doadas polos reis ao arcebispo de Santiago, quedando moi poucas cidades de reguengo na costa galega. 5. As dificultades do século XIV Como no resto de Europa, tamén Galicia viuse fortemente afectada polas pestes, as fames e as guerras. • Fame e peste. A climatoloxía adversa e a escaseza de terras cultivables coas que alimentar unha poboación en aumento acabaron por provocar fames xeneralizadas. Sobre esta poboación mal alimentada incida a peste negra. • Guerras dinásticas. Entre 1369 e 1389, o territorio galego foi escenario dos conflictos dinásticos. En 28 1370, Fernando I de Portugal reclamou o trono de Castela, contando cos que foran leais a Pedro, entre os que estaban os nobres galegos. As tropas de Henrique II obrigaron a Fernando I a volver a Portugal. HenriqueII, para asegurar a obediencia dos galegos, deixou aquí guarnicións francesas. En 1386 estala de novo a guerra cando o duque de Lancaster intentou conseguir o trono pelexando contra Xoán I. A peste que afectou ao seu exército contribuíu á súa retirada definitiva en 1387, renunciando aos seus dereitos a cambio do casamento da súa filla co herdeiro de Xoán I. • Revoltas sociais. A finais do século XIV e comezos do XV producíronse revoltas protagonizadas polos homes das vilas e cidades contra os abusos cometidos polos seus señores. 6. A revolta dos irmandiños As dificultades vividas durante o século XIV provocaron unha diminución das rendas dos nobres galegos. Para compensar esta perda de ingresos, actuaron con violencia usurpando bens, impoñendo proteccións aos mosteiros e igrexas e esixindo novas taxas e tributos á poboación. Ao mesmo tempo, enfrontáronse entre eles o realizaron numerosas expedicións de saqueo, refuxiándose logo nas súas fortalezas. Os reis permitiron a formación de irmandades para defender os dereitos e liberdades e opoñerse aos abusos. En Galicia, as guerras ou revoltas irmandiñas foron os movementos ou conflictos nos que os campesiños e os habitantes das cidades formaron unha irmandade coa que pretendían eliminar a violencia dos señores e os abusos que estes estaban impoñendo. Houbo dous movementos irmandiños: • A Irmandade fusquenlla, chamada así porque os seus inimigos dicían dos seus compoñentes que estaban tolos. Orixinouse en 1431 nas terras de Pontedeume e Betanzos ante a dureza que amosaba Nuño Freire de Andrade o Mao, cos campesiños que vivían nos seus señoríos. Estes campesiños, capitaneados polo fidalgo coruñés Roi Xordo, formaron unha irmandade e asaltaron e destruíron diversas fortalezas e castelos. As forzas de Andrade axudadas polas do arcebispo de Santiago derrotaron aos irmandiños da fusqeunlla e restableceron a situación anterior. • A Gran guerra irmandiña (1467−69). Cansos dos abusos nobiliarios e dos seus enfrontamentos bélicos, gran parte da poboación galega uniuse nunha gran irmandade contra a nobreza dos cabaleiros e o arcebispo de Santiago. Calcúlase que foron uns 80.000 os que participaron na irmandade e nela estaban tanto os campesiños como os habitantes das cidades e algúns clérigos e fidalgos. Ante a acción dos irmandiños, moitos nobres e o arcebispo de Santiago fuxiron cara a Portugal ou Castela. Donos da situación, impuxeron as súas demandas. Os nobres reorganizáronse e iniciaron desde Portugal unha rápida campaña militar que lles permitiu recuperar os seus territorios e someter aos campesiños en 1469. A victoria nobiliaria foi seguida dunha dura representación. Recuperado o seu poder, os cabaleiros axusticiaron a moitos cabecillas dos irmandiños e obrigaron ao campesiños a reconstruír as súas fortalezas. 29