Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba FILOSOFÍA MEDIEVAL 1. A NOCIÓN DE ESCOLÁSTICA E O NACEMENTO DA UNIVERSIDADE: Tras a caída do Imperio Romano occidental segue o período coñecido como Idade media. Este divídese en Alta e Baixa Idade Media. A Alta Idade Media transcorre entre os séculos V e X. Os primeiros séculos da Idade Media corresponden a un período de invasións, o que trae consigo que se derrube a organización política e social e que a economía se debilite. Todo isto da lugar a un sentimento de inseguridade. E é neste preciso momento cando nace unha nova organización social, o FEUDALISMO. Este será un ambiente pouco propicio para a creación científica, filosófica e artística. Tamén caracterizouse esta época pola proliferación dos novos reinos xermánicos: saxóns, visigodos ou lombardos, entre outros. O poder nestes reinos baseábase nas relacións persoais de dependencia e fidelidade entre o rei e a nobreza. Por iso, a Igrexa non tivo que utilizar sofisticados argumentos para converter estes pobos ao cristianismo; abondaba a conversión do rei para que todo o pobo o seguise. Esta situación favoreceu a extensión da Igrexa por toda Europa e favoreceu que a vida cultural quedase centralizada nos mosteiros. En Occidente, o legado grecolatino foi escaso, pero este si puido conservarse en mellores condicións no Imperio bizantino, máis estable politicamente que Occidente. Non obstante, nos mosteiros occidentais intentouse preservar o que quedaba deste legado a través da produción de manuscritos ilustrados. Neste sentido, Boecio (480 -524) dedicouse a traducir e compilar obras clásicas tales como Isagoge de Porfirio ou a lóxica aristotélica; por iso consideróuselle un dos precursores da escolástica. Podemos destacar tamén nesta labor a Casiodoro de Calabria no século VI, e no século VII a S.Isidoro de Sevilla; estes autores recompilaban coñecementos da época en obras de carácter enciclopédico. No século IX, Carlomagno (742 – 814 ) foi coroado rei dos francos polo Papa León III. Carlomagno tratou de reconstruír o Imperio romano sobre a unidade do cristianismo. Era entón cando na Europa occidental se comezaba a fraguar certo sentido de unidade concretado na oficialidade do latín como lingua común e na creación dunha administración centralizada. Desde o punto de vista político, e seguindo o modelo agustiniano, constitúese unha teocracia baseada na complementariedade do poder do emperador, temporal e delegado, e o poder relixioso do papa, delegante. O poder deixaba de xustificarse por relacións persoais de dependencia e comezábase a apelar a poderes universais: o Pontificado e o Imperio. Co ánimo de fortalecer culturalmente o Imperio, Carlomagno fundou a Escola Palatina en Aquisgrán (actualmente Alemaña), á que seguiu a apertura doutras escolas. Nela e nos mosteiros intensificáronse os labores intelectuais: traducíanse obras clásicas, estudábase teoloxía, gramática, artes, lóxica, etc. Pero o renacer cultural veu abaixo no século X, tras a caída da dinastía carolinxia, a decadencia da vida monástica, a degradación do papado e os ataques de normandos, musulmáns e mongois. O sistema centralizado que permitiraa proliferación de escolas quedou fragmentado. Tras a crise veu unha época de prosperidade; referímonos ao primeiro período da Baixa Idade Media (s.XI – s.XV). É o momento de máximo esplendor da Igrexa Católica, a cal domina toda Europa e impulsa incluso expansións como as das Cruzadas. Ese dominio da Igrexa pódese ver nos grandes templos góticos das cidades medievais e na importancia dos camiños de peregrinación, como o Camiño de Santiago. A expansión militar a través das cruzadas Prof.:Mari Trillo Leis 1 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba abrira novas rutas comerciais. Os novos produtos eran desexados por unha nobreza que sobreexplotaba ó campesiñado para aumentar a súa capacidade adquisitiva. Por outro lado, a incorporación de novas técnicas, a cuñaxe de moeda e o traballo artesanal desenvolveron o sistema produtivo e comercial. Eses factores, xunto coa fuxida de parte do campesiñado sobreexplotado, motivou o desenvolvemento das cidades ou burgos, lugares que ofrecían maiores liberdades que as zonas feudais. Os núcleos culturais máis activos atópanse en Francia: París, Chartres, Orleáns. Chegan, tamén, manuscritos dos autores antigos sendo intermediarios os árabes (é o século das cruzadas). Os árabes coñeceron con plenitude o pensamento helenístico e desde o s.IX os intelectuais árabes tiñan traducións das obras de Aristóteles e de Platón. O desenvolvemento do pensamento árabe alcanza o seu momento máis importante entre os séculos X e XI, sendo autores árabes significativos Avicena (s.X), Averroes (s.XI). Temos que destacar aquí, tamén no século XI e dentro do ámbito da filosofía cristiá, a figura de S.Anselmo de Canterbury, típico representante do pensamento monacal e seguindo a liña de S.Agostiño. Na súa obra Proslogion desenvolve o seu famoso “argumento ontolóxico” como demostración da existencia de Deus. É neste contexto onde aparece a Escolástica, que tivo a súa orixe nas escolas fundadas no Renacemento carolinxio e que terá o seu máximo esplendor no século XIII. O termo “escolástica” vén do tero latino scholasticus, que se aplicaba aos que ensinaban nas escolas e mosteiros dos séculos XI ao XIV as artes liberais, o Trivium (Gramática, Retórica, Dialéctica) e o Quatrivium (Música, Aritmética, Xeometría e Astronomía). Ten tamén outros significados, pero o habitual é para caracterizar aquela filosofía que se elabora dentro do horizonte do dogma católico; esta era a maioritaria na Idade Media, por iso téndese a identificar a Filosofía Escolástica e a Filosofía Medieval. Vemos pois, que a escolástica é un movemento que trata de conciliar a filosofía pagá grecolatina recuperada en Oriente coa fe. Os escolásticos estaban convencidos de que xa posuían a verdade e calquera tiña acceso a ela: era a verdade sagrada da revelación divina. O que eles buscaban era fundamentar esa verdade e interpretala a través do pensamento racional. O propósito dos escolásticos era afondar no coñecemento das verdades da fe a través da razón, sistematizando os contidos da verdade sagrada mediante un método filosófico. Tamén intentaban rebater con argumentos filosóficos as obxeccións que podían resultar da propia razón contra esta verdade sagrada. O momento culminante da escolástica, como xa dixemos antes, é o século XIII, destacando nomes como: S.Buenaventura, S.Alberto Magno e S.Tomé. Son varios os motivos para este colmen. En primeiro lugar, a estabilidade política é cada vez maior, tamén o número de cidades,dando lugar a un aumento do comercio e polo tanto a un progreso económico. En segundo lugar, froito da evolución das escolas monacais aparecen as universidades. A universidade máis famosa é a de París destacando en Teoloxía.Tamén son importantes as de Bolonia (Dereito),Oxford (Teoloxía). A universidade de Salamanca xurde no 1220. Foron espazos relativamente independentes dos poderes políticos e eclesiásticos e estiveron dedicados ao estudo, a discusión crítica e a produción de coñecemento. Nelas, as ensinanzas tradicionais foron ampliadas cos novos saberes que chegaban do mundo islámico e bizantino (medicina, astronomía, etc.) aínda que o conxunto destes saberes seguía coroado pola teoloxía. E por último, continúa a recepción de traducións dos filósofos gregos a través dos árabes e xudeus, que xa comezara no s.XII; neste sentido destacan as figuras de Roberto Groseteste e Guillerme de Moerbcke (as súas traduccións serán as que utilice Sto. Tomé). Prof.:Mari Trillo Leis 2 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba Este contacto coa cultura árabe e xudía supón un impulso vivificador que culminará posteriormente no Renacemento. O pensamento de Tomé de Aquino xurdirá neste contexto e introducirá unha nova síntese teolóxica – filosófica elaborada a partir doutro pensador grego recuperado polos árabes: Aristóteles. 2. A RECEPCIÓN DE ARISTÓTELES. AVERROES E O AVERROÍSMO LATINO: Un dos factores que explican o auxe da Escolástica no século XIII así como a renovación cultural que naquel século tivo lugar foi a recepción en Occidente das obras aristotélicas descoñecidas ata ese momento. Antes desta época soamente coñecíanse, xa desde Boecio (século VI), algúns dos libros de lóxica dos que compuñan o que se chamaba o Organon aristotélico: As Categorías e De Interpretatione. Estes dous libros, xunto cunha obra do neoplatónico Porfirio (Isagoge) que se colocou como introducción ás mesmas, constituían o que se deu en chamar a Loxica vetus (Lóxica antiga). Na recepción da obra aristotélica pódense distinguir dúas etapas debido á dobre vía de penetración que aquela tivo en Occidente. Así, ao longo do século XII comeza o coñecemento de Aristóteles a través da filosofía árabe e xudía que ofrece ao mundo latino unha vía indirecta para o descubrimento dalgún dos seus libros. Posteriormente, no XIII, teríase un coñecemento deste autor mediante as traducións do grego ao latín, que dá lugar á chamada vía directa. O pensamento de Aristóteles reapareceu a través do sirio Avicena (980 – 1037) e do andalusí Averroes (1126 – 1198), os que elaboraron unha articulación entre o pensamento aristotélico e o islámico. Estes pensamentos, principalmente o de Averroes, foron combatidos pola Igrexa na universidade de París pero a súa influencia propagouse, ata o punto de dar orixe a un “averroísmo latino”. Os pensadores islámicos, como os cristiáns, atendían á cuestión de como reconciliar a fe, do Corán, coa razón. Pero o aristotelismo formuláballes unha serie de ideas difíciles de casar co dogma coránico tales como, a eternidade do mundo, a negación da intervención divina no mundo ou a mortalidade dos trazos individuais da alma. O cordobés Averroes abordou a ardua tarefa de reconciliar a filosofía de quen consideraba a culminación do intelecto humano –Aristóteles- coa fe do islam. Fíxoo a través dunha serie de comentarios ás obras do filósofo grego, o que lle valeu o alcume de “ o Comentador”. A través da influencia aristotélica propuxo unha explicación da relación entre fe e razón, coñecida coma a teoría da dobre verdade. Sen dúbida, o seu pensamento reabría de forma polémica o debate sobre tal relación. No seu esforzo por conciliar a liberdade necesaria de especulación filosófica á verdade da fe, Averroes mantén que a verdade radica no Corán, pois este é a revelación milagrosa da verdade de Deus, pero tamén afirma que o tipo de coñecemento e o grao de comprensión desa verdade dependen da clase de ser humano que sexa cada un, e así distingue 3 tipos de personalidades. En primeiro lugar, fala dos relixiosos, o vulgo principalmente, que accederían á mensaxe divina mediante unha linguaxe sensible e pedagóxica. En segundo lugar, os teólogos, que nun nivel intermedio se achegarían á verdade mediante un saber probable e interpretativo dos mitos. Por último, os filósofos, unha minoría de intelixencias capacitadas para coñecer o mundo, o home e as relacións humanas dun modo científico. Dentre eles só o filósofo pode realizar con plenitude o ideal de vida contemplativa que, como en Aristóteles, é camiño cara á felicidade plena. Pero máis destacable é que a verdade que alcanzan uns e outros non ten por que coincidir, dado que os graos de profundidade non son os mesmos. De aí adoita atribuírselle Prof.:Mari Trillo Leis 3 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba a chamada teoría da dobre verdade, en virtude da cal un mesmo home pode soster afirmacións contraditorias desde a súa dobre condición de filósofo –afirmacións racionais- e crente –afirmacións de fe-, se ben a primeira sempre será superior á segunda, é dicir que a teoloxía tende a subordinarse á filosofía, xa que a verdade filosófica constituía una explicación máis refinada e rigorosa que a teolóxica. Non obstante, era consciente de que as personalidades teolóxicas e relixiosas non podían asimilar tal afirmación e por iso mantiña que a verdade filosófica non debía ser comunicada a tales mentalidades, precisamente, pola súa incapacidade innata para comprendela. A esta teoría da dobre verdade enfrontarase S.Tomé. Por outa banda, a tradución directa do grego ao latín das obras de Aristóteles comezara xa no século XII, pero é ao longo do século seguinte cando se van coñecendo a totalidade das obras aristotélicas. Primeiro tradúcense os libros de lóxica que faltaban (Primeiros e segundos analíticos , Tópicos e Elencos sofísticos) que constitúen o que se chamou Lóxica Nova. Algo parecido sucedeu cos escritos de Ética e Metafísica. Tamén destes existían versións parciais feitas de forma indirecta que se cualificaban como vetus e agora ao aparecer as versións directas fálase de Ethica nova e Metaphisica nova. Xustamente esa denominación de Metaphisica nova déuselle á versión que fixo Guillermo de Moerbeke por primeira vez ao latín e é interesante recordar que ese tradutor foi mestre de S. Tomé polo que este foi dos primeiros en coñecer esa obra fundamental de Aristóteles. De toda a avalancha de escritos aristotélicos que nesa época coñécense os que máis impacto causaron foron os de Física e Metafísica; pois son estes os que máis novidade ofrecen respecto das concepcións platónicas e neoplatónicas ata entón vixentes. A recepción das obras de Aristóteles tivo como consecuencia que nesta época comeza a existir unha filosofía como plataforma de explicación racional capaz de confrontarse e en ocasións entrar en polémica coas interpretacións do pensamento cristián que ata agora se alimentou da tradición platónica e neoplatónica e que atopara en Sto. Agostiño o seu máximo promotor. Este feito xera que ao exporse agora o problema das relacións de razón e fe amplíense as posibilidades de solución en función da filosofía aceptada como base. Atopamos así no século XIII tres correntes de pensamento: 1.Dunha parte, a liña agostiniana, de tradición platónica, seguida polos franciscanos e con S. Buenaventura como máximo representante; e 2.Doutra parte a liña aristotélica que á súa vez se ramifica en dúas: por unha banda a que representa o "aristotelismo ortodoxo" de S. Tomé e os seus seguidores, sobre todo os dominicos, e doutra banda o averroísmo latino que representa outro intento de casación do pensamento de Aristóteles e o cristianismo. Aínda que, respecto da asunción do pensamento aristotélico, o tomismo representa a longo prazo a síntese máis influente e duradeira, un caso paradigmático da dificultade na recepción do pensamento aristotélico no occidente cristián represéntao o averroísmo latino. Foi este un movemento xerado pola interpretación que de Aristóteles fixo Averroes. O averroísmo rexeita a idea dun Deus creador e causa primeira de todo canto existe e admitían a validez da teoría da dobre verdade, reclamando a independencia da filosofía respecto da teoloxía. O partidario máis coñecido do averroísmo é Siger de Brabante, profesor de París, condenado pola autoridade eclesiástica no 1277. A recepción das obras de Aristóteles chega ao seu culmen en S.Tomé. Este autor representa o máximo aproveitamento das ideas de Aristóteles por parte do cristianismo. A síntese de razón e fe deste autor foi capaz de casar os grandes principios da filosofía aristotélica co contido da revelación cristiá. Esa síntese, oposta claramente as teses do Prof.:Mari Trillo Leis 4 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba averroísmo latino, caracterizase pola súa revalorización da razón respecto da fe, á vez que afirma a supremacía desta sobre aquela, e que permite a existencia de verdades alcanzables por ambas as fontes de coñecemento, por exemplo a existencia de Deus, é unha síntese que se vai a converter en modélica para os pensadores eclesiásticos. Por iso vai contribuír a que a escolástica perdure como filosofía oficial da Igrexa e como consecuencia a que Aristóteles non só sexa coñecido senón que estea vixente moitos séculos logo da súa morte. Prof.:Mari Trillo Leis 5 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba S.TOMÉ DE AQUINO Na Europa occidental, o século XIII é o máis brillante e creativo de toda a Idade Media, e o dominico Tomé de Aquino é o pensador máis relevante. Analizaremos a continuación algúns puntos do pensamento tomista: o esforzo innovador por incorporar Aristóteles no pensamento cristián, o interese por harmonizar a fe e a razón, a definición de ser, as cinco probas da existencia de Deus e a teoría ética e política. 1. VIDA E OBRAS: Naceu no castelo de Rocasecca, preto de Aquino, en Sicilia no 1225, no seo dunha familia nobre. Aos cinco anos ingresa no mosteiro benedictino de Monte Casino, continúa estudios na Universidade de Nápoles, onde estudiou artes, iniciándose na filosofía aristotélica. Aos dezaoito anos ingresa na orde dos dominicos coa oposición da súa familia. Un ano despois (1245) ingresa na Universidade de París, onde estudiará filosofía e teoloxía baixo a dirección de Alberte Magno, mestre preferido, a quen acompañará máis tarde a Colonia. Posteriormente exercerá a docencia en París, Roma, Nápoles. Entre 1269-1272 a súa actividade intelectual é moi intensa, polemizando con averroístas e franciscanos. Morre en 1274, camiño de Lyon onde o chamara Gregorio X para preparar un concilio. A vida de Tomás de Aquino é unha vida dedicada integramente ao estudio, a actividade de escribir e a labor docente. Realizou unha enorme tarefa de asimilación doutrinal, ocupándose de todos os problemas que preocupaban no seu momento e converténdose nun dos pensadores máis relevantes de todos os tempos. Pódese distinguir, dentro da súa vasta producción filosófica, tres grupos de obras: Os Comentarios (entre os que destacan os comentarios ás obras de Aristóteles), Os Opúsculos e sobre todo, as súas obras maiores, a Suma contra Gentiles e a Suma Teolóxica. Aínda que o seu pensamento pareceu revolucionario na súa época, no 1323 foi canonizado e no 1557 foi nomeado “Doutor” da Igrexa Católica. A novidade da ensinanza de Sto.Tomé radicaba na incorporación do pensamento aristotélico dentro dun contexto dominado pola filosofía platónica - agostiniana. É difícil entender a Sto. Tomé si esquecemos a filosofía aristotélica pero tampouco se poden identificar ambos autores. A obra de Sto. Tomé é un intento de cristianizar a filosofía aristotélica, é dicir, unha utilización da linguaxe aristotélica como vehículo de exposición da mensaxe cristiá. 2. RAZÓN E FE EN TOMÉ DE AQUINO: En canto ás relacións entre razón e fe, a posición de San Tomé é innovadora e conciliadora: pensa que moitas verdades son tratadas tanto pola fe como pola razón, pero de forma diferente. A solución tomista pode ser resumida en dúas palabras: autonomía e colaboración. Razón e fe son dúas facultades diferentes, independentes e autónomas. Pero é necesario que coincidan nas súas verdades e que entre ambas se produza unha colaboración. Prof.:Mari Trillo Leis 6 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba Tomé de Aquino é partidario da autonomía da razón para coñecer aquelo que lle é propio: o universo e as súas leis. Para isto non necesitamos outra cousa que o noso esforzo intelectual. Dáse unha imposibilidade da dobre verdade (mantida polo averroísmo latino): non existe contradición entre razón e a fe, non poden chegar a verdades opostas. Existe unha única verdade, a cal se pode acceder por camiños distintos aínda que converxentes. O obxectivo final do coñecemento é Deus, e a el se pode chegar tanto pola razón como pola revelación. Considerando a revelación, partimos de Deus, usando a razón, partimos das cousas e dos seres finitos do universo e chegamos a Deus como ser infinito, orixe e causa dos seres finitos. A razón e a fe distínguense: (A) Por moitos dos seus contidos: -o ámbito enteiro da Filosofía provén exclusivamente da razón: o home ten capacidade para captar o universo e as súas leis sen necesitar outra cousa que o seu esforzo natural. -os contidos da Teoloxía son os artigos da fe que son coñecementos de orixe sobrenatural que debemos aceptar como tales aínda que non podamos comprendelos. (B) Pola forma de acceso a eles: -a razón válese da abstracción. -a fe válese da revelación. Cando a fe e a razón ocúpanse dos mesmos temas necesariamente ten que existir unha harmonía entre o que descubre o filósofo e o que afirma o teólogo. Por que ten que darse esta harmonía? Porque é o mesmo Deus o que creou o home como ser racional e o autor da revelación, non pode haber contradicción entre o que Deus revela e o que home coñece coa razón que Deus lle dera. Si se chega ó conflito ou contradicción é a teoloxía (fe) a que intervén como árbitro para a filosofía (razón), en dous sentidos: advírtelle que o método racional foi mal empregado porque chegou a afirmacións falsas, polo tanto a razón debe criticarse a si mesma. ou que entrou nun campo no que non é posible o argumento racional e soamente a revelación proporciona un coñecemento adecuado. E é que a verdade é unha e única, pero dentro do terreo da verdade hai verdades que son accesibles a razón e outras que están vedadas á razón e son exclusivas da fe. Pódese dicir que a mensaxe da revelación é todo el intelixible, pois está destinado aos homes, pero esta intelixibilidade é diferente dependendo de que tipo de verdade se trate: a) hai verdades intelixibles e demostrables racionalmente, de modo que poden ser coñecidas aínda sen a revelación. b) hai verdades que son intelixibles pero indemostrables por medio da razón, de modo que non son cognoscibles pola razón, senón soamente pola revelación. Nesta verdades a teoloxía esfórzase por mostrar a súa intelixibilidade, pero esta soamente pode ser comprendida por medio da fe. Así a distinción, e ao mesmo tempo, a necesaria harmonía entre a razón e a fe, permítenlle establecer unhas relacións de axuda mutua: “A RAZÓN PODE AXUDAR A FE” -demostrando que é racional crer. -ilustrando as verdades da fe que son asequibles á razón. A súa vez “A FE PODE AXUDAR Á RAZÓN” -permitindo coñecer verdades de outro modo inaccesibles ó coñecemento humano. -confirmando coa autoridade divina o descuberto polo home. E é que a fe non soamente ten un alcance maior que a razón, senón que tamén coñece mellor e máis profundo e perfecto que a razón. Por isto, calquera cousa que podamos coñecer Prof.:Mari Trillo Leis 7 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba por medio da razón, a coñeceremos moito mellor si este coñecemento está reforzado pola fe. Temos o deber de ascender pola razón cara a revelación e de volver a descender desde a revelación cara a razón VERDADE (unha) RAZÓN FILOSOFÍA REVELACIÓN TEOLOXÍA NATURAL TEOLOXÍA REVELADA Preámbulos da fe Ex: existencia de Deus Artigos de fe Ex:Trinidade Existen dous tipos de teoloxías: (a)Teoloxía Revelada: parte do dogma e cíñese a el. Accédese por medio da fe. (b)Teoloxía Racional: elaborada pola razón, busca clarexar e comprender verdades do dogma accesibles á razón natural. É a parte máis importante da Filosofía, a súa culminación: xa que trata de Deus. Este plantexamento de harmonizar fe e razón desaparece nos homes do século XIV, non manterán unha postura de oposición total como mantivera Tertuliano no século II, senón que van considerar que o único coñecemento capaz de falar do real e de garantir a súa existencia é o coñecemento sensible mentres que o coñecemento abstracto so é capaz de establecer relacións entre ideas sen ningunha garantía de que esa relación se dea na realidade. Intentar demostrar a existencia de Deus racionalmente ou apoiar os dogmas en argumentos racionais é un fracaso, o dogma soamente pódese fundamentar na revelación. O principal representante desta postura é Guillerme de Ockham, que manterá unha total separación entre fe e razón, preparando o camiño da Filosofía Moderna quen non se librará de todo dos aspectos teolóxicos. 3. ONTOLOXÍA: O SER E OS SERES A afirmación do Cristianismo de que Deus creou da nada todo o que existe tivo gran repercusión na Filosofía porque introduce unha nova relación descoñecida na Filosofía Occidental na explicación da realidade: a relación do Creador coas criaturas, dándose unha radical diferencia entre ambos. Para Tomás de Aquino existe unha diferencia esencial entre ambos: el Creador é o Ser, as cousas creadas teñen ser, que lle foi dado por Deus nun acto de libre vontade. CREADOR SER Prof.:Mari Trillo Leis CRIATURAS TEÑEN SER 8 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba Pois ben, o máis importante e xenuíno da ontoloxía tomista procede dunha profunda reflexión sobre o que supón o feito da creación dende o punto de vista da concepción do ser ou da realidade. En base a esta distinción Tomé de Aquino reinterpreta a teoría aristotélica da analoxía do ser: non é posible utilizar o termo “ser” referido univocamente (co mesmo significado) a Deus e as criaturas: -Deus é o ser. -os demais son seres que soamente son tales porque o ser creounos nun acto de libre vontade. Non existirían de non ser creados. Isto quere dicir que son seres continxentes (non necesarios), existen, pero poderían non existir, porque a súa existencia non depende deles. Para entendelo mellor hai que ter presente que establece a distinción entre existencia e esencia, que servirá de base para fundamentar racionalmente todo o seu sistema. Pois ben, nos seres creados distínguense: ESENCIA: o que as cousas son, o que as define. " QUIDDIDAD: termo de definición, o que define as cousas e responde a pregunta que é?. " NATUREZA: esencia en canto principio de actividade na cousa. EXISTENCIA: Ser de feito. Perfección que fai que as cousas sexan efectiva e realmente. Actualización da esencia. Hai que distinguir a esencia da existencia porque son dous aspectos distintos nos seres. S.Tomé interpreta esta diferencia en termos de potencia - acto. Esencia- compórtase como potencia respecto ao existir. Existencia- actualización da esencia, fai que a esencia chegue de feito a existir. O ser existente é unha esencia posta en acto pola existencia. Hai que ter en conta que todos os seres son en potencia, pero non todos existen de feito. O paso da unión da esencia coa existencia necesita da intervención de Deus. Seres creados: Compostos de esencia e existencia, de potencia e acto,son continxentes. Ser: acto puro, necesario, simple. Polo tanto, a postura que defende S.Tomé con respecto ao tema do ser é a ANALOXÍA DO SER: todos os seres son pero non son da mesma maneira, "ser" pódese dicir de Deus e das criaturas dun modo análogo, Deus é o ser, o ser necesario, as criaturas son continxentes, a súa esencia non é a existencia pois esta foilles conferida por Deus. Deus é a existencia, as criaturas teñen existencia. "aquelo mesmo polo que coinciden (ser) é o mesmo que os diferencia (ser de distinta maneira). Por iso toda analoxía implica unha semellanza e unha diferencia. Coinciden en parte e en parte diferéncianse." Os “seres creados” están compostos de esencia de existencia, mentres que en Deus, no Ser a esencia identifícase coa existencia xa que Deus é puro acto, puro existir. Prof.:Mari Trillo Leis 9 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba Estas categorías de esencia - existencia, potencia - acto sérvenlle para establecer unha gradación, unha xerarquización dos seres. O universo tomista desenvólvese entre dous extremos: Deus, que é acto puro, e a materia prima que é pura potencia; entre ámbolos dous extremos atópanse todos os seres e cousas estructuradas xerarquicamente, segundo a súa proximidade a Deus, que é a perfección. Todos eles salvo Deus (acto puro) están compostos de esencia e existencia. 4. PROBAS DA EXISTENCIA DE DEUS: Sto.Tomé rexeita a validez do argumento ontolóxico de S.Anselmo (s.XI). Este argumento de forma resumida, di o seguinte: Todos, incluso o que nega a existencia de Deus, temos na mente o concepto de Deus, pois entendemos o que esta palabra quere dicir. Este concepto é o seguinte: Deus é o ser máis perfecto posible; é dicir, o ser maior do cal non é posible pensar nada. Polo tanto, é necesario concluír que existe, pois afirmar que non existe levaríanos a unha contradicción. Se non existise na realidade, existiría soamente na mente, o cal implicaría que poderíase pensar un ser máis perfecto e maior que o ser maior que o cal nada existe, isto é, un ser que ademais de existir na mente existiría na realidade, o cal é contradictorio. Logo este ser ten que existir, non soamente no pensamento, senón tamén na realidade. Que nos está a dicir S.Anselmo? En forma de esquema, o anteriormente dito, quedaría así: Se a idea de deus existira só na mente, calquera ser que existira na realidade sería maior ca el (xa que existiría na mente e tamén na realidade) Así, resulta que ao pensar en calquera ser existente estamos pensando nun ser maior que o cal nada pode pensarse Pero isto é unha contradición. Polo tanto, Deus ten que existir na realidade Este argumento foi chamado por Kant “ argumento ontolóxico” para demostrar a existencia de Deus e foi aceptado por moitos autores medievais, como Buenaventura, Duns Escoto, e modernos como Descartes, Leibniz e Hegel. Nembargantes, foi rexeitado por Sto.Tomé, xa que para el non era lícito pasar da orde ideal, da orde do pensamento, á orde da realidade. Unha cousa é a existencia mental, outra cousa a existencia real. Segundo Sto.Tomé, S.Anselmo supón que ten que existir na realidade un ser maior do cal non é posible pensar ningún outro, que é precisamente o que se quere demostrar. A falta de evidencia da existencia de Deus, e mais a ausencia dunha idea innata de Deus levaron a S.Tomé a desenvolver uns indicios ou uns camiños que levan a Deus: son as cinco vías tomistas. Estas vías don unha demostración a posteriori, é dicir, argumentos que parten de observacións empíricas dos fenómenos sensibles cotiáns. A partir dos seres creados, chégase a un determinado aspecto do seu creador; a partir do efecto, tamén chegamos á causa. Todas as vías teñen idéntica estrutura: Punto de partida: 1. Todas elas parten dun feito observable, a constatación dunha realidade captada polos sentidos. Percorrido: 2. Aplicación do principio de causalidade: “todo feito ten necesariamente unha causa”. Prof.:Mari Trillo Leis 10 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba 3. Imposibilidade dunha serie infinita de causas.Tomé de Aquino nega que poda darse un proceso cara ao infinito na serie causal. Ten que haber unha primeira causa de todos os posibles efectos. Punto de chegada: 4. O termo final é Deus. Deus é a primeira causa, logo Deus existe. 1ª vía: vía do movemento. Parte do movemento do mundo para chegar ao motor inmóbil. Está inspirada en Aristóteles. Coñécese como “proba cosmolóxica”. 2ª vía: vía da causalidade eficiente. Parte das causas subordinadas e a súa vez causadas ata chegar a causa primeira incausada. Todo o existente aparece como efecto dunha causa que o produce e que é diferente de si mesmo. Está tomada de Aristóteles e Avicena. 3ª vía: vía da continxencia dos seres. O punto de partida é a constatación da existencia dos seres continxentes, que non se bastan a si mesmos para existir (existen pero poderían non existir) e se chega o ser necesario, que non só non é, senón que non pode non - ser. Está inspirada en Maimónides. 4ª vía: vía dos graos de perfección dos seres. Parte dos graos de perfección nas criaturas e chégase o ser infinitamente perfecto. Suponse que todas as perfeccións están realizadas en grao máximo nalgún ser: Deus. É de inspiración neoplatónica. 5ª vía: vía da orde e finalidade do universo. Todos os seres, incluso os irracionais, ordénanse e actúan conforme algún fin. Partindo da orde que reina no universo e da finalidade de todos os seres chégase a existencia dunha intelixencia suprema ordenadora: Deus. Coñécese como “proba teleolóxica”. 5.ÉTICA E POLÍTICA TOMISTA. A ética cerra o sistema tomista, é a ordenación das criaturas cara Deus, de quen proceden; é, polo tanto, unha ética teleolóxica. Deus é, ó mesmo tempo, o principio de todas as cousas e o fin último, xa que todas as cousas desexan a Deus. A ética de Tomé de Aquino está inspirada na da Aristóteles, pero, a súa vez, compleméntase coas achegas propias do cristianismo. É unha ética da felicidade, que consiste no coñecemento de Deus,é a contemplación directa de Deus na outra vida (beatitude): “ [...]De onde resulta manifesta que nada pode calmar a vontade do home de non ser o ben universal, que non se pode encontrar en nada creado, senón só en Deus: porque só Deus pode colmar a vontade do home” (Suma Teolóxica, 1-2,q.2,a 8c) Segundo o noso autor Deus é o fundamento de todas as leis; polo tanto, tamén das leis morais. Esta regra, segundo a cal Deus quere que o Universo sexa gobernado, é eterna como El; por iso recibe o nome de Lei Eterna Divina. Todas as leis da natureza, da moral ou da sociedade son casos particulares desta lei máis xeral que é a lei de Deus. Deus, polo tanto, é o principio exterior da moralidade. Para que as leis se poidan cumprir han de estar inscritas na natureza, e así poder ser coñecidas. A lei eterna, en canto participada polos seres humanos e inscrita na súa natureza, recibe o nome de Lei Natural. A lei natural é, polo tanto, aquela parte da lei eterna que fai relación aos seres humanos. Cales son os contidos da lei natural?. Para coñecer os preceptos da lei natural abonda con reflexionar sobre as nosas inclinacións. Así, a primeira e máis universal das súas prescricións é facer o ben e evitar o mal. Prof.:Mari Trillo Leis 11 Mari Trillo Centrémonos.com IES Basanta Silva-Villalba Pero, que é o ben humano? Para precisalo temos que analizar a nosa natureza. E segundo Sto.Tomé atopamos que na nosa natureza hai tres grandes tendencias das cales se derivan as leis morais, estas son: 1ª A tendencia á conservación do seu ser (supervivencia) 2ª A tendencia a reproducirse e educar os seus fillos 3ª A tendencia a vivir en sociedade e buscar a verdade Logo, pois, o ben moral é o cumprimento de cada unha destas tendencias, mentres que o afastamento delas sería o mal moral. Se, polo tanto, coñecemos racionalmente como é a natureza humana, tamén podemos descubrir por medio da razón que debemos facer para ser morais. E para poder ser coñecidas pola razón e, polo tanto, por todos os seres humanos e así ser cumpridas, as leis morais teñen as seguintes propiedades: son universais, evidentes e inmutábeis. Isto é: obrigar a todos, ser cognoscibles por todos e han de ser a s mesmas para todos. Pero delas non nos abonda o seu coñecemento. Como xa dixo Aristóteles, é necesario convertelas en hábito. Só así conséguese a vida virtuosa que leva á felicidade. As regras emanadas da lei natural son extensibles á sociedade, pois é evidente que a natureza humana tende á sociabilidade; e a sociedade tende a crear o Estado como institución natural. Os fins do estado son favorecer o ben común a través da paz e o bo goberno. E para iso ha de establecer a Lei Positiva, que non é senón a continuación da lei natural e ten como fin garantir a xustiza entre os homes. A Lei Positiva é o conxunto das leis establecidas de xeito máis ou menos explícito polos seres humanos con miras ao ben común. Por iso a súa función é a de facer explícitos os principios morais naturais. Polo tanto, vemos que non provén do capricho dos homes senón que ven imposta pola propia natureza. A lei positiva é unha prolongación da lei natural, polo que, estas leis humanas para ser xustas teñen que axustarse aos principios naturais, de xeito que si se ordena algo contrario aos mesmos non obrigarían moralmente. Ambos os dous tipos de leis, natural e positiva, han de quedar subordinadas, e non contradicir, a lei eterna; a cal, dado, o seu carácter revelado, é patrimonio unicamente da xerarquía da Igrexa. Orde Moral adecuación orde natural ═ reflexo orde divina. TEORÍA POLÍTICA En canto a súa teoría política S.Tomé inspírase tamén na política de Aristóteles. Considera o home como ser social por natureza, polo tanto, é necesaria a existencia da organización social e unha autoridade que a goberne. Vai defender que o estado é unha institución baseada na natureza humana e a súa tarefa consiste en conducir ao pobo a unha vida xusta e virtuosa, preservando a paz e o ben común. De todas formas, o fin último do home é alcanzar a gloria celestial (carácter sobrenatural), e iso corresponde principalmente á tarefa mediadora da Igrexa. Ao ser a tarefa da Igrexa dun nivel superior ao do Estado, este debe estar sometido a ela. O goberno do estado debe facilitar ao home a posibilidade de conseguir o seu fin sobrenatural. Mantén tamén a clasificación das formas de goberno aristotélicas; sendo a súa preferencia por unha monarquía, na que o poder do monarca sexa moderado polos maxistrados elixidos polo pobo. É, polo tanto unha monarquía constitucional. Pero mantén que ningunha forma é ordenada por Deus, o importante é que promova o ben común (influencia aristotélica). Prof.:Mari Trillo Leis 12