Un fillo da emigración

Anuncio
Un fillo da emigración
Eduardo Blanco Amor nace na vila de Ourense en 1897, o penúltimo nunha familia de cinco irmáns. A súa
infancia estivo moi marcada polo abandono do seu pai e aos quince anos foxe da casa familiar cara a Santiago,
aínda que axiña regresa ao seu fogar ourensán.
Xa na adolescencia comezou a sentir a vocación das letras:
"A primeira novela que lin así de aventuras foi o Rocamboleo, despois foi Víctor Hugo un autor que me
fascinou tremendamente...Tería dezaseis anos cando comecei a escribir versos en castelán en xornais locais.
En galego escribiría máis tarde, xa en América, aguilloado pola morriña. Os mozos do meu grupo líamos con
paixón aos da xeración do 98: Baroja, Unamuno, Maeztu (...) En política inclinabámonos cara á república,
cunha lixeira tendencia ao anarquismo. Éramos rebeldes, sen saber contra quen e cara a onde...".
Nesa época, estábase a desenvolver unha interesante actividade cultural na cidade. Deste xeito, Blanco Amor,
ao igual que moitos outros mozos ourensáns, goza dunha tertulia na que participan os membros de La
Centuria ( Vicente Risco, Otero Pedrayo e López Cuevillas), Noriega Varela, Arturo Noguerol, Roberto
Blanco Torres, e moitos máis. Anos despois, Blanco Amor declararía a Risco como o seu mestre fundamental.
No ano 1919, Blanco Amor emigra á Arxentina. Uns anos máis tarde lembrará a súa experiencia:
"Bos Aires entón era unha delicia de cidade que incitaba coa súa liberdade, coa súa amplitude de modais
psíquicos, co seu perfil sosegado e tangueiro á posibilidade de emprender unha gran aventura dentro da
grande cidade... Ese mesmo ano 1919, simultaneamente, comecei a asistir como oínte á Facultade de Filosofía
e Letras. No banco fun empregado de secretaría, mais en vez de escribir cartas facía versos, o que non soe
coincidir coas concepcións bancarias. A miña morriña florecía en versos galegos que escribía a picaduras de
aceiro na máquina destinada polo establecemento ás cifras e ós "Moi señores meus..."
Froito do contacto co mundo da emigración galega nace a Federación de Sociedades Galegas (F.S.G.A.) o 24
de setembro de 1921 en Bos Aires.
En 1923 fúndase o idearium da Irmandade Nacionalista Galega na América do Sur, a revista A Terra.
Participa, xunto ao seu amigo Suárez Picallo na revista Céltiga. Un exemplo do ambiente vivido na redacción,
no que nace o grupo de intelectuais chamado Os Céltigos liderado por Picallo e Blanco Amor, é unha
anécdota ocorrida o día no que Blanco Amor puxo no escritorio de Picallo un carteliño con este cuarteto:
"Aquí de Suárez tonante
dio fin de la vida el curso
apúrate caminante
o te cargas un discurso".
Suárez Picallo respondeu cun epitafio que, pintado nunha táboa, pendurou na parede, detrás do lugar no que se
sentaba Eduardo:
"Yace aquí Don Eduardo Blanco Amor
cualquier poeta enterrado fue mejor".
En 1925 comeza a traballar no xornal La Nación, onde coñece a Leopoldo Lugones, Horacio Quiroga, Borges,
etc.
1
Durante 1928 son expulsados da Federación de Sociedades Galegas Picallo e Blanco Amor, feito que
aproveitan para viaxar ao Uruguai, onde imparten conferencias sobre a realidade galega.
En 1929 un grupo de escritores forman a Agrupación Artística Céltiga. Entre eles figuraban Suárez Picallo,
Eduardo Blanco Amor e Eliseo Pulpeiro. A primeira obra teatral representada por esta agrupación foi A fiestra
valdeira de Rafael Dieste.
España convertérase nunha República e o xornal da Federación de Sociedades Galegas Galicia convertérase,
baixo a maxistral dirección de Blanco Amor, nun dos símbolos da esquerda nacionalista.
Desde 1933 ata 1935 viaxa a España como correspondente de La Nación. Neste ano, Blanco Amor intensifica
en Madrid a súa amizade con Federico García Lorca. Segundo as súas verbas, Blanco Amor, limítase a
corrixir e escribir o prólogo dos Seis poemas galegos do granadino, aínda que existen diferentes teses sobre a
creación destes poemas.
Durante a Guerra Civil realizou unha importante labor xornalística a favor da República. Nos anos 50 funda
en Bos Aires o Teatro Popular Galego e dirixe a revista Galicia do Centro Galego de Bos Aires.
En 1965 volta, de forma definitiva, a Galicia, onde tivo que comezar desde cero. Os homes de Galaxia,
liderados por Ramón Piñeiro, ignorárono: "Os meus amigos galeguistas de dereitas déronme tempo para
morrer de fame."
Esta última etapa foi de grande actividade literaria. Escribe Xente ao Lonxe, traduce catro dos seus libros ao
castelán, escribe en distintos xornais e ofrece numerosas conferencias. A súa vida transcorre entre Ourense e
Vigo, pasando longas tempadas en Madrid.
O 1 de decembro de 1979, o corazón de Eduardo Blanco Amor deixa o seu peito no maior silencio durante
unha das súas estadías en Vigo.
A obra antes de 1936: a poesía, teatro e A escadeira de Xacob
Eduardo Blanco Amor publicou en galego tres libros en verso e tres libros en prosa. Foi fundamentalmente
poeta antes de 1936 e prosista despois desa data.
Os seus versos están na liña do modernismo, con algunha nota neorrománica ou vangardista. Romances
galegos ( Bos Aires, 1928) contén ecos do romanceiro español dentro dunha estética modernista. Tamén
aparecen no libro exemplos do modernismo máis puro e certo vangardismo:
Inverno
Nas portas dá cos cotenos
un trasno xa descretado.
O fume daquel tellado
escribe un conto pra nenos.
Ruxe abourante o trebón
coma un baixo de orfeón.
2
Poema en catro tempos ( Bos Aires, 1931 ) está escrito pr'os que morreron no mar, como unha sinfonía que
remata nunha marcha fúnebre. Finalmente, Cancioneiro ( Bos Aires, 1956 ) na mesma liña dos dous libros
anteriores.
En 1933 comezou a publicar en Nós unha novela, A escadeira de Xacob, na liña dos prosistas contemporáneos
aos poetas da Xeración do 27. A publicación interrompeuse no terceiro capítulo, polo que quedou inconclusa,
agachando as virtudes que Blanco Amor tiña neste xénero.
Durante a súa estadía en Bos Aires, Blanco Amor cultivou tamén o xénero dramático, que tivo como resultado
unha serie de pezas dramáticas que publicou baixo o nome de Farsas para títeres (1973) e Teatro para xente
(1974).
A obra despois de 1936: a novela
O xénero que maior sona lle deu ao escritor ourensán foi, sen dúbida, a novela. Quizais sexa porque neste
xénero reflicte a vida con maior exactitude. As historias desenvólvense no Ourense da nenez e adolescencia
do escritor, cuns personaxes pertencentes aos estratos sociais máis humildes. O estilo é natural e directo, a
historia cóntase desde o punto de vista dun protagonista ou testemuña que fala en primeira persoa. Un dos
aspectos máis interesantes atópase na lingüística, Blanco Amor interpreta a linguaxe popular, axeita a fala
vulgar e crea unha lingua literaria partindo das estructuras sintácticas que emprega o pobo.
Polo tanto estamos ante unha nova literatura blancoamoriana, que se contrapón aos seus requintados versos,
ambientada nos baixos fondos, favorables ás sórdidas situacións. Isto provoca que no retrato que fai á
sociedade, Blanco Amor mostre a súa clara predilección polos aspectos crus e fortes da vida.
Como xa dixen, só se publicaran catro páxinas de A escadeira de Xacob, polo tanto foi despois da guerra
cando o escritor amosa o seu talento como novelista, coa publicación de A esmorga ( 1959 ), que no momento
de publicación constituíu unha novidade na literatura galega. É unha concisa narración, sen vaguedades nin
profundizacións no asunto, na que fala un só personaxe que dialoga cun interlocutor cuias palabras non se
transcriben, máis ben cumpre a función de receptor. Sobre esta novela, considerada o cénit da obra do escritor
de Auria, falarei máis adiante no apartado chamado Análise de A esmorga.
A segunda novela, Xente ao lonxe, publícase no ano 1973 para optar a un premio literario que gañou Xohana
Torres con Adiós María. Trátase dunha obra longa, que ten como escenario, e protagonista ao mesmo tempo,
á cidade de Ourense.
A novela desenvólvese a través do monólogo dun neno, logo mozo, chamado Suso, que pertence a unha
familia obreira de boa posición dentro da súa clase. Suso fala en primeira persoa, cunha sintaxe que intenta
reflectir a naturalidade propia da súa idade. As súas verbas son interrompidas frecuentemente por diálogos,
narracións ou cartas nas que falan outros personaxes ou o mesmo autor, sendo o perspectivismo unha das
principais características da novela.
Ao igual que en A esmorga, en Xente ao lonxe Blanco Amor amósanos uns personaxes repletos de soños e
realidades, angueiras e ambicións, humildes e grises, que ofrecen un grande realismo.
Antes de morrer, Blanco Amor falou algunha vez de escribir outra novela, que tería por título Memoria de
domipadre e que estaría esbozada dun conto de A esmorga.
3
Os biosbardos ( Vigo, 1964 ) é un libro de sete contos prá xente narrados por un neno ou adolescente, distinto
en cada conto. Están ambientados no Ourense da mocidade do escritor e os personaxes pertencen ás clases
populares. Os contos van desde o realismo ( A arrasadeira ), ata un cru naturalismo ( O noxo ), pasando por
un vago romantismo ( O estreno). O conto que máis me gustou está repleto de feitizo e posúe unha fantasía
digna do mesmísimo Cunqueiro, é Bartoméu i os biosbardos.
Análise de A esmorga
A esmorga (1959), que tivo que publicarse por primeira vez en Bos Aires ante a censura franquista,
converteuse na obra máis popular de Blanco Amor, quen describe deste xeito o proceso de creación: Esta
novela comezou por unha visión semiinconsciente dun feito da miña infancia. Era un venres, eu tiña por
diante a semana inglesa que entón era a tarde do sábado e o domingo − é a primeira vez que o conto − miñas
dúas estilográficas non tiñan tinta. Afilei un cabo de lapis e púxenme ao habío. A miña primeira sorpresa foi
verme escribir en galego, idioma no que non intentara xamais a narración, e así escribín con restos da neveira
e durmindo intermitentemente ata ás once da mañán do luns en que tiven que coller o tren para ir as miñas
clases na Universidade. Aquilo quedou alí... noutros dous week−ends quedou a novela rematada, como se mo
contasen no oído.
Resumo do argumento
Blanco Amor consegue ofrecer maior realismo mediante a creación dun narrador que pertence a este
ambiente, e que descoñecemento outros ambientes: −Si señor, si; os mesmos. O Juan Fariña e o Eladio
Vilarchao, que están eí nos papeis, son o Bocas e o Milhomes polos alcumes, que é como aquí nos coñecemos
todos e que non ofenden a ninguén, porque Xan e Aladio poden ser calisquera , pero o Bocas e o Milhomes só
poden se−los que son, do mesmo xeito que eu son Cipriano Canedo e me chama Cibrán ou o Castizo; como
vostede guste, pois o meu pai tiña un castizo para servire porcas con licencia.... Anque tamén me chaman o
Tiñica e o Puchapodre porque de rapaz tiven a tiña, que me durou astra mozo, e andaba coa gorra moi apegada
A través da declaración xurada de Cibrán,un picapedreiro protagonista e narrador, coñecemos a triste historia
del e dos seus compañeiros de esmorga: o Bocas e o Milhomes, todos pertencentes ao mundo da marxinación.
Na súa esmorga os tres transgriden as normas Cibrán, o principal personaxe, narra os feitos que protagoniza
co Milhomes e co Bocas. Os tres deambulan por tabernas e prostíbulos nunha degradación progresiva: sen
deixar de beber, introdúcense clandestinamente no pazo dos Andrada, rouban, beben das adegas dun pazo
onde traballaba un coñecido deles, préndenlle lume por accidente a dito edificio, perden os cartos xogando ás
sete e media, etc. ata rematar nun inexorable final tráxico. Toda a historia desenvólvese no medio dunha
chuvia intensa que cae abundantemente durante todo o día.
Ao rematar a declaración, o xuíz ordena a Cibrán que volte ao cuartelillo, pero desesperado, o Castizo colle a
navalla que servira como proba e intenta suicidarse. O narrador−protagonista morre, pero outro narrador, que
a fición identifica co autor na Documentación (ou presentación da historia), deixa intuír que a súa morte non
foi un suicidio.
Estructura
A esmorga consta dunha primeira parte chamada Documentación e cinco capítulos.
A Documentación é un curto relato a modo de introducción no que o narrador (que se correspondería na fición
co autor) informa sobre como recolleu a información para escribir a narración. ... Deste xeito dótase de maior
creto á historia que se vai relatar e que sucedeu hai algún tempo en Auria, cibdá onde nascín. Este apartado
está tinguido de crónica, pois o narrador asegura que a información foi recollida nalgúns papeis, entrevistas a
testemuñas do caso, etc.
4
Os cinco capítulos divídense nos diferentes días da declaración ante o xuíz, coa excepción da última páxina do
capítulo V:
I− Primeiro día da declaración, Cibrán declara ante o xuíz o comezo da historia.
II− Segundo día da declaración, Cibrán revela no final que lle prenderon lume ao pazo nun accidente.
III− Terceiro día, Cibrán segue narrando a esmorga, descóbrense novos feitos.
IV− Correspóndese coa aventura no pazo dos Andrada.
V−Este último capítulo contén o desenlace da historia narrada por Cibrán, e na derradeira páxina, volta a
aparecer o narrador que se presentara na Documentación e que narra a historia entendida como unha analepse
temporal.
Análise cronolóxica
Na Documentación observamos as seguintes marcas temporais: Cando eu era aínda moi rapaz..., Dempois,
cando ía pra mozo e dei nesta teima de escribir... Disto dedúcese que o primeiro narrador é un adulto e a
información fora recollida na súa mocidade. Tamén alude ao tempo cando fala do seu tío (testemuña): Un meu
tío, que fora ministro do Xuzgado −no seu tempo chamábaselle co iste magoante nome ós aguaciles− (...) era,
sen dúbida, o que máis sabía dil entre os sobrevivintes. Este parágrafo condúcenos ao tempo da acción,
momento no que o tío traballaba no Xulgado. No seguinte parágrafo pon: Niste tempo, meu tío era xa home
vedraño e marráballe a memoria, ademais tatexaba de vellez.... Polo tanto cando o narrador recolleu a
información para escribir a novela, o tío era vello, e na época dos feitos, o tío aínda traballaba. Máis adiante
di: ...púxenme agora a escribir esta crónica, a coasi corenta anos de tere recollida tan lene documentación e a
noventa dos sucesos mesmos. Polo que ao escribila tería sobre sesenta anos (naceu no 1897 e a obra
publicouse no 1959). Sabemos que a acción sucedeu uns noventa anos antes de que Blanco Amor escribira a
obra, polo que máis ou menos sucedeu entre o 1865 e o 1869.
Cibrán comeza o relato cunha breve alusión á fin de semana, pero o realmente importante ten lugar o luns
(¡Cousas de San Luns!) e fundamentalmente na noite do luns ao martes. Remata co martes á mañá.
Por outra banda, Cibrán fai numerosas analepses e prolepses cando fala doutras historias, como a historia de
Don Fernando Andrada e a súa muller, que se remonta varios anos atrás.
A declaración ante o xuíz dáse uns días despois do luns e dura cinco días (que se corresponden cos cinco
capítulos).
Tempo meteorolóxico
As alusións ao tempo físico aparecen continuamente na novela. Do sábado e domingo di: Como facía tanto
frío...; sobre o luns comenta: ...me atopei coa friaxe da mañá (...) Toda a noite estivera xeando...; máis adiante
describe: ...o tempo atepedouse, coasi de súpeto, cun neboeiro que se viña erguendo do sul, pro máis de levar
que aquela friaxe de coitelos que me deu no rostro da cara ó saír da casa da miña amiga. Polos altos do ceio,
que arestora estaban a crarexar a modiño, coma con preguiza, víñanse erguendo unhas nubes empardecidas e
víase que ía cambiar o tempo pra tronada., etc. Todas estas marcas amósannos unha amplia visión do tempo
meteorolóxico.
En todo o relato repítese a mesma idea da chuvia, a súa misión é a de amolecer a paisaxe, suavizar os límites,
propiciar a indefinición das formas. Na miña opinión, a importancia deste aspecto revélase nas mesmas verbas
de Cibrán: Pro eu dígolle que a chuvia tivo moita culpa... Si en troques daquel froallo apegadizo que topei ó
5
saír de estar coa Raxada, e daquela chuvia mesta e sen trégolas que dempois se botou sobor do mundo, que era
coma andar por un pesadelo sen podere saír por ningures, moitas cousas que socederon non terían socedido,
poruqe eu houbérame ido pra o meu traballo sen facer caso a ninguén.
Outro dos motivos que me levaron a facer tal afirmación é que ao final do segundo capítulo para de chover:
Parara supetamente de chover e viña un vento do norde que varría con todo. Deste xeito o tempo volve influír
nos feitos, propiciando que o lume prendido no pazo se estendese rapidamente.
Lugar
Ao comezo da novela xa se nos informa sobre o lugar, ...seguíase a falar do caso entre as boas xentes de
Auria, cibdá onde nascín e onde as cousas ocurriran.
Non se describe o lugar onde Cibrán está a declarar, pero parece que é un xulgado. Antes, permanecera nun
cuartel da Garda Civil (Se me devolven ó coartelillo...).
O sábado e domingo está na casa da Raxada. Ao saír dalí vai por unha estrada cara ao traballo en Ervedelo,
pero a pouco de andar, e cando ía chegando polo mesón que lle din da Cristalina..., atopa ao Bocas e ao
Milhomes. As alusións ao lugar son continuas: a taberna da tía Esquilacha, o xardín dos Andradas, a adega
dun pazo, os arrabaldos do Posío, cerca da ponte da Burga., a casa da Nonó, a churrería, a igrexa de Sta.
Eufemia, o mesón do Roxo, a Praza Maor e moitísimos máis. O derradeiro lugar é o Campo das Bestas (o
lugar onde os varrendeiros van baleirar o cisco da cibdá).
Segundo Gonzalo Allegue, en A esmorga Estamos ante un espacio (espacio: sitio para correr), unha xeografía
mítica, cáseque subacuática; (...)
Caracterización dos personaxes
Cibrán o Castizo é un picapedreiro humilde ( como se pode apreciar na fala coa que se expresa),
aparentemente duro e viril, pero que agacha unha personalidade tenra. Quizais a simpatía que este personaxe
provocou en min, é consecuencia das súas boas intencións ( os seus nobres sentimentos pola Raxada, polo seu
fillo e pola súa nai ) e das circunstancias que o arrastran a tan tremendo desenlace. Posúa proxectos, pero non
ten a forza de vontade suficiente para levalos a cabo, non é quen de resistirse.
Xan Fariña o Bocas representa ao típico macho primitivo e prepotente, que non dubida en abusar dos máis
débiles usando a súa forza. Precisa do alcohol para relacionarse co Milhomes. A súa psicoloxía é
contradictoria, quere estar cunha muller para realizarse, para demostrar a súa virilidade.
Eladio Vilarchao o Milhomes, é o personaxe homosexual da novela, mais, aínda que na novela é caracterizado
como o home de estatura e forza menor dos tres, non é o típico afeminado: ...Ollo con facer o personaxe en
maricalla especie desagradable en todo espectáculo. O seu afeminamento depende moi pouco dos xestos,
pasiños curtos e habituais ratimangos do tipo convencional; é algo máis fondo, matizado e interno (...)
Tema
O tema exprésase parcialmente no título da obra: A esmorga. Este tema podería ser o tráxico, o estudio realista
das vidas dexeneradas duns individuos marxinados pola sociedade tras unha bebedela.
Quizais pola influencia da súa biografía, hai quen opina que o tema é a homosexualidade aceptada polo
Milhomes e rexeitada polo Bocas, ...O Bocas rexeita e profía na súa dubidosa virilidade ata que é castigado.
(...) Cando o homosexual Milhomes apuñala ao seu requerido amante (...) é a man do escritor a que dirixe o
coitelo. Non o peito senón abaixo, pois non se trata tanto de vingar o crime moral dunha violación como
6
castigar o crime dun sexo que se sustrae a si mesmo e se traiciona.
Outros, como Carballo Calero afirman; ...non se desprega de A esmorga un sentido esplícito de símbolo ético.
(...) ...non se ouserva unha intención inmediata de sinificación trascendente
Eu considero válidas as dúas afirmacións, penso que non A esmorga non é autobiográfica porque o autor
expresou de xeito inconsciente, unha protesta contra a sociedade que marxinaba aos homosexuais (na
actualidade a este colectivo está máis aceptado).
Estilo e lingua
No momento en que se estaba a formar a Nova Narrativa Galega, a técnica de A esmorga foi moi innovadora:
a distancia do narrador−autor cos personaxes, o perspectivismo, o tratamento d tempo... pero sobre todo a
técnica narrativa, a través dun diálogo do que só se recollen as respostas a unhas preguntas que o lector ten
que imaxinar. Deste xeito Blanco Amor evita facer un texto bilingüe (un xuíz que falando galego non sería
verosímil). Ao mesmo tempo, está simbolizando a xordeira da xustiza, que impón prexuízos e censura.
A lingua é un reflexo escrito dunha adaptada fala vulgar. Sen embargo, Blanco Amor quere conservar a
sintaxe da lingua popular, sen renunciar ao léxico literario (musgoosas, ren...).
Hai moitas incorrección lingüísticas (o galego aínda non fora normativizado). Así atopo hipergaleguismos
(púbricos, caraiteres), vulgarismos (pra, igoal, probe), arcaísmos (cibdade ou cibdá, nascín, coor, door),
lusismos (até, veia, meio), castelanismos (calexón), dialectalismos (marraus, razós), etc.
Conclusión persoal
O que máis me deleitou de A esmorga foi a lingua que o Cibrán emprega, e que tristemente fanme
reflexionar no grande patrimonio que estamos a perder os membros da miña xeración ao renunciar ao
galego. Por moita lingua que estudiemos, nunca posuiremos a riqueza léxica e o forte sabor popular que
teñen as verbas desta novela.
A técnica gustoume moito, sobre todo o tratamento do narrador que para min resultou unha novidade.
Penso que A esmorga é unha metáfora da sociedade, desde unha visión pesimista: creamos individuos
marxinais pero non os asimilamos. Os suburbios da cidade acercannos aos aspectos fortes da vida. Pese ao
humor, A esmorga resulta triste e sombría, ao que contribúe a constante caída da chuvia e a morbosidade
oprimente dos personaxes.
Cibrán defende en todo momento a súa inocencia ...que ben se ve que non tiven culpa de ren, co que se gañou
en todo momento a miña simpatía e compasión, o pobre foi tan iluso que pensou que o xuíz cría na súa
inocencia.
Paréceme moi positivo o feito de reflictir na súa crítica dous dos problemas da sociedade que seguen a estar
de actualidade: a prostitución e os malos tratos e abusos ás mulleres. O Milhomes ergueuse dun chimpo e
pillouna polos cabelos namentres o Bocas lle escachaba un hostión no meio da cara que a fixo caír tan longa
como era (á Costilleta, unha protituta da casa da Nonó), O Bocas (...) pegou nela pillándoa con bruteza pola
añuca, como si lle fose a bater... (na casa dos Andrada), sen mencionar a violación a Socorrito.
Tamén observei unha crítica aguda á Igrexa, pois é contradictorio que despois de roubar, matar, pelexar, rifar
incluso con mulleres, ir a casas de alterne, mentir, etc. califíquense de cristiáns e se agachen na igrexa.
7
Pero isto non é todo, outro dos problemas da nosa sociedade, a ludopatía, ten cabida en A esmorga. Deste
xeito os protagonistas perden os todos os cartos nunha partida ás sete e media.
Eu xa lera A esmorga o verán pasado e disfrutara moito coa súa lectura. Pero foi agora, que a tiven q reler e
analizar pormenorizadamente, cando me decatei da súa actualidade e profundidade, toca uns temas que
trascenden ao ambiente estricto do relato. O único aspecto negativo desta lectura foi a perda da capacidade de
sorpresa, xa que a primeira vez que lin a novela fiquei abraiada por un final que non intuía. A última páxina,
na que se menciona que as testemuñas aseguran que había restos de miolos pola habitación, deixoume
profundamente impactada.
Bibliografía
• ALLEGUE, Gonzalo: Eduardo Blanco Amor, diante dun xuíz ausente, Ed. Nigra, Vigo, 1993.
• BLANCO AMOR, Eduardo:
• CARBALLO CALERO, Ricardo: Historia da Literatura Galega contemporánea, Ed. Galaxia, Vigo,
1975.
• COUCEIRO
IGLESIAS, Loreto, Letras galegas, Institución Educativa Sek, 7 de abril de 2002,
<http://www.sek.es/atlantico/letrasgalegas/bamor/bamor.htm
PÉREZ LEIRA, Lois, http://www.cigmigracion.com/blanco.htm
Ibid.
PÉREZ LEIRA, Lois, op. cit.
ALLEGUE, Gonzalo, Eduardo Blanco Amor, diante dun xuíz ausente, Ed. Nigra, Vigo, 1993, p. 258
BLANCO AMOR, Eduardo, A esmorga, Ed. Galaxia, Vigo, 1998, p. 17
ALLEGUE, Gonzalo, op. cit., p. 262
Ibid.
BLANCO AMOR, Eduardo, La parranda, guión cinematográfico da súa novela A esmorga, Ourense, 1971
ALLEGUE, Gonzalo, op. cit.
CARBALLO CALERO, Ricardo, Historia da Literatura Galega contemporánea, Ed. Galaxia, Vigo, 1975, p.
717
8
Descargar