A entrevista É un xénero moi utilizado na radio e na televisión, menos frecuente na prensa escrita. A entrevista é un xénero que se caracteriza por presentar ao lector o diálogo mantido entre o xornalista e un personaxe, realízanse preguntas para afondar na súa traxectoria. É unha conversa planificada, os participantes na entrevista coñecen con anterioridade o tema, a finalidade e o lugar onde esta se vai producir. A entrevista plásmase no texto tal e como se produce pero previamente o/a entrevistador/a debe conseguir información sobre o entrevistado e prepararse sobre o tema do que van tratar e logo elaborar un guión coa lista de preguntas e a orde na que as vai formular. Estrutura da entrevista: Debe constar das seguintes partes: Titular. Pode reproducir algunha cita textual do personaxe entrevistado. Outra opción é resumir o contido da conversa ou destacar algún aspecto dela. Introdución. Preséntase o entrevistado, resúmese a súa traxectoria, ou enunciase o tema no que se vai centrar a entrevista, de maneira breve. Corpo. É a secuencia de preguntas e respostas. O xornalista tamén pode comentar algunha das respostas, para enlazala con outras preguntas. Peche. O xornalista adoita darlle as grazas á persoa entrevistada e despídese dela. Tamén pode achegar un comentario final resaltando algún aspecto que considere relevante. As entrevistas inclúen material gráfico como por exemplo fotografía do personaxe entrevistado. Existen dous tipos fundamentais de entrevista: ● Entrevista informativa: interesa o que di a persoa porque viviu unha determinada experiencia, porque é experta no tema que se trata ou porque se quere saber a súa opinión sobre ese tema. ● Entrevista de personaxe: o obxecto de interese é o propio personaxe entrevistado sexa pola súa profesión, a súa relevancia cultural ou a súa condición social. A linguaxe idónea para este tipo de textos é a que se utiliza para a linguaxe interpersoal, é dicir, unha linguaxe natural. O entrevistador debe facer as preguntas de maneira clara e precisa, demostrando que coñece o tema do que están falando. Utilizaranse os pronomes persoais de cortesía, con eles as formas verbais deben estar en terceira persoa (Vostede onde naceu?), tamén os pronomes átonos son os de terceira persoa (Gústalle escribir pola noite?) Estrutura a seguir durante a entrevista: 1.- Presentación dos xornalistas (un/unha xornalista presentará a outro/a) 2.- Presentación do personaxe (un/unha dos/das xornalistas presentará o personaxe) 3.- Inicio das preguntas e respostas - O/a xornalista dá paso a rolda de preguntas do resto dos xornalistas que estarán entre o público. - Cada un dos/das que van intervir preséntanse dicindo o seu nome e o nome do xornal que van representar. - Se interveñen en linguas estranxeiras, haberá un/unha tradutor/a que lea a correspondente tradución ao galego. O personaxe vai respondendo a cada unha das preguntas. 4.- Pecha un/unha dos xornalistas agradecendo a presenza do personaxe. 5.- O outro/a xornalista pecha o acto agradecendo as preguntas dos xornalistas e a atención prestada polo público.