Santa Compaña

Anuncio
Aparición
Santa
Compaña
Este libro está formado por unha serie de relatos que nos mostran historias onde a
relación entre os vivos e os mortos varía segundo os relatos. Esta variación
podémola atopar xa no índice.

O primeiro capítulo está adicado as narracións sobre a morte, sobre o seu
sentido, o medo que produce e a súa insoslaiable visita. Neste capítulo
podemos atopar relatos como:
-O PADRIÑO MÁIS XUSTO:
Un home quere bautizar ao seu fillo, pero como é moi pobre non atopa ningún
padriño que se ofreza, así que decide botarse polo mundo adiante en busca dun
padriño para o seu fillo.
Primeiro ofreceuse o Demo, pero o home non o aceptou. Despois ofreceuse Deus,
pero tamén o rexeitou, pois pensaba que era inxusto, xa que a algúns lles da todo e
a outros só traballo e pesares. Por último ofreceuse a Morte, e o home aceptouno
como padriño, pois cría que ela si que é xusticeira, xa que leva tanto aos pobres
como aos ricos.
A Morte prometéralle ao seu afillado que cando medrara sería moi rico, e cando o
rapaz se fixo maior, a Morte cumpriu a súa promesa.
O trato era que o rapaz se fixera médico, e cando fora visitar enfermos, se vía ao
seu padriño de par da cabeceira do doente, sabería que chegara a súa hora, pero se
o vía ao pé da cama, o enfermo seguiría vivo. Desta forma o rapaz gañaría
moitísimos cartos.
Un día chamárono para asistir a un home rico e viu ao seu padriño a cabeceira da
cama, pero a familia ofrecíalle unha gran suma de diñeiro, así que, pensando un
pouco, o rapaz ordenou que sacaran ao enfermo da cama e o deitaran cos pés na
cabeceira, o padriño disgustouse e o home salvouse, pero o rapaz morreu no
instante, pois a Morte tiña que levar unha alma e levouna.
-INSOSLAIABLE:
Un vello ao que lle aterraba a morte, ocorréuselle a idea de burlarse dela
facéndose pasar por un neno. O vello empezou a poñer roupa infantil e a xogar
tódolos días con rapaces. Un día apareceu a Morte e pediulle que o acompañase
explicándolle que como sempre levaba vellos, eles comezaban a resistírselle, así
que agora tiña que levar algún neniño.

O segundo capítulo trata da morte prevista, sobre os agoiros, aparicións e
visións que anuncian un máis ou menos próximo falecemento. Este tipo de
historias podemos atopalas en distintos apartados:
*AGOIROS
-O PAXARO DA MORTE:
Un mozo de Moraña decidiu casar ca súa moza, pero despois de tomar a decisión
empezou a ter avisos de que a moza morrería, polo cal decidiu velala polas noites
para ver se aparecía o paxaro da morte. E así foi, descubriu un paxaro negro que
sobrevoaba a casa, os poucos días morría a moza.
*ALMAS DE MORIBUNDOS
-NA BARRIGA DA EMBARAZADA:
En Corme cren que as almas, momentos antes da morte, visitan a tódalas mulleres
embarazadas da familia. Cando unha muller quedou a durmir ca súa nora Lourdes,
á que lle faltaba pouco para dar a luz, puido comprobar a súa crenza, pois de noite
pareceulle vela sentada na cama e preguntoulle se se atopaba ben e porque estaba
sentada, cando Lourdes lle contestou que non se erguera en toda a noite. A súa
sogra sorprendeuse e comprobou que o que estaba sentado era o avó de Lourdes
que estaba sentado sobre a súa barriga. Ao día seguinte Lourdes recibiu a noticia
da morte do seu avó. O home, esa mañá, ía vestido da mesma forma que a noite
anterior cando se lle apareceu a súa neta.
*SINAIS E SÍMBOLOS DA ALMA: crese que non sempre se ve a alma que vai
morrer, senón que a veces pódese escoitar a súa voz ou recibir algún sinal.
- A CHAMADA:
Unha muller escoitaba a voz da súa filla chamar por ela. Isto ocurreu durante unha
tempada na que súa filla estaba traballando en Alemaña. Cando a muller escoitaba
a voz miraba pola súa filla, pero nunca a atopaba. Pouco despois chegaron noticias
de que a súa filla morrera nun accidente na fábrica onde traballaba.
*ENTERRO
-UN ENTERRO SILANDEIRO:
Un home a cabalo volvía dunha viaxe e pillouno de camiño un enterro. Para a súa
sorpresa, tódolos participantes do enterro eran veciños, viu pasar toda a procesión
e notou que faltaba un dos veciños. Ao chegar a casa contoulle a súa muller o que
vira, pois estaba moi sorprendido porque a procesión non debería ser de noite, e
por ese camiño, xa que non conduce a igrexa, e porque ningún veciño deu mostras
de coñecelo. Despois enterouse de que acababa de morrer o veciño que non vira
aquela noite. Ó outro día o home comprobou que o enterro era igual que o visto
anteriormente.

O terceiro capitulo trata de demostrar que os cadáveres e os esqueletos
seguen vivos. Este tipo de historias podemos atopalas nestes relatos:
-O ESQUELETO E O MÉDICO:
Un médico solteiro que vivía coa súa irmá, estaba moi interesado no estudo da
anatomía,así que,ca axuda do enterrador local fixérase cun esqueleto completo co
que pasaba moitas horas no seu consultorio estudando aqueles ósos.
Unha tarde, a irmá oíu o ruído dun corpo que caía, así que foi en busca do seu
irmán e atopouno tumbado no piso sen coñecemento. Cando comezou a recobrar
o sentido explicou que, cando estaba examinando o esqueleto, este levantara o
brazo e déralle unha gran labazada. Na súa meixela apareceran as pegadas dos
cinco dedos.
O doutor ordenou enterrar o esqueleto en terra sagrada e perdeu o coñecemento.
O día seguinte morreu.
-O MORTO E OS RECÉN CASADOS:
Ían dous recén casados camiño da casa da noiva cos seus invitados e atoparon un
enterro. O noivo quixo facer unha broma e dixo: "O morto queda invitado a vir cear
comigo". Á noite, o morto presentouse no banquete facéndolle prometer que iría a
cear con el. O mozo, con medo, foi pedir consello a un cura sabio, e este explicoulle
que tería que ir cear co morto tres noites. As dúas primeiras noites non lle pasaría
nada, pero a terceira, tería que cubrilas sepulturas porque senón a terceira delas
abriríase para tragalo, e tamén que levase tres fogazas de pan. Antes de acudir a
derradeira cita co morto, picou as tres fogazas de pan na igrexa. Cando empezaron
a abrirse as sepulturas, o mozo botaba unha faragulla de pan en cada unha e íanse
cerrando, así estivo ata que foi día. pola mañá quedábanlle tres faragullas e
faltábanlle tres sepulturas por abrir. A última era a súa e logrou pechala. Despois, o
morto advertiulle da sorte que tivera, pois senón acabaría o mozo sepultado e non
el, e recordoulle que os mortos son para rezarlles,non para gastarlles bromas.

O cuarto capítulo trata de explicarnos a relación que manteñen os vivos e os
mortos, xa que van dende as moi distantes ata as que supoñen unha intensa
convivencia, todo isto pasando por diferentes graos intermedios:
*ALMAS DISTANTES
-A ESTADEA E O CÍRCULO:
Dous mozos que volvían da tuna por un camiño de noite, atopáronse cunha luz moi
brillante que medraba e subía altísima. Os mozos portaban bisarmas. Un deles
marcou un circo no aire e riscou outro na terra, poñéndolle a cruz no medio. O
segundo rapaz, tremendo de medo, botouse a correr, pero tropezou e caeu ao
chan. Nese momento sentiu unha dor no pelo, e comprendeu que o levaban
colgado polos cabelos, pasárono por riba das silveiras e dos toxos, e batérono en
canta pedra había nos camiños, ata que por fin o guindaron preto da súa casa.
Estaba rabuñado por todo o corpo. Máis tarde soubo que ao seu compañeiro non
lle pasara nada.
*ALMAS QUE ANDAN PENANDO
-COMPAÑA DE PENITENTES:
Unha rapaza que vivía preto do monte, sempre vía unha ringleira de luces a partir
das doce da noite. Preguntáballe a seu pai que eran aquelas luces e el sempre lle
respondía que era a Compaña, as almas que andan polo mundo a padecer.
*MISAS DE ÁNIMAS
-NA CAPELA DE MOS:
Na aldea de Mos, hai unha pequena capela na que se venera a imaxe da
Inmaculada Concepción. Arredor dela están as Tomadas da Rega, onde os veciños
meten as vacas a pacer todo o día.
Un día unha familia esqueceuse de recollelas vacas a súa hora. E tiveron que ir por
elas as mulleres da casa pola noite. O chegar preto da capela, viron que estaba
toda iluminada de velas e sentiron rezar a moita xente, así que, mortas de medo,
fuxiron a toda présa.
Pola mañá atoparon a capela pechada e sen signos de que a noite pasada se
celebrara alí ningún acto relixioso. Deduciron que se trataba dunha misa de
defuntos que viñan a penalas súas culpas.
*OS RÉPROBOS ENTERRADOS CON HÁBITO
-RACHA-LO HÁBITO:
Un home que andaba a rozar leña no monte reparou nun pombo, e ó primeiro non
fixo caso del, pero logo decidiu atrapalo e o paxaro comezou a falar. Díxolle que era
a alma dun veciño seu que morrera había un ano, e que andaba a penar polo
mundo porque cando o vestiron puxéranlle o hábito cosido e non podía quitalo, así
que lle pedía o favor de que llo tallase sen dicirlle nada a alguén o que lle pedira e
moito menos o seu nome, pois os dous estarían perdidos.
O home foille pedir consello ao cura e este aconselloulle que acudira á cita, pero
tomando precaucións, polo que debía levar unha fouce ben afiada, ó chegar ao
monte debía riscar cun garabullo un círculo no camiño, facer unha cruz no medio e
agardar.
Ás doce da noite apareceu o defunto e empezou a dar voltas arredor da barreira. O
home aproveitou para lle mandar fouciñazos ata acertar a lle rachar o hábito de
arriba a abaixo. Nese momento houbo un gran estrondo e o home caeu no chan
sen sentido, pero non lle pasou nada, xa que se non fose polo círculo, a alma, ao
verse libre do hábito, pillaríao nunha aperta para levalo.
ó outro día, canto o home recobrou o sentido, foi a casa do cura para contarlle o
sucedido, e atopouno morto, pois a alma, xa que non o puidera levar a el, levara ó
cura por mor do consello que lle dera.
*PEDINDO SUFRAXIOS
-A PROMESA INCUMPRIDA:
Un día unha viúva, á que lle morrera o home facía pouco, atopou na súa casa ao
seu marido facendo caldo. A muller consultou aos frades e eles aconselláronlle que
se volvía aparecer, que lle preguntara en nome de Deus que quería.
O home volveu a aparecer, e logo de facer a pregunta, o defunto pediulle a súa
muller se podía ir no seu lugar ós Milagres de Amil, pois era unha promesa que lle
quedaba por cumprir.
Ela fixo o prometido e o marido non se lle volveu aparecer.
*VISITAS
-A SANTA COMPAÑA VISITA AO MORIBUNDO:
Unha muller tiña ao seu marido enfermo, e erguíase de noite para darlle as pastillas
que lle recetara o médico. Unha das veces que se ergueu oíu un ruído na rúa, así
que se asomou a ventá e viu dúas ringleiras de xente cunha vela acesa na man
mentres alguén tocaba unha campaíña. Detivéronse un anaquiño diante da súa
casa e seguiron.
A muller pensou que levaban o Viático a algún enfermo, así que máis tarde
asomouse de novo a ventá para ver se regresaban e preguntar quen era o
moribundo, pero non volveron. Unha hora despois pasou pola rúa un veciño que lle
asegurou que a igrexa permanecera pechada toda a noite.
Entón deduciu que ela vira a Santa Compaña, e que, polo tanto, na súa casa
habería pronto unha morte. Ó día seguinte o seu home morreu.
*RECTIFICAR ERROS PASADOS
-OS MARCOS CAMBIADOS:
En Ortigueira aparecéuselle un morto a súa familia contándolles que antes de
morrer, cambiara o marco do prado e metérao unha cuarta no terreo do veciño, así
que lles pedía que o volveran poñer no eu sitio para que el puidera descansar en
paz.
*LECCIÓNS E AXUDAS ÓS VIVOS
-LECCIÓN DE CARIDADE:
Un home que estaba no Purgatorio porque nunca dera unha esmola, aparecéuselle
ao padriño da súa filla pedíndolle que fose a casa da rapaza pedir un cacho de pan.
Este favor pediullo debido a que el lle ensinou a súa familia a non dar esmolas, e se
algún dos seus non tiña algo de caridade, el non podería saír do Purgatorio.
O home foi á casa da súa afillada, onde estaban cocendo o pan, e o seu marido
reñeulle por non ofrecerlle un anaco de pan ao seu padriño, aínda que ela cría que
se o quería non o tiña que pedir senón collelo sen máis.
Despois de discutir un anaco, a muller, por non escoitar máis ó marido, colleu un
cacho de bola e deulla ao seu padriño. Entón el contoulles todo o ocorrido e
díxolles que acababan de salvar a seu pai.
Dende ese día dábanlle esmola a tódolos que pasaban.
*CON COMPAÑEIROS VIVOS
-A MULLER QUE ANDABA COA SANTA COMPAÑA
Dicíase que unha muller chamada María a Camiseira andaba ca Compaña. Viñan
buscala e ela tiña que erguerse e marchar. Ela sempre avisaba que ía haber unha
morte, pero nunca dicía o nome do defunto.
Unha vez que ía coa Santa Compaña chegou á casa dunha veciña coa que se levaba
moi ben, polo que cando quixeron subir a escaleira do cuarto, ela quixo quedarse
atrás, pero os do acompañamento abofeteárona sen dor ata que chegara a onde
tiña que ir.
*POSESIÓNS
-POSUÍDO POR CASTIGO:
Un home chamado Antón morreu, supostamente, dos disgustos que lle daba o
máis vello dos seus fillos. Pouco despois de morrer o seu pai, o fillo, comezou a
comportarse dun xeito estraño, facía cousas coma se tivese o Demo no corpo.
Empezou a imitar a seu pai na fala e en todo, de feito ata se quería deitar coa súa
nai. por este motivo ela acabou botándoo da casa.
Metéraselle no corpo o espírito de seu pai, era a vinganza polo comportamento
que tivera con el.
Por último, no capítulo cinco, podemos atopar narracións feitas para alivialo medo
que producen os visitantes do Alén:
-OS MOZOS QUE ROUBARON FIGOS:
Uns rapaces roubaron nun comercio unha caixa de figos pasos. Para repartilos
decidiron ir ó cemiterio. Nese intre chegou o enterrador que ía tocala campá
porque houbera unha morte na parroquia, pero ao sentir aquelas voces, marchou
contarllo ao cura, e entre os dous decidiron ir buscala Garda Civil.
Cando chegaron os cinco gardas, os rapaces estaban acabando de facer o reparto e
caéranlles dous ou tres figos fóra do nicho, así que dixeron que un collía a tampa e
outro a caixa pa ir polos que estaban fóra. Cando os gardas escoitaron iso,
pensando que se referían a eles, botaron a correr, e incluso deixaron o fusil no sitio
coa présa.
-O SACO DAS VERZAS:
Na aldea de Goián había un home ao que chamaban Periquiño que era moi medoso
e cría moito nas bruxas.
Unha noite foi ver unha rapaza do Outeiro e, ó voltar pasou pola Igrexa. No
cemiterio viu sobre o muro unha gran fantasma branca. Periquiño colleu tal medo
que se arrimou á porta dunha casa e alí quedou toda a noite.
Cando se fixo de día, a ama da casa abriu a porta e se atopou con Periquiño alí, que
foi quen lle contou o sucedido. A vella ríndose todo canto podía explicoulle que o
que vira era un saco de verzas que a noite esquecera no valo.
COMENTARIO
As historias de aparecidos son consideradas supersticións herdadas dos tempos
escuros. As supersticións son crencias destinadas a explicar un feito natural do que
se descoñece a súa explicación científica. Estas explicacións varían segundo as
culturas, por iso as supersticións serven para que desde unhas crencias se rexeiten
as alleas, o que nos impide entender o que outras sociedades cren. Moitos
costumes populares e moitas destas crencias teñen a súa raíz na Antigüidade
Clásica.
En tódalas sociedades se cre noutra vida despois da morte e nunha relación entre
os vivos e os mortos, pero estas relacións varían de intensidade dependendo da
concepción relixiosa e das relacións sociais entre os vivos.
As crencias galegas sobre os defuntos seguen mantendo continuidade coas que
existían durante a Idade Media en Europa. Tanto na Idade Media coma na cultura
popular galega a relación máis estreita establécese entre os vivos e os defuntos
que necesitan purgalos seus pecados.
A sociedade tradicional tivo boas razóns para cren en aparecidos, pero cada
sociedade debe ser entendida no seu momento e nas súas circunstancias. A crencia
do Purgatorio reforza os lazos entre vivos e mortos, xa que estes últimos necesitan
da axuda dos vivos para acurtalo período de penitencia e acadalo Paraíso. Ademáis,
os contos de aparecidos axudan a transmitilos valores da cultura tradicional, pois
escoitando estas historias, os nenos aprenden que actos son condenados e cales
non.
As crencias galegas sobre aparecidos establecen unha ponte entre os dous mundos
desmentindo a morte. Esta ponte é de gran axuda para o home, pois, crer que
despois da morte hai tempo para arranxar os errores feitos en vida, elimina a
angustia que sole presentarse ao pensar no outro mundo, por iso, as crencias de
aparecidos son unha creación cultural de enorme valor.
Descargar