EPISTEMOLOXÍA Kant consideraba que a razón non se limitaba ó ámbito... tamén era guía e dirixe ó ámbito da acción. Para...

Anuncio
EPISTEMOLOXÍA
Kant consideraba que a razón non se limitaba ó ámbito de coñecemento, senón que
tamén era guía e dirixe ó ámbito da acción. Para estas funcións, Kant reserva o nome
de razón teórica e razón práctica, respectivamente.
Kant fora educado no racionalismo académico de Wolff, que sostiña que a razón,
partindo de si mesma e dos seus contidos innatos, pode alcanzar un coñecemento
universal. Porén, o empirismo de Hume fíxolle cuestionalo; a razón só traballa co
material da experiencia, e como este é cambiante, o coñecemento só pode ser
probable. Kant, insatisfeito co dogmatismo racionalista e co escepticismo empirista,
explicou como é posible o coñecemento a través dunha síntese entre ambas
correntes. Os empiristas tiñan razón: sen experiencia non hai coñecemento. Pero os
racionalistas tampouco erraban: non todo é experiencia, o suxeito que coñece
proporciona algo imprescindible para que sexa posible este coñecemento. Non nos
limitamos a recibir información, senón que a nosa constitución permítenos ver e
entender o que nos rodea dunha determinada maneira.
As teorías epistemolóxicas de Kant foron revolucionarias como as de Copérnico na
astronomía, de aí que o propio autor se compare con el. Copérnico, vendo as
dificultades para explicar o movemento planetario coa teoría xeocéntrica, cambiou a
perspectiva cara a un modelo heliocéntrico. Analogamente, Kant, vendo difícil
xustificar o valor universal e necesario da ciencia no caso de que fose o suxeito quen
se adaptase á cambiante realidade, inverteu a formulación (xiro copernicano). O
coñecemento pode ser universal e necesario porque é froito da imposición do suxeito
(das súas estruturas ou formas a priori) sobre o obxecto.
A realidade que coñecemos non é obxectiva, xa que pasou pola nosa sensibilidade. A
pesar diso supoñemos que o “fenómeno” é a representación ou imaxe do obxecto que
a orixina, pero Kant nega a posibilidade de demostrala. A realidade en si é
denominada por Kant “nóumeno”, e para coñecela o ser humano tería que saír de si
mesmo e comprobar se o fenómeno se corresponde con aquilo do que é
representación. Como isto é imposible, o nóumeno convértese no límite do
coñecemento.
A importancia que Kant lle reserva ó suxeito e ás formas a priori na epistemoloxía fan
que a súa filosofía se coñeza como idealismo transcendental: idealismo porque só as
ideas ou estruturas do suxeito permiten o coñecemento; e transcendental porque estas
ideas transcenden o caso concreto, pois teñen carácter a priori.
O obxectivo de Kant ó solucionar a controversia entre racionalismo e empirismo na
súa Crítica da razón pura é o de lexitimar a ciencia, que con ningunha das posturas
anteriores quedaba fundamentada (os racionalistas vían os enunciados científicos
como verdades de feito, continxentes; os empiristas negábanlle a universalidade e
limitábanos ao grao de probabilidade). Kant explica que as argumentacións son
relacións entre xuízos, que non son máis que atribucións de calidades a un suxeito
determinado; se pretendemos que sexan científicos deben ser extensivos (amplían o
coñecemento do mundo) e ser universais e necesarios (válidos en calquera
circunstancia). Por iso Kant clasifica os xuízos segundo:
-
A extensión: en xuízos analíticos (non amplían o noso coñecemento; o
predicado xa está implicitamente no suxeito) e sintéticos (son extensivos,
amplían o coñecemento; o predicado proporciona información nova).
-
A validez: en xuízos a priori (a súa verdade non depende da experiencia,
podemos saber que son certos sen recorrer a ela; son universais e necesarios)
e a posteriori (a súa verdade depende da experiencia; hai que comprobalos,
son continxentes).
Hume e Leibniz xa estableceran as relacións entre xuízos, sostendo que había
verdades ou cuestións de feito (xuízos sintéticos a posteriori; son extensivos porque se
basean na experiencia, pero son continxentes) e verdades da razón ou relacións de
ideas (xuízos analíticos a priori; non son extensivos porque non veñen da experiencia
pero teñen validez universal). A revolución kantiana consiste en postular a existencia
dunha terceira posibilidade acorde coas condicións científicas: os xuízos sintéticos a
priori, extensivos e de validez universal, que son os principios das matemáticas e da
física.
Na súa Crítica da razón pura, analiza criticamente cales son a natureza, a función e os
límites da razón, para establecer por que é posible a ciencia e como son posibles os
xuízos sintéticos a priori. Na súa análise distingue entre estética transcendental e
lóxica transcendental (analítica e dialéctica transcendental), cada unha das cales
analiza unha facultade diferente.
Na estética transcendental, Kant analiza a primeira facultade que intervén no
coñecemento: a sensibilidade, a receptividade ou capacidade de abrirnos ao mundo.
Non obstante, non todos percibimos a realidade da mesma maneira; a natureza e o
funcionamento da sensibilidade condiciónannos a ver o mundo dun modo
determinado, dado que existen unhas estruturas mentais que nos capacitan e limitan a
recibilas desa maneira: o espazo e o tempo, que son as formas a priori da
sensibilidade, porque son anteriores á experiencia e determinan como a podemos ter.
Calquera representación é unha impresión situada no espazo e no tempo; por iso
dicimos que as intuicións son unha síntese entre o dado polo obxecto (datos
sensoriais) e do posto polo suxeito (estruturas internas: espazo e tempo).
Con este razoamento Kant demostra a validez dos xuízos sintéticos a priori en
matemáticas, porque tanto a aritmética como a xeometría se ocupan das formas a
priori da sensibilidade: a xeometría das relacións espaciais (condicións que debe
cumprir calquera obxecto no espazo) e a aritmética do tempo (para Kant unha serie
numérica é unha sucesión temporal).
As intuicións que proporciona a sensibilidade aínda non constitúen coñecemento, son
inconexas e faltas de sentido. Na analítica transcendental Kant analiza a segunda
facultade cognitiva: o entendemento, a facultade de pensar ou realizar xuízos a partir
das intuicións. Isto faino mediante conceptos, que agrupan a multiplicidade de
impresións dotándoas de sentido, e converténdose en instrumento para pensar a
realidade. Hai dous tipos de conceptos: conceptos empíricos (proveñen da
experiencia; despois de observar extráense as características comúns a diversos
obxectos e fórmanse conceptos coma o de casa) e conceptos puros ou categorías
(non proceden da experiencia, son as estruturas a priori do entendemento que
permiten agrupar ou conceptualizar as intuicións da sensibilidade; partindo dos tipos
de xuízo deduce doce categorías: unidade, pluralidade, totalidade, realidade,
negación, limitación, substancia, causa, reciprocidade, posibilidade, existencia e
necesidade). Cada unha delas constitúe un concepto baleiro de contido, necesita a
impresión sensible para encherse e proporcionar coñecemento; así, só a conxunción
das dúas permite entender o fenómeno.
Kant demostra deste modo a validez dos xuízos sintéticos a priori na física, concibida
como o conxunto de leis que explican fenómenos naturais. Aínda que estas se deban
comprobar pola experiencia non proceden dela, senón das categorías puras, que son
as formas a priori do entendemento. Así, por exemplo, o principio de causalidade
criticado por Hume é unha consecuencia de que o noso entendemento interprete o
fenómeno aplicando unha causa.
Na dialéctica transcendental Kant analiza a terceira das facultades cognitivas, a razón.
Unha vez que o entendemento agrupou as impresións en conceptos formando xuízos,
intervén a facultade de razoar, que avanza buscando principios xerais para explicar
cada vez unha maior cantidade de fenómenos. As formas a priori da razón serían as
tres ideas transcendentes: de alma (subsume os fenómenos subxectivos da
experiencia interna baixo a idea de Eu), de mundo (unifica os fenómenos obxectivos
da experiencia externa considerando que proceden dun único Mundo) e de Deus
(agrupa os contidos da experiencia interna e a externa; é o principio máis xeral porque
unifica o Eu e máis o Mundo). Hai un uso correcto e útil destas ideas, cando as
tratamos como principios reguladores que orientan a razón na busca de principios
xerais, pero sempre entendéndoas como ideais que é imposible alcanzar.
Porén, existe un uso fraudulento que non conduce ó coñecemento, senón a
contradicións: trátase de considerar que estas ideas teñen un referente, concibíndoas
como realidades últimas que lle dan sentido e finalidade a todo o que ocorre. Isto leva
á razón a intentar coñecer estas ideas; entón traspasa os límites do que é posible
coñecer, e é vítima de enganos, falacias e ilusións. Este é precisamente o que se fai
na metafísica, polo que Kant nega a posibilidade de coñecemento científico neste
ámbito; ve como a ambición desmesurada da razón pretende ir máis alá dos
fenómenos e acceder á realidade en si ou nóumeno, o cal está por riba do límite
cognoscible. A metafísica non é ciencia nin nunca o será. A razón teórica non pode
demostrar cuestións como a liberdade persoal, a inmortalidade da Alma ou a
existencia de Deus; polo tanto a postura máis acertada é a agnóstica. Agora ben, o ser
humano non só coñece, senón que tamén actúa. Kant proporá que quizais o que
resulta imposible para a razón teórica sexa factible para a práctica.
ÉTICA
De Kant non só se valora a súa teoría epistemolóxica, senón tamén a súa
revolucionara contribución ética, á consolidación da cal tivo gran importancia a
influencia de Rousseau; podémola atopar na Crítica da razón práctica. Antes de
establecer que é o que debemos facer, Kant analiza as éticas anteriores e chega á
conclusión de que, a pesar da gran variedade de normativas, todas presentan un
denominador común: son éticas materiais, unha lista de normas ou preceptos. Isto
presenta dous inconvenientes:
- Son éticas empíricas: teñen un contido que nos di o que debemos facer ou evitar e
que procede da experiencia, amosando que condutas son as adecuadas para
conseguir o obxectivo que nos propoñemos. Fundaméntanse nun ben (felicidade,
saúde...) e determinan o camiño a seguir para alcanzalo; son polo tanto éticas
interesadas que buscan unha compensación ou gratificación. O resultado son
preceptos, normas que el denomina imperativos hipotéticos (son simples
condicionais, que só nos obrigan se consideramos que a consecuencia é un ben ao
que aspiramos; unicamente se aceptamos a condición, o imperativo ten sentido).
- Son éticas heterónomas, porque fan que a vontade estea determinada por
principios alleos á nosa razón, externos a ela. As éticas materiais xustifican unha
serie de preceptos en función de fins que dependen de intereses persoais.
Estas dúas características fan que as éticas materiais sexan inaceptables, impropias
dun ser maior de idade como o ser humano. Para Kant, inspirado pola reivindicación
de liberdade e emancipación da Ilustración, unha ética auténtica ten que ser universal
(válida para calquera circunstancia, con independencia dos intereses) e autónoma
(baseada na liberdade humana, na que sexa o propio home quen determine a lei
moral). Estas dúas propiedades só son posibles nunha ética formal.
Kant considera éticas formais aquelas que carecen de contido, que non din o que
debemos facer senón a maneira en que debemos actuar. Os seus imperativos non son
hipotéticos, senón categóricos: esixen o cumprimento sen condicións nin excepcións.
Kant formula o imperativo categórico, coñecido como principio de universalidade,
deste xeito : “Actúa só segundo aquela máxima pola que poidas, ao mesmo tempo,
querer que se converta en lei universal”. Obsérvase nela que non establece o que
temos que facer, senón a forma que debe ter calquera máxima para chegar a ser lei
moral. Recolle a consideración de crer que a acción correcta consistirá en facer o que
esixiriamos que fixesen os demais.
Kant tamén formula o imperativo categórico doutra maneira: “Trata a todo ser humano
non como un medio, senón como un fin en si mesmo”. É dicir, tratalos coma o que son,
persoas con dignidade que non poden ser usados como instrumentos para satisfacer
os nosos desexos; en definitiva, a súa postura invítanos a obrar de maneira
desinteresada, por simple respecto ao amor e ao deber (isto é, actuar moralmente).
Non basta con actuar externamente en conformidade co deber (o que sería actuar
legalmente); é imprescindible que exista un convencemento e un respecto interno por
el. Aínda que dous individuos se comporten de maneira honrada e legal, para Kant só
obra de maneira moral aquel que o fai desinteresadamente, porque o considera o seu
deber, e non con vistas a unha recompensa, pois está claro que se esta desaparece o
individuo abandonará a súa boa conduta.
Tal razoamento presupón que as persoas somos seres con capacidade para decidir se
actuar de maneira altruísta ou egoísta; non obstante, a liberdade humana resulta para
Kant un atributo que non podemos demostrar. Coa análise da facultade da razón (na
dialéctica transcendental da súa epistemoloxía) Kant conclúe que a metafísica non
pode ser considerada como ciencia, e que as ideas transcendentes (alma, mundo e
Deus) e os seus atributos (liberdade humana, inmortalidade da alma, existencia de
Deus) son imposibles de coñecer pola razón teórica; só debemos empregalas como
principios reguladores para agrupar fenómenos cada vez máis amplos. Deste xeito,
Kant recomenda como postura máis coherente a agnóstica.
Non obstante, aínda que non poidan ser demostradas cientificamente, a existencia da
alma, do mundo e de Deus vólvense imprescindibles para falar de moral. Isto leva a
Kant a consideralas como postulados da razón práctica, ideas das que non podemos
chegar a ter ningunha certeza pero das que temos que presupoñer a existencia. En
definitiva, son indemostrables cientificamente pero necesarios moralmente.
-
A liberdade humana: aínda que os fenómenos naturais estean determinados
polas leis da natureza e o ser humano forme parte dela, hai que presupoñer a
liberdade humana. Esta implica a capacidade de escapar de tal determinismo e
de decidir a propia acción, o cal é básico cando falamos de comportamento
moral.
-
A inmortalidade da alma: a existencia desta resulta imprescindible para que
teña sentido a moralidade. É evidente que o comportamento correcto poucas
veces se recompensa; unicamente se supoñemos a supervivencia da alma
despois da morte podemos confiar en que a nosa virtude sexa recompensada
xustamente cunha existencia feliz.
-
A existencia de Deus: non podemos ter experiencia ningunha de Deus, e polo
tanto ningún coñecemento. Pero a súa existencia é necesaria como última
garantía do sentido da existencia: só Deus pode avalar que os que se fixeron
dignos de acadar a felicidade a consigan.
Así respóndese á pregunta de que é o que podemos esperar se facemos o que
debemos. Segundo Kant, só se actuamos de maneira desinteresada podemos aspirar
á felicidade. No noso mundo moitas veces esta aspiración non se ve recompensada, e
os virtuosos padecen graves inxustizas. Unicamente a inmortalidade da alma e a
existencia de Deus poden garantir que virtude e felicidade se cheguen a identificar
algún día.
FINALMENTE poderemos concluír que Kant chega a superar o dualismo que se
establece entre as súas dúas teorías: a epistemolóxica, sobre a capacidade científica
do ser humano e o determinismo da natureza; e a ética, sobre o uso práctico da razón
e a liberdade humana. Na súa Crítica do xuízo restablecerá a unidade do ser humano
baixo a noción do sentimento, do sentimento de beleza (lonxe do mero pracer
sensorial, é unha visión do sublime, da harmonía entre o mundo do coñecemento da
natureza e o da liberdade de acción). É un sentimento desinteresado, incompatible co
desexo egoísta de dominación sobre a natureza e o resto dos homes. Deste xeito,
Kant amósase como anunciador do Romanticismo posterior.
Descargar