De recompensas e cazatesouros Denuncia do actual sistema de adxudicación de axudas á tradución e proposta para un cambio efectivo de modelo Alejandro Tobar Santiago de Compostela Novembro de 2014 Hugin e Munin 2 As axudas que, ano tras ano, a Administración saca a concurso para potenciar que as editoriais traduzan literatura ao galego e dende o galego, naceron para iso mesmo: ampliar as cotas de produción editorial, mellorar a remuneración dos tradutores e tradutoras (algo fundamental) e, no caso concreto das axudas para o traslado de literatura galega cara a outras linguas, para lle dar á cultura galega unha maior visibilidade fóra de Galicia. No terreo das intencións e dos propósitos loables non cabería polo tanto adoptar unha posición contraria á dita concesión de axudas, en tanto que transparente, clara, proporcional e verificable até o último céntimo de euro. Mais sucede que este non é, nin por asomo, o caso; nin pola banda da Administración nin pola banda dun bo número de editoriais, en clara conivencia cunha Consellaría que no mellor dos casos actúa á toa. Na miña condición de responsable da editorial Hugin e Munin gustaríame logo expor publicamente o noso caso, deitar certos datos que se cadra non se coñecen, denunciar o que entendemos –eu e aquelas persoas coas que comparto labor editorial– como abusos, e pedir, na fin de contas, un cambio radical de modelo, e, de ser o caso, a depuración de responsabilidades dentro e fóra da Administración. Houbo por suposto un longo período de reflexión entre o estupor inicial e a redacción desta denuncia pública. Nese ínterim tirei en limpo unha cousa: a mellor maneira de sacar á luz as miserias da repartición, non sei se partidaria mais indubidablemente anómala, da remesa económica destinada ás axudas para a tradución, pasaba por explicar 3 polo miúdo o decurso editorial de Hugin e Munin dende finais de 2011 até hoxe, cinguíndoo escrupulosamente á adxudicación das axudas. Tratarei polo tanto de ser directo e claro, e obviarei aquilo do que non teña constancia e probas. É dicir, os díxomes, os segredos a voces e as sospeitas sen unha base sólida quedan fóra. Así comeza. A incursión da editorial Hugin e Munin Detrás de Hugin e Munin, unha editorial especializada na tradución ao galego de títulos de literatura estranxeira de prestixio, está un autónomo, eu: Alejandro Tobar. Canda min, en función da carga de traballo e das posibilidades de gasto, están unha serie de tradutores contratados ad hoc para certas obras, e tamén ilustradores, profesionais da corrección e da maquetación. O círculo péchase aí. Aínda que na creación dun libro noso poden chegar a colaborar até sete ou oito persoas, a empresa como tal queda restrinxida á capacidade de organización dun autónomo. Simple. Os dous primeiros títulos da editorial saíron a finais de decembro de 2011 (dá fe o número de depósito legal), se ben a efectos prácticos optamos por difundilos e darlles publicidade como novidades de xaneiro de 2012; polo tanto ese ano, 2011, quedou descartado de facto en relación cun eventual concurso para a obtención de axudas públicas á tradución –cómpre sinalar no entanto que unha editorial sen catálogo abondo nin os preceptivos dous anos de vida tamén conta coa posibilidade de concursar mediante a presentación dun plan de edición; non foi o caso. En 2012, consonte o noso compromiso cos subscritores, publicamos un total de 8 obras, todas elas pagas por nós e só por nós, a todos os niveis. 4 As adxudicacións En 2013, de novo 8 obras publicadas. Destas, foron 7 as que financiamos nós por enteiro, e 1, Elias Portolu, da premio Nobel sarda Grazia Deledda, a que editamos grazas a un acordo de colaboración coa Asociación de Tradutores Galegos (ATG) mediante o cal a asociación asumía o pagamento á tradutora e nós os restantes custos, así como o compromiso de liberar meses despois a obra na Biblioteca Virtual Galega (BIVIR). Velaí a nota que incluímos na páxina de créditos: A tradutora facturoulle a contía pactada á ATG, que ascendeu a 2.288 euros brutos (1.807,52 €, tras o desconto do 21 % de IRPF). Estes cartos en ningún momento pasaron pola editorial, senón que foron directamente da conta da asociación á da tradutora, como debería de ser sempre; neste sentido, a nosa colaboración coa ATG foi exemplar. Foi entón, en 2013, cando, non sen antes darlle unha e mil voltas, a editorial Hugin e Munin lle presentou dúas propostas de tradución á Xunta de Galicia, isto é, a través da vía das axudas á tradución de literatura estranxeira ao galego. Presentamos A Eva futura, do autor francés Auguste Villiers de L’Isle-Adam, de 416 páxinas, e Jude o escuro, que, tras alargar e alongar as marxes da caixa de edición, resultou en 504 páxinas. Nós, sen unha axuda pública, xamais poderiamos asumir o custo dunhas traducións tan extensas. Foi por ese 5 motivo polo que fixemos ambas as propostas, que a Xunta resolveu positivamente, con 5.464,80 e 6.000 euros respectivamente, pero... nós non pedimos iso, nin a cuarta parte diso! No «calendario de investimentos» que a Administración reclama para saber a canto ascendería o custo da tradución, nós propuxemos 1.500 euros para cada unha destas obras; a maiores achegamos, desagregada e con carácter informativo, unha estimación de gastos inherentes á editorial (corrección, deseño e maquetación, impresión, distribución). O importe proposto para a tradución (aspecto ao cal se destinan en exclusiva as axudas da Xunta) sumado aos demais custos ascendía a 4.350 euros para cada unha das obras, é dicir, tamén inferior ao adxudicado pola Administración galega. Disto infírese que a adxudicación de case 11.500 euros non era un erro. Chegou a adxudicación e con ela a sorpresa, o pasmo, o dilema moral (máis nestes tempos, e máis aínda nun país tantas veces saqueado), a procura de razóns, a explicación aos tradutores e a toma 6 dunha decisión: rexeitar a axuda ou apandar con todo para que os tradutores, dous no caso de A Eva futura e unha no caso de Jude o escuro, fosen remunerados con estándares europeos, pero con cartos públicos galegos. Correctamente ou non, aceptamos os 11.464,80 €. Esta contía, tome nota o lector, a diferenza das axudas da ATG, non vai parar á conta do tradutor, senón que lle chega á editorial. O 45 % no ano mesmo da convocatoria; o 55 % restante unha vez que a editorial lle presente á Administración os xustificantes de pagamento ao tradutor e mais os correspondentes libros físicos. É dicir, que eu como editor recibo case a metade dos cartos no momento de aceptar a axuda para de aí simplemente transferirllos ao tradutor. E no segundo ano teño que adiantar eu, editor, do meu diñeiro, nunha sorte de aval, os cartos (en cifras redondas 6.300 euros), e de aí presentarlle os xustificantes de pagamento e as facturas á Xunta para que mo reembolse. Así funciona. Todo vale e todos gañan, agás os tradutores Parece lóxico pensar que o feito de que os cartos –a tremenda enxurrada de cartos!– pasen pola conta bancaria da editorial dea en espertar na empresa a tentación de redistribuílos a conveniencia, co prace (forzado) ou non do tradutor. Legalmente só hai unha vía: as axudas son para pagar a tradución, non para outros conceptos de gasto. Isto talvez debería modificarse (eu son partidario do cambio; de maneira xustificada, recomendaría que aos editores se nos permita destinar unha parte da axuda recibida a cubrir outros gastos de edición), pero a realidade é que os editores non estamos autorizados a destinar a nosa cota de cartos públicos a outro fin que non sexa remunerar o traballo dos tradutores. Velaquí aparece logo un dos principais puntos negros, 7 e iso sen contar con que é un agravio absoluto para o conxunto dos tradutores que un traballador cobre 500 euros polo que outro pode chegar a cobrar 5.000. Alguén dirá: «Como é posible trampear a lei?». Escoitei varias maneiras, pero só podo corroborar unha. Porei un exemplo: a editorial X recibe unha axuda de 10 euros polo traballo A. O tradutor fai polo tanto a tradución polo traballo A, e cobra 4 euros (non os 10, como debería). A seguir a editorial faille outras tres encargas, polas que pactan uns honorarios de 1, 2 e 3 euros respectivamente. A suma das catro traducións (1+2+3+4) xa é 10 euros. Agora tan só queda pagar por xunto, facturar e presentar os resgardos e xustificantes perante a Administración, que pagará o total da axuda concedida. O tradutor cobrou 10 euros, pero non por unha tradución senón por 4, o editor mediou e deixou de ter un gasto (non un gasto, catro gastos), e a Administración zarapallou, máis unha vez, o dependente sector editorial. Sen saír da trampa, todo pode resultar máis doado e lúgubre cando os tradutores son persoal da empresa, isto é, asalariados (ou bolseiros). Aí o editor factúrase, enténdase, a si mesmo. Para o caso, todo no mar si son fanecas. Das eivas no proceso Segue a haber varios puntos que tratar respecto da ética editorial. Vaiamos coa presentación de propostas. O lóxico é que as axudas permitan sacar obras que doutro xeito non sería posible, ou cubrir ocos coa publicación de obras que deberían estar traducidas e non o están. Os cartos públicos non están aí porque si. Trátase de fomentar e contribuír á consolidación dunhas letras propias, as galegas e as que se traducen ao galego. Así as cousas, é escandaloso que a Xunta non teña 8 un criterio público. Rexe a escolla ao chou. Corre unha graza entre os editores que conta que seguramente en San Caetano hai un mandril, evidentemente analfabeto, ao que lle presentan sobres e sobres con propostas de tradución, algo que o mandril dá en separar en dúas pías, unha cos descartes e outra coas adxudicacións. Ben, iso sería nun dos casos, o mellor, porque se non houbese tal mandril daquela poida que esteamos ante unha nova estafa de adxudicación a dedo, por razóns subxectivas e probadamente extraliterarias. A comisión avaliadora Quen conforma o comité de selección? Ou dito con outras palabras, non estamos perante un tribunal externo. Neste grupo de catro persoas non figura ningún membro da Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo; tampouco non hai ninguén en representación da Asociación de Tradutores Galegos, nin, para dicilo con poucas palabras, membros independentes en tanto que non ligados á designación administrativa; tanto a xefatura do Servizo e a subdirección xeral de Bibliotecas coma a xefatura do Servizo do Libro e Publicacións son cargos que a Administración ocupa mediante nomeamentos directos; talvez estas persoas sexan competentes, mais en ningún caso expertas ou especialistas na materia; 9 encoméndaselles dende a Consellaría de Cultura un labor para o que non teñen a formación necesaria (cando menos non por méritos de posto), e que debería ser desenvolvido por persoas relacionadas co mundo do libro galego e a tradución. E, claro, debería de haber diferentes grupos de avaliación para os distintos tipos de proposta: literatura infantil e xuvenil, narrativa, ensaio etc.). É absolutamente disparatado pretender que catro persoas sen formación específica para o contexto da tradución vaian poder resolver unhas axudas coma estas. Os criterios Ben, cales son entón os criterios? Admitindo que son iso, criterios, digamos que son variables. E inxustos, abstractos e inconsistentes. En 2013 eran estes: En 2014 os valores pasaron a ser outros: 10 Reproducidos os criterios da comisión avaliadora, procedo a comentar o que nos sucedeu a nós en 2014, para de aí facilitar unhas táboas coas adxudicacións dos últimos catro anos e finalmente achegar unha proposta o máis rigorosa posible como alternativa ao actual modelo de concesión de axudas á tradución de e para o galego. En 2014, puxémonos como obxectivo sacar os 8 títulos que cubrisen o compromiso editorial para cos subscritores máis outros 5 dunha colección paralela intitulada «Vólvense os paxaros contra as escopetas». Isto é, un total de 13. Aínda faltan 3 meses para que acabe o ano, pero xa podemos anunciar que acadaremos a previsión de produción e que moi probablemente o fagamos non con 13 senón con 15, porque outros dous libros da nova colección están ao caer. Xa que logo, a finais 11 deste 2014 haberá 15 libros novos de Hugin e Munin, dos cales dúas novelas (A Eva futura e Jude o escuro) saíron grazas á axuda que nos concedeu a Consellaría en 2013. Turgueniev, entre os descartes Valla unha recapitulación de como están os números a 1 de novembro de 2014: 24 títulos dunha colección e 5 da outra. 29 en total. E desas 29 obras, 2 levaron unha axuda á tradución da Xunta e outra unha axuda da ATG. Isto fai que o noso catálogo estea composto por 26 obras financiadas integramente por nós e 3 só parcialmente. E con esas, este ano 2014 chegou a nova convocatoria. E decidimos presentar unha única obra, porque era demasiado longa para a poder pagar nós mesmos e porque entendiamos que cumpre os requisitos para ser un deses libros que a un comité de avaliación lle habería de encantar recibir entre as propostas. Pola calidade da obra en si, pola indiscutible importancia do autor na literatura universal e pola lingua da que a traeriamos, o ruso. A proposta foi Fume, de Ivan Turgueniev. Esa e nada máis ca esa. En 2015 sairán un mínimo de 8 títulos pero consideramos que só precisamos a axuda da Administración para esta novela. Pero a Xunta excluíuna, co seguinte argumento: E resulta que se un vai mirar o art. 2.2c, bate con isto: 12 Conclusión: Fume, de Turgueniev, que propuxemos para a tradución directa do ruso ao galego, da que se había encargar unha licenciada en Filoloxía Románica natural de Rusia e residente na Coruña, cun bo currículo (que achegamos como parte da documentación requirida) e, para o caso, que podía acreditar o seu dominio da lingua galega, ben, pois foi excluída... por acadar unha puntuación inferior ao 50 % do máximo total, signifique isto o que signifique. En fin, que en 2015 non veremos a novela de Turgueniev en galego, cando menos non no selo Hugin e Munin. Non querería, porén, limitalo ao noso caso; se o cito é porque se trata do único que vivín en carne propia e polo que estou en condicións de responder sen medo a equivocarme. Menos aínda querería circunscribilo á nosa experiencia cando sei que houbo outras editoriais que presentaron, tanto en 2013 coma en 2014 (os casos que eu mellor coñezo) infinidade de boas obras que sen dúbida merecían o interese e o apoio económico da Administración galega, e que, coma o pobre Turgueniev, a mesa de selección non considerou con méritos abondos. 13 Táboas de concesión de axudas 2011-20141 Non tanto para a xente do sector ou para os implicados como para o público en xeral, procedo a facilitar unhas táboas realizadas a partir dos datos públicos do DOG, onde se detalla quen cobramos e canto cobramos neste último período 2011-2014. Insisto, na teoría, a editorial só exerce de avalista e intermediaria, pois a regra di que as axudas deben ir de xeito íntegro a remunerar o tradutor. Tal foi o caso de Hugin e Munin, que é a editorial pola que eu respondo. 1 Os 14 datos desagregados, por editorial e obra, eran accesibles na rede no mes de outubro de 2014. Apuntamentos xerais Deito agora uns poucos apuntamentos acerca das cantidades adxudicadas en concepto de axudas á tradución: Edicións Xerais non presentou nada a concurso durante este período por ser o seu director, Manuel Bragado, tamén o presidente da Asociación Galega de Editores. Nada lle impedía concorrer, pois legalmente non existe unha incompatibilidade laboral, mais por decisión editorial optaron por non facelo. En 2015, é probable que a historia sexa outra, pois Bragado xa non pertence á directiva da AGE. Santiago de C. A Internacional Editores (Scq.), a quen en 2011 a Xunta adxudicou tres axudas por un total de 12.586,80 €, é un ente descoñecido entre os actores do mundo editorial. Cando menos nos círculos nos que eu e as persoas que traballan comigo nos movemos. Só conseguimos saber que en 2014 a Xunta lle reclamou parte desas axudas de 2011, entendemos que por incumprimento do acordo. Até onde soubemos, esas propostas de tradución nunca se plasmaron sobre o papel. O que está claro é que faltan datos; agradeceríase unha aclaración. Chama poderosamente a atención que o PEN Clube de Galicia, presente baixo o nome comercial de Editorial Danu S.L., recibise 61.133,16 nos exercicios de 2011 e 2012. Non menos rechamante resulta que unha das propostas trasladadas fose a tradución ao castelán de Estúrdiga Materia, do propio presidente do Club, Luís González Tosar. A consellaría destinou a esa tradución 4.494,30 €. Preocupante resulta tamén a dificultade para atopar os libros do PEN Clube, xa non nos andeis das bibliotecas (aí seguro que os hai, que a Xunta tamén fai compra para a dotación 15 de bibliotecas) ou nas librarías, senón simplemente cunha referencia na rede ou por parte da crítica, na prensa... Algúns démolos atopado, outros non. Ademais, a editorial parece actuar, e isto tampouco non se axusta á lei, como home de palla para outras empresas. Así, por exemplo, a ourensá Ediciones Linteo foi ao cabo a que asumiu a publicación en castelán de Estúrdiga materia, título que a Xunta lle subvencionara, nominalmente e de maneira intransferible, a Ed. Danu S.L. Alguén debería dar unha explicación. A editorial Galaxia é unha editorial básica na historia da literatura galega. Sen ela non se entende nada. Por desgraza, tamén é a pedra de toque para entender o despropósito destas axudas. Unha iniciativa privada, con ou sen avoengo, non debería recibir case 28.000 euros para traducir 6 libros ao castelán e 4 ao portugués do Brasil. Esas aventuras, motivadas, estou convencido, por un afán recadador, non poden ser sufragadas pola Administración, coa escusa e o bombo dunha pretendida universalización da literatura galega, algo que si se debe facer, pero non de maneira bilateral consellaría-Galaxia. Así non. Isto é outra cousa. Edicións da Curuxa pediu en 2011 unha axuda para traducir o Cancioneiro de Petrarca, e en 2013 outra axuda para traducir A divina comedia de Dante. O tradutor foi, como en 1989 e 1990 respectivamente, Darío Xohán Cabana; o editor, Martiño Cabana, fillo do anterior. Para cada unha destas dúas re-traducións da mesma obra polo mesmo tradutor, a Xunta concedeu 6.000 euros, o máximo estipulado. Alguén, tamén aquí, debería dar unha ou varias explicacións por isto. O caso de Rinoceronte é tan complexo que cumpriría analizalo por separado. En todo caso, comentar que 156.044,95 € en catro anos é 16 a todas luces disparatado. É máis do dobre da segunda gran beneficiada, Galaxia. Menos pase ten se cadra que se lle outorguen estas remesas desproporcionadas cando –non é ningún segredo– o grupo ten unha política, perfectamente lícita, de acudir a diversas fontes públicas para financiar os seus libros; sexan as axudas do Fondo Cultural Nacional Húngaro e as da Fundación Húngara do Libro, as do Programa Cultura 2000 da Unión Europea, as da Asociación de Tradutores Galegos, as do Centro de Información de Literatura Finlandesa, as do Instituto do Libro de Polonia, as do Ministerio de Cultura de España, as do Fondo para a Promoción da Literatura Islandesa, as do Instituto para a Tradución de Literatura Hebraica, as do Programa Sur da República Arxentina e probablemente algunhas outras. É incomprensible que o tribunal adxudicase axudas á tradución a determinadas obras que xa contaban cunha versión en galego. Se é por descoñecemento, valla para pór novamente de manifesto a necesidade de designar uns membros expertos na materia. Se foi á mantenta, daquela non se entende nada. Nós detectamos, ademais do estraño caso que incumbe a Edicións da Curuxa, outros títulos como Otto é un rinoceronte, Tarzán de goma ou Peter Pan. En 2014 chama a atención unha remesa de 8.360 € para Asociación Cultural, así chamada, sen máis datos. Que asociación cultural é esa? A transparencia brilla pola súa ausencia. A consellaría, a través do Diario Oficial de Galicia, fixou unha contía máxima de 200.000 € para as axudas de 2011, unha contía específica de 168.000 € para 2012 e de novo volveu sobre a contía máxima de 200.000 € para os exercicios de 2013 e 2014 respectivamente. Namentres que si se respectou practicamente ao milímetro a cifra sinalada para 2012 (en concreto 167.999,20 €), nos outros 17 tres casos o orzamento destinado, cando menos en réxime de competencia, non foi de 200.000 euros, senón, en cifras redondas, de 196.000 € en 2011, 126.000 € en 2013 e 98.000 € en 2014. Por unha cuestión ética, as editoriais non deberiamos presentar todo e esperar que tanga a campá e o mandril analfabeto da Xunta, encargado de separar as obras en dúas pías (adxudicacións e descartes), deixe caer os dados. Como a ética non entende de imperativos, daquela é deber da Xunta, máis concretamente do comité de avaliación, verificar a produción real, sempre en galego, da editorial que presenta as obras. A partir de aí, valorar a proposta concreta e, en función da súa calidade e interese obxectivos decidir se a apoia economicamente. Para ben ser En vista de como están as cousas e en virtude da transparencia e da equidade, esta é a nosa proposta para un novo modelo de concesión de axudas á tradución de e para o galego. 1. Que o tribunal de avaliación das propostas sexa externo e o seu veredicto vinculante; isto é, os membros da comisión deberán cinguirse a un orzamento que a administración lles comunique de maneira previa, e á súa vez a administración non poderá modificar nin as contías nin os destinatarios das axudas concedidas. A consellaría só disporá dun membro nese tribunal, que se limitará a exercer labores de secretariado. 2. Que a reunión ou reunións nas que se dilucide a adxudicación das contías queden reflectidas nunha ou varias actas ás cales poida acceder calquera cidadán que o demande. 18 3. Que se distinga as propostas de tradución en función do xénero e tamén en función do público ao que van destinadas: infantil, xuvenil ou adulto/xeral. 4. Que neste tribunal externo e independente figuren polo menos un membro da Facultade de Tradución da Universidade de Vigo, un da Asociación de Tradutores Galegos, unha persoa especialista en literatura galega (sistema no que se haberán de integrar as traducións propostas), un representante das Facultades de Filoloxía en Galicia elixido polos distintos departamentos de lingua (e que deberá rotar periodicamente co gallo de facer visible as distintas linguas impartidas na Universidade galega). 5. Que non sexa posible destinar ningunha dotación económica para propostas que xa conten cunha tradución previa ao galego. 6. Que na resolución pública figuren non só as traducións que lograron unha axuda senón tamén aquelas que foron desestimadas polo comité. 7. Que a axuda se fragmente en dous conceptos: remuneración para o tradutor e gastos editoriais. De preferencia, a maior contía deberá destinarse ao pagamento da tradución. A parte correspondente á tradución non pasará pola conta da editorial senón que irá directamente á do tradutor. 8. Que, na medida do posible, o comité quede dividido en dúas faccións: unha encargada de analizar as propostas de tradución de literatura infantil e xuvenil e outra para facer o propio coa literatura para adultos. Estes oito puntos pretender anovar o proceso de concesión de axudas sen mudar o marco. Con todo, habería unha segunda opción: 19 convocar as axudas a través de Asociación de Tradutores Galegos, colectivo que ben merece unha maior visibilización e ao cal se dotaría anualmente duns cartos para a tradución. A ATG debería funcionar como catalizador das propostas das diversas editoriais e escolmar a partir dun criterios adoptados por consenso dos seus membros. Exercería o papel que agora ten o comité das catro persoas designadas pola Administración. A Consellaría debe xa que logo pór termo canto antes a este despropósito. Así a todo, a responsabilidade é compartida tamén polas editoriais, grandes e pequenas, que asumen á calada tan lamentable situación. É ben que se divulguen estes feitos e que o lector en galego estea en condicións de valorar que hai detrás dos libros que merca ou toma en préstamo. 20