Xosé Castro González

Anuncio
XOSÉ CASTRO CHANÉ
O 18 de xaneiro de 1856 naceu en Santiago de Compostela o destacado músico e patriota galego Xosé Castro
González. Anos despois foi popularmente coñecido polo nome de "mestro Chané". Fillo dun recoñecido
músico e concertista ferrolán que se destacou en todo estado español pola súa virtuosidade na execución da
guitarra, a cítara e a bandurra. Este don musical foi transmitido ao seu fillo, quen en temperá idade comezou a
executar os ditos instrumentos. Nos seus anos novos Chané inclinouse pola composición e o canto polifónico.
Foi nesta especialización onde obtivo os grandes éxitos da súa carreira artística. Aos 17 anos, no 1783, estreou
na Coruña a súa primeira composición. A mesma foi a música para un apropósito de Antonio Navarro titulada
"Una broma pesada".
Na cidade herculina concedéuselle unha cátedra na Escola de Belas Artes. Nesta cidade dirixiu o famoso
Orfeón "El Eco" que anteriormente estivera baixo a batuta do tamén famoso compositor Pascual Veiga. Con
este orfeón obtivo o primeiro premio no certame de Pontevedra (1880), no de Madrid (1887) e no de
Barcelona (1888). Neste último concurso tivo que competir ante as representacións de Cataluña e Francia.
Segundo conta Alberto Vilanova na súa semblanza do grande mestre:
"...Sendo tan extraordinaria a súa fama que ao regreso de Madrid, a Sociedade Musical Matritense nomeou a
Chané socio de mérito e obrigouno a dar un concerto que presidiu a Infanta Isabel. De alí tivo que pasar a San
Sebastián cantando no Palacio de Miramar ante a presencia da Raiña nai que felicitou calorosamente ao seu
director. Mais o máis rotundo dos triunfos deste orfeón galego foi o conquistado en París en 1889, onde
obtivo tamén o primeiro premio seriamente disputado a outros moitos orfeóns europeos, merecendo que o
alcalde parisino felicitase ao da Coruña polo seu magnífico elenco coral e recibise Chané os máis efusivos
parabéns de músicos da talla universal de Gounod e Thomas. Foi tan popular o nome de Chané ante a "tourné"
triunfal do seu conxunto que mereceu que o coñecesen publicamente polo afagador título do "Clavé galego",
asociándoo así ao nome do eminente fundador dos orfeóns cataláns...".
A pesar da súa fama que transecendeu as fronteiras do estado español, en 1885 despoxárono da súa cátedra.
Esta inxusta decisión fíxolle tomar o camiño da emigración. Foi así que seguindo o camiño de moitos
intelectuais da época se embarcou rumbo a Cuba. Ao chegar á Habana os seus paisanos, coñecedores da súa
valía intelectual e artística, encargáronlle a dirección do Orfeón "Ecos de Galicia", co cal fixo ao pouco tempo
a súa presentación no Teatro Payret. A repercusión da súa presentación tivo tan importante acollida que un
xornal habaneiro sinalou:
"... A el correspóndenlle todos os honores da festa da noite; a súa batuta prodixiosa ten movementos de
seguridade e precisión absolutos que revelan gusto exquisito, oído sutil, coñecementos musicais sólidos e
profundos e as inexplicables adiviñacións do xenio...".
Juan de la Cuesta, distinguido xornalista, sinalou tamén:
"...non só como director do orfeón e compositor deixou xustificados os seus títulos o señor Chané, senón que
se nos revelou director da orquestra de mérito indiscutible...". Quen foi en Cuba un dos seus grandes amigos
foi o escritor Curros Enríquez; este dixo desta primeira presentación:
"...Basten os transcritos para dar idea da admiración que o mestre Chané logrou conquistar na Habana e sexa
como un ramallete de preciosas flores que envían á súa nai os fillos desterrados...".
Desde a súa chegada a Cuba a súa amizade con Curros foi determinante para desenvolver unha extensa
actividade cultural e creativa. Chané púxolle música a varias poesías de Curros destacándose a variante "Unha
noite na eira do trigo", "Tangaraño", "Un adiós a Mariquiña", e "Os teus ollos". O poeta de Celanova Curros
1
Enríquez lembrou ao seu amigo Chané nunha curta poesía que di rimando:
AL MAESTRO CHANÉ
Perdona que a recibirte
no vaya al remolcador,
nunca a remolque ha sabido
navegar mi corazón.
El te acompañó a la patria
allí a su triunfo asistió,
te dió su aplauso en el teatro,
brindó en la cena en tu honor.
Y pues contigo regresa
de la larga expedición,
el ir a esperarte a ti
fuera ir a esperate yo.
A Habana, setembro de 1907
Naqueles conflictivos anos da independencia de Cuba e a guerra entre España e os Estados Unidos, existía
unha poderosa emigración galega. Ducias de xornais galegos e centros se fundaron ao longo da illa. O
rexionalista Waldo Álvarez Ínsua dirixía o poderoso Centro Galego da Habana. Ramón Armada Teixeiro e
Manuel Lugrís Freire fundaron en 1885 "A gaita galega", escrita integramente no noso idioma. Por este país
pasou a finais e comezos de século unha destacada xeración de intelectuais galegos que converteron á cidade
da Habana nunha expresión de grande envergadura da cultura galega. Entre as máis destacadas personalidades
do século XIX estaban Antón Vilar Ponte, Julio Sigüenza, Xosé Lesta Meis, Ramón Cabanillas e Xosé Crespo
Borbón (Creto Gangá), entre outros.
A vida cultural era moi intensa en medio dunha emigración ávida de expresións da terra. Foi así que por
aqueles anos ademais do Orfeón "Ecos de Galicia" existían os Orfeóns "Hércules" e "Glorias". Foi a
tenacidade de Curros nunha sistemática campaña para unificar os tres orfeóns a que concretou ese anceiado
sono. Construír un gran orfeón dirixido polo mestre Chané. A unificación das tres formacións corais
realizouse en 1896 cun sonado triunfo do grande mestre, recibindo importantes eloxios do público e da crítica.
Na Habana participou de distintas entidades galegas, entre elas a Asociación de Beneficiencia de Galicia e a
Comisión Protectora da Academia Galega, da cal foi secretario.
A Real Academia Galega foi unha das máis importantes iniciativas dos nosos emigrantes en América. Sería
pola iniciativa do ferrolán Xosé Fontenla Leal o feito de que se crease na Habana tan prestixiosa institución,
sendo o seu obxectivo o de defender a lingua e a cultura galega. O grupo de entusiastas patriotas, entre os que
estaba Chané, decidiron concederlle a presidencia desta institución a Manuel Curros Enriquez. Dous anos
máis tarde este grupo de apaixonados emigrantes estrean a canción galega "Os Pinos" de Pondal e Veiga,
converténdose esta posteriormente no actual Himno Galego.
Durante os intensos anos de estreita amizade entre Chané e Curros houbo unha breve etapa de desencontro
motivada por algunha referencia mal interpretada por Curros sobre a súa posición política, o que feriu os
sentimentos morais e ideolóxicos de Curros Enriquez. O afastamento temporal entre os dous grandes homes
do seu tempo rematou a través dun achegamento propiciado por amigos comúns. Amizade esta que se
manifestou con maior plenitude cando Curros agonizaba no Hospital asturiano "La Covadonga" e foi
abandonado pola maioría da colectividade galega. Entre os poucos que o acompañaron estaba a presencia
2
amiga do mestre Chané. A voz do mestre fíxose oir cando despois da morte de Curros o Centro Galego
organizou unha homenaxe póstuma. Alí Chané acusou aos directivos desa institución pola baixeza e
desvergoña do seu comportamento. Nunha das anécdotas que conta Alberto Vilanova di:
"...Cando a perda de Cuba pola intervención cobarde dos EE.UU., a illa apareceu inzada de bandeiras ianquis,
Curros e Chané conseguiron coma un reto que aparecese ondeando na fachada do Centro Galego o estandarte
español sen se arriar malia as ameazas de quen se crían lexítimos vencedores..."
En agosto de 1907, logo de moitos anos de ausencia, regresou á Coruña. A intelectualidade galega obsequiou
cun grande banquete presidido pola escritora Emilia Pardo Bazán. Entre as persoas presentes estaban Neira
Cancela, o doutor Rodríguez, Armada Teijeiro, Lugrís Freire, Martínez Fontenla e distintos directivos de
orfeóns galegos. Chané viviu os seus últimos anos na Habana onde seguiu ata os últimos días a escribir
música, e nos seus momentos de lecer executaba os distintos instrumentos de corda. Neste país casara e
deixou unha longa descedencia. A súa derradeira obra de composición foi "A lúa de Cangas", estreada polo
Orfeón "Ecos de Galicia" nunha velada en honra ao poeta viveirense Pastor Díaz.
Castro Chané morreu na Habana o 27 de xaneiro de 1917 sendo os seus restos trasladados á Coruña onde
chegaron o 4 de marzo, sendo inhumados no cemiterio coruñés. Durante o sepelio centos de persoas se deron
cita para homenaxear ao grande compositor galego. Toda a prensa da época resaltou de maneira notable a
chegada dos restos de Chané. O xornal "A Nosa Terra" voceiro das Irmandades da Fala sinalou nas súas
páxinas:
"No cemiterio da Coruña, preto de Curros, o seu irmán de raza, o seu compatriota, repousa xa para sempre o
mestre Chané. O grande Centro Galego da Habana honra dos `bos e xenerosos´, cumpre co seu deber
mandándonos os sagrados restos do autor da Foliada. Galiza enteira cumpriu tamén o seu deber, facéndolle ao
mestre un enterro garimoso e solemne...". "...Non sabemos se os espiritos na outra noite, ben na propia campa
ou nos Campos Elíseos, á soma dos buxos virxiliáns, paragrafean aparellados. Se así fose, Curros e Chané que
espiritualmente se xuntaron no "Adiós a Mariquiña", dende agora falarán coa voz do misterio fala eterna sen
palabras, os corazóns da mocidade galega para que manteña acesa a luz santa do enxebrismo redentor.
Xa pasou dos inxenuos orfeóns, os estandartes −reliquias que tremeron no enterro do Clavé galego, hai que
conservalos como gloriosas relembranzas históricas. Fagamos −¡ou somas queridas de Curros e Chané!−
porque xurda o mestre capaz de concertar voces pra defensa de Galiza: pensemos nas cordas que serven para
facer lazos corredizos nas árbores".
A figura de Chané despois da súa morte foi lembrada sistematicamente polo incipiente nacionalismo galego,
como así tamén pola emigración dispersa por América. A Federación de Sociedades Galegas da República
Arxentina nos seus primeiros congresos chegou resolver que anualmente farían homenaxes ás figuras máis
destacadas da historia de Galiza, entre elas o Mariscal Pardo de Cela, Rosalía de Castro, Curros Enriquez e
Castro Chané.
3
Descargar