A Revolución Industrial foi unha das dúas grandes transformacións que marcaron o comezo do mundo contemporáneo en Occidente. Esta comezou a mediados do século XVIII en Inglaterra e, posteriormente, foise estendendo a outros países europeos. As revolucións políticas que puxeron fin ao Antigo Réxime implantaron réximes constitucionais e aboliron o feudalismo e os estamentos. Grazas á transición demográfica desta época e, como consecuencia desta, o aumento da demanda de produtos de consumo, produciuse tamén un importante crecemento económico. Estes cambios propiciaron o nacemento da industria moderna e iniciaron un fondo cambio nas formas de vida. A Revolución Industrial foi un proceso de cambio que afectou a todos os sectores da economía e da sociedade. Caracterizouse polo uso do carbón como fonte de enerxía, a máquina de vapor e a fábrica como símbolos do novo mecanismo, e a industria téxtil do algodón como pioneira do cambio. Ata o século XVIII, gran parte do terreo agrícola de Inglaterra eran propiedades comunais de explotación colectiva. Como podemos ver no documento 1, nun primeiro momento, as leis de cercados aprobadas polo Parlamento Británico non tiveron unha boa aceptación por parte dos campesiños pois, se os terreos se privatizaban, terían dificultades para subsistir e veríanse na obriga de marchar para buscar traballo nas cidades. Non obstante, as leis de cercados e a introdución de novidades técnicas na agricultura, fixeron que aumentara a produtividade da terra e, en consecuencia, os ingresos dos propietarios agrícolas. O campo subministraba alimento e materias primas para a industria e man de obra para traballar nas fábricas. O documento dous é un claro exemplo disto, referíndose á industria algodoeira. Relacionado con isto, cabe sinalar o forte impacto que se produciu tamén grazas a este cambio agrícola nas formas de produción. Ata ese momento predominaba o sistema de traballo a domicilio: “ Nos comezos da industria algodoeira todas as operacións (...) fanse na casa do tecedor”. Coa industrialización e coa introdución das máquinas no proceso de produción, os obradoiros artesanais foron desaparecendo e a fabricación de produtos trasladouse ás fábricas: “Todas as operacións desenvólvense nun só edificio”. Este texto mostra como a industria do algodón foi o motor dos cambios. A crecente demanda de fío fixo necesario o desenvolvemento da máquina de fiar, o que permitiu aumentar a súa produción. Así mesmo, estes cambios non serían posibles sen a introdución da máquina de vapor, un dos símbolos máis importantes do inicio da Revolución Industrial. Este invento permitía utilizar a forza do vapor para mover as fiadeiras e os teares. De aí que se faga referencia no texto ás fábricas movidas polo vapor. Tanto a oposición aos cercados da que se fala no documento 1 como o auxe da produción algodoeira reflexada no documento 2, mostran claramente os importantes cambios que supuxeron a Revolución Agrícola e a Revolución Industrial na sociedade da época. A pesar de que o sector primario se viu favorecido coa lei de cercados, o poder da industrialización fará que pouco a pouco vaia perdendo importancia, deixándolle un maior protagonismo ao traballo especializado nas fábricas.